A Fundación Plácido Castro estrea web para achegar a figura do corcubionés ao mundo 2.0

A Fundación Plácido Castro estrea web para achegar a figura do corcubionés ao mundo 2.0

Captura de pantalla da web da Fundación

A Fundación Plácido Castro vén de estrear a súa web www.fundacionplacidocastro.com na que recolle información básica sobre a entidade e as súas actividades pero, sobre todo, documenta ao corcubionés Plácido Castro, tanto no que fai á súa traxectoria vital como ás súas dimensións como xornalista, tradutor ou galeguista, pero tamén poeta ou acuarelista, entre outros.

A web, elaborada por Positibos, achega unha importante bagaxe documental que é ofrecida cun formato atractivo e dinámico, acompañado de ilustracións, fotografías e vídeo que permiten un percorrido áxil e suxerinte, permitindo unha rápida aprehensión dos trazos esenciais do seu perfil biográfico.

As conferencias anuais, os premios de tradución, as publicacións, etc., tamén atopan acubillo nesta web que igualmente reflicte opinións e análises de múltiples persoeiros arredor desta personaxe, a cada paso máis recoñecida.

Todo isto grazas a aplicación das ferramentas que nos ofrecen as Novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación. Unha aposta pola innovación da Fundación que non remata na web. As redes sociais son hoxe un factor fundamental para a comunicación de calquera institución. Así, a figura de Plácido Castro terá presencia nas principais plataformas 2.0: Facebook (www.facebook.com/fundacion.placido.castro) e Twitter (@PlacidoRCastro).

A Fundación Plácido Castro, constituída polos concellos de Cambados, Corcubión e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI, confía en que esta web contribúa a facilitar o coñecemento público desta figura e a posta en valor da súa traxectoria e obra, un empeño no que leva perseverando desde a súa constitución hai tres lustros.