Irlanda na retina de Plácido Castro

Irlanda na retina de Plácido Castro

Este mes de xuño, Irlanda será a gran protagonista das actividades principais da Fundación Plácido Castro.

O 21 de xuño inauguraremos na sala Rivas Briones de Vilagarcía de Arousa, a exposición “A Irlanda de Plácido Castro”, que reproduce 45 instantáneas realizadas polo intelectual de Corcubión durante a súa viaxe a Irlanda en 1928.

Agrupadas en catro seccións (Xentes, Vida, Patrimonio e Paisaxe), constitúen un vivo testemuño de gran interese, especialmente as fotografías relativas ás illas Blasket.

En 2013, a Fundación Plácido Castro recolleu nunha publicación as colaboracións xornalísticas que Plácido publicou na altura no diario El Pueblo Gallego como parte da súa crónica.

A mostra complementarase con diversos paneis e obxectos relativos á vida, obra e pensamento de Plácido Castro, incluindo pezas únicas que actualmente están en poder da familia, cedidas expresamente para a ocasión.

Ademais, o 25 de xuño analizarase esta viaxe no contexto das relacións entre Galicia e Irlanda nun seminario no que participarán David Clark, Keith Payne, Uxío Breogán Diéguez-Cequiel ou Manuela Palacios.

As iniciativas contan co apoio da Embaixada de Irlanda en España, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o concello de Vilagarcía de Arousa.

Arquivos anexos a descargar: