A AGPTI súmase á Fundación Plácido Castro

A AGPTI súmase á Fundación Plácido Castro

A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación ven de sumarse á Fundación Plácido Castro, pasando a integrar o seu Padroado.

Esta asociación reúne as/os profesionais da tradución e da interpretación que traballan en Galicia. A súa presidenta é Iria Taibo Corsanego.

No Padroado da Fundación tamén participa a Asociación de Tradutores Galegos, sendo unha das entidades fundacionais.

Coa suma destas dúas entidades relacionadas coa tradución, a Fundación Plácido Castro quer impulsar aínda máis a súa vinculación cunha dimensión que conformou boa parte da traxectoria vital e intelectual de Plácido Castro.

A Fundación, que promove un Premio de tradución que vai xa pola décimo oitava edición, quer facer da tradución un eixe que destaque na súa axenda de iniciativas e actividades. Entre outros, pretende que a súa nova sede de Cambados actúe como referencia para pensar o mundo da tradución en Galicia e para trazar unha folla de ruta que facilite a maior dignificación e recoñecemento deste labor e a promoción da presenza da lingua galega neste ámbito.

A integración da AGPTI na Fundación Plácido Castro achegará os intereses e expectativas desta comunidade profesional e contribuirá a establecer sinerxías para potenciar e visibilizar a importancia da tradución  para o conxunto da nosa cultura e da nosa sociedade.

 

Arquivos anexos a descargar: