Plácido Castro en 10 preguntas

  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7
  • 8
  • 9
  • 10
Retrato de Plácido Castro con Cunqueiro
Con Fernández del Riego e os irmans Álvarez Blázquez
  • 1. ¿Onde radica a singularidade de Plácido Castro?

    Primeiro, non era habitual no galeguismo a presenza de persoas procedentes dunha clase social moi acomodada. Segundo, no seu compromiso galeguista influíu sobranceiramente a observación e o coñecemento profundo da vida política británica, sen que iso o levara a ignorar ou desprezar o propio. Terceiro, desenvolveu, na teoría e na práctica e máis ca ninguén no seu tempo, a idea da inserción internacional de Galicia, definindo os eixes básicos dunha política exterior de vocación universalista.

  • 2. ¿Que formación recibiu Plácido Castro?

    Sendo moi cativo, foi enviado pola familia a estudar no Reino Unido. Na Universidade de Glasgow licenciouse en Filoloxía Inglesa. Alí recibiu unha formación moi exquisita para a época, que puido complementar coas súas viaxes polas Illas e, sobre todo, Irlanda, naquel tempo unha referencia para o movemento galeguista, onde atoparía un valioso conxunto de experiencias útiles. O contacto coa sociedade británica da época, a educación recibida e unha curiosidade innata fixeron agromar nel un amplo saber e un profundo sentimento humanista que despregou con humildade tanto en mil citas e erudicións como no seu compromiso cotián.

  • 3. ¿Como se fixo galeguista?

    Dúas circunstancias influíron. En primeiro lugar, a convicción de que o progreso real dos pobos pasa pola conservación e defensa da súa identidade. En segundo lugar, o contraste desas ideas con aqueles galeguistas cos que conversaba durante as súas estadías de verán en Galicia, en especial, cos irmáns Vilar Ponte, na cidade da Coruña. O convencemento de que eran os galeguistas os que mellor defendían a identidade de Galicia levouno a militar nas súas filas. Plácido prestou atención ao estudo da saudade (instinto da vida, dicía) e á defensa das raíces célticas de Galicia por considerar que eses elementos diferenciadores deberían contar na concepción identitaria da nosa Terra.

  • 4. ¿Que ideas principais poden resumir o pensamento de Plácido Castro?

    Na formulación dun progreso con identidade pode estar a clave. A defensa da identidade en Plácido non o levaba a ser conservador (todo o contrario), senón a promover unha idea do progreso que non destruíse aquelo que fai a Galicia e os galegos diferentes dos demáis, concibindo esa preservación, non como unha defensa numantina fronte a hipotéticos invasores externos, senón como unha obriga cívica para con toda a humanidade. A aceptación e defensa da diversidade (dende a lingua ao patrimonio natural), non como un problema, senón como un valor que a humanidade debe preservar, forma parte desa concepción progresista de Plácido Castro.

  • 5. ¿Cales son as súas principais facetas?

    Cómpre destacar tres. Primeiro, a de xornalista. Segundo, a de militante político. Terceiro, a de tradutor.

  • 6. ¿Que dicir do Plácido xornalista?

    Excelente articulista, pouco despois de cumprir 25 anos comezou a enviar as súas “Crónicas desde Londres” ao diario El Pueblo Gallego, editado en Vigo. Ese foi o comezo dunha actividade que estaría presente ao longo de toda a súa vida, tanto antes como despois da Guerra Civil. Esas dúas etapas marcarían compromisos e temáticas diferentes. Se, na primeira, a análise política ou social era a clave predominante; na segunda, o costumismo e os temas literarios e culturais predominaron sobre calquera outro. A súa colaboración co Jornal de Noticias de Portugal, con prensa arxentina ou coa BBC –nos programas en galego, español e en inglés- ilustran unha densa e rica traxectoria.

  • 7. ¿E do militante político?

    Foi membro da dirección do Partido Galeguista dende a súa fundación, formando parte do seu núcleo principal, a Comisión Executiva. Participou en todas as súas campañas políticas. E, sobre todo, levou a voz galega ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas (organismo adscrito á Sociedade de Nacións), celebrado en Berna en 1933, onde Galicia foi recoñecida como unha nacionalidade.

  • 8. ¿E do tradutor?

    Amante do teatro e da poesía, traduciu a W. B. Yeats, Rossetti, Blake, etc. As súas traducións de escritores británicos e irlandeses gozan dun recoñecemento xeral. A versión galega de “As Rubáiyát” do poeta persa Omar Khayyám, constitúe un revelador exemplo do seu bo facer. En 1946, xunto a Tobío e Gurriarán recibiu o recoñecemento da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina.

  • 9. ¿Como encadralo en termos de ideoloxía política?

    Galeguista e universalista, Plácido era un liberal demócrata, pacifista e progresista, admirador do parlamentarismo, e cunha considerable sensibilidade social que progresivamente o levou a reivindicar  posicións de esquerda no seo do Partido Galeguista.

  • 10. ¿Como concibía o nacionalismo?

    Primeiro, como un movemento político moderno e que aporta modernidade. En segundo lugar, como a doutrina que mellor pode liberar a creatividade dos galegos. Terceiro, como un novo estilo de política, facendo da honestidade o principal valor cívico. Cuarto, como unha nova forma de unión e non de separación, base esencial dun futuro estable, apostando polas nacións pequenas porque nelas pódense fortalecer mellor os ideais de democracia e de paz, sen ceder a tentacións militaristas nin imperialistas. Quinto, as relacións entre diferentes comunidades nun estado plurinacional deben asentar no recoñecemento do autogoberno, e os poderes centrais deben promover a lealdade, exaltando –e non negando e reprimindo- as identidades nacionais dos pobos que conforman unha determinada realidade estatal.

Obra

As acuarelas

16

Unha colección breve de debuxo a acuarela realizadas por Plácido.

Ensaios e outras obras

4

Reflexións de Plácido Castro que revelan as grandes preocupacións.

Obra periodística

141

Artigos e colaboracións de Plácido Castro en xornais e revistas.

Obra poética inédita

2

Poemas inéditos de Plácido Castro

Traducións

7

Acó presentamos unha escolma de traducións.

  • Libro "Verbas altánticas"

     

  • fundacion-placido-castro---placido diapositiva

PORTADA