Plácido Castro en 10 preguntas

Plácido Castro en 10 preguntas

Plácido Castro (1902-1967) é unha figura orixinal e singular no panorama galeguista de comezos do século XX.

1. ¿Onde radica a singularidade de Plácido Castro?

Primeiro, non era habitual no galeguismo a presenza de persoas procedentes dunha clase social moi acomodada. Segundo, no seu compromiso galeguista influíu sobranceiramente a observación e o coñecemento profundo da vida política británica, sen que iso o levara a ignorar ou desprezar o propio.

Retrato de Plácido Castro con Cunqueiro

2. ¿Que formación recibiu Plácido Castro?

Sendo moi cativo, foi enviado pola familia a estudar no Reino Unido. Na Universidade de Glasgow licenciouse en Filoloxía Inglesa. Alí recibiu unha formación moi exquisita para a época, que puido complementar coas súas viaxes polas Illas e, sobre todo, Irlanda, naquel tempo unha referencia para o movemento galeguista, onde atoparía un valioso conxunto de experiencias útiles.

3. ¿Como se fixo galeguista?

Dúas circunstancias influíron. En primeiro lugar, a convicción de que o progreso real dos pobos pasa pola conservación e defensa da súa identidade. En segundo lugar, o contraste desas ideas con aqueles galeguistas cos que conversaba durante as súas estadías de verán en Galicia, en especial, cos irmáns Vilar Ponte, na cidade da Coruña.

4. ¿Que ideas principais poden resumir o pensamento de Plácido Castro?

Na formulación dun progreso con identidade pode estar a clave. A defensa da identidade en Plácido non o levaba a ser conservador (todo o contrario), senón a promover unha idea do progreso que non destruíse aquelo que fai a Galicia e os galegos diferentes dos demáis, concibindo esa preservación, non como unha defensa numantina fronte a hipotéticos invasores externos, senón como unha obriga cívica para con toda a humanidade.

6. ¿Que dicir do Plácido xornalista?

Excelente articulista, pouco despois de cumprir 25 anos comezou a enviar as súas “Crónicas desde Londres” ao diario El Pueblo Gallego, editado en Vigo. Ese foi o comezo dunha actividade que estaría presente ao longo de toda a súa vida, tanto antes como despois da Guerra Civil.

7. ¿E do militante político?

Foi membro da dirección do Partido Galeguista dende a súa fundación, formando parte do seu núcleo principal, a Comisión Executiva. Participou en todas as súas campañas políticas. E, sobre todo, levou a voz galega ao IX Congreso de Nacionalidades Europeas (organismo adscrito á Sociedade de Nacións), celebrado en Berna en 1933, onde Galicia foi recoñecida como unha nacionalidade.

8. ¿E do tradutor?

Amante do teatro e da poesía, traduciu a W. B. Yeats, Rossetti, Blake, etc. As súas traducións de escritores británicos e irlandeses gozan dun recoñecemento xeral. A versión galega de “As Rubáiyát” do poeta persa Omar Khayyám, constitúe un revelador exemplo do seu bo facer.

9. ¿Como encadralo en termos de ideoloxía política?

Galeguista e universalista, Plácido era un liberal demócrata, pacifista e progresista, admirador do parlamentarismo, e cunha considerable sensibilidade social que progresivamente o levou a reivindicar  posicións de esquerda no seo do Partido Galeguista.

Con Fernández del Riego e os irmans Álvarez Blázquez

10. ¿Como concibía o nacionalismo?

Primeiro, como un movemento político moderno e que aporta modernidade. En segundo lugar, como a doutrina que mellor pode liberar a creatividade dos galegos. Terceiro, como un novo estilo de política, facendo da honestidade o principal valor cívico.