18ª Conferencia Anual Plácido Castro: “Plácido R. Castro e a loita pola Autonomía de Galicia”

18ª Conferencia Anual Plácido Castro: “Plácido R. Castro e a loita pola Autonomía de Galicia”

Pronunciada por Justo Beramendi en Fene, 25 de Xaneiro de 2017

Antes de entrar en materia debo dicir que é para min un motivo de fondo agradecemento que a Fundación Plácido Castro me invitase a participar na súa actividade conmemorativa anual que hoxe celebramos na Casa da Cultura de Fene grazas á hospitalidade do seu Concello.

A CUESTIÓN NACIONAL NA ANTESALA DA REPÚBLICA

A natureza plurinacional do Estado español foi adquirindo corpo nas primeiras décadas do século XIX, en parte como consecuencia do chamado Desastre de 1898, en parte pola maduración dos movementos precursores dos nacionalismos subestatais en Cataluña, Euskadi e, en menor medida, Galicia.

A primeira creba da unicidade nacional española comezara en 1901-1907 en Cataluña. A perda das últimas colonias de valor en 1898 propiciou o cambio de referente nacional dunha parte importante da burguesía catalá, que nos anos seguintes puxo a súa influencia e os seus recursos ao servizo dun rexionalismo que simultaneamente mutou en nacionalismo. O primeiro froito chegou nas eleccións xerais de 1901 cando a candidatura catalanista chamada “dos catro presidentes” (do Fomento del Trabajo Nacional, da Liga de Defensa Industrial y Comercial, do Ateneo de Barcelona e da Lliga Regionalista) copou a representación do distrito de Barcelona, na que foi primeira derrota plena dos partidos oficialistas dende o comezo da Restauración en 1874. O segundo e definitivo golpe ao sistema en Cataluña foron as eleccións de 1907, nas que a Solidaritat Catalana, unha coalición de republicanos, tradicionalistas e nacionalistas encabezada pola Lliga, obtivo 41 dos 45 deputados que Cataluña enviaba ao Congreso. A partir de aquí o nacionalismo catalán hexemonizou a política catalá sen interrupción até a Guerra Civil e impulsou un proceso de nacionalización alternativo dende a prensa, as asociacións civís e as institucións, nomeadamente dende a Mancomunitat creada en 1914. Así naceu a nación catalá como realidade sociopolítica maioritaria e non só como proxecto do nacionalismo correspondente. Porén, a composición interna dese nacionalismo cambiará moito á altura de 1930. A colaboración da conservadora Lliga co Estado español nos anos vinte para combater o movemento obreiro fíxolle perder apoios sociais mentres o conxunto do nacionalismo os gañaba, de modo que no abrente da República a forza maioritaria pasou a ser unha coalición de esquerda, con algún compoñente independentista: a Esquerra Republicana de Catalunya.

A fundación do Partido Nacionalista Vasco en 1895, sobre bases ideolóxicas inicialmente católico-tradicionalistas e separatistas, foi o primeiro paso doutro proceso de nacionalización alternativa que progresou con dificultades nas primeiras décadas. Se ben o nacionalismo vasco, ao contrario que en Cataluña, non conseguiu a hexemonía política no seu territorio, nos anos trinta a sociedade vasca estaría xa fondamente escindida en dúas lealdades nacionais moi enfrontadas entre si.

O nacionalismo galego, nado en 1918 no seo das Irmandades da Fala e cun programa de federalismo radical e de democratización e galeguización completa, non foi quen de impulsar un movemento sociopolítico potente na última etapa da Restauración a causa tanto da ineficiencia do modelo organizativo das Irmandades como das discrepancias tácticas entre o sector católico-tradicionalista e o demócrata filo-republicano. Porén, pasada a Ditadura de Primo de Rivera (1923-1929), coñeceu unha vizosa reactivación en numerosos grupos locais de tamaño desigual, nomeadamente nas provincias de Pontevedra e Ourense. Salientaban o Grupo Autonomista Galego de Vigo, o Partido Galeguista de Pontevedra e a Irmandade de Ourense (logo Partido Nazonalista Repubricán de Ourense), os tres con numerosas filiais en vilas das súas respectivas áreas de influencia. Nas provincias de Coruña e Lugo ese rexurdimento viuse debilitado pola converxencia previa da poderosa Irmandade da Coruña, a máis grande e mellor organizada de todas, co grupo republicano de Santiago Casares Quiroga para formar en 1929 a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), partido autonomista pero non nacionalista.

En todo caso, cando chega a Segunda República en abril de 1931, a existencia destes tres nacionalismos, especialmente dos dous primeiros, situaba a cuestión nacional e o seu corolario, a distribución territorial do poder no novo Estado, nun dos primeiros postos da axenda política. Neste asunto había algo que estaba moi claro para todos os partidarios do novo réxime (non así para as dereitas españolas): a continuidade do vello centralismo que caracterizara ininterrompidamente á monarquía parlamentaria española dende 1812 era imposible. Outra cousa era qué tipo de descentralización contemplaría a nova Constitución. Naturalmente, o nacionalismo galego, conforme ao seu programa fundacional, optaba por unha República Federal, isto é, por un Estado galego federado e cun nivel moi alto de autogoberno. Esta era tamén, en principio, a opción da maioría do nacionalismo catalán e dunha parte, de magnitude por descubrir, do republicanismo español.

A PRIMEIRA FASE DO PROCESO AUTONÓMICO (1931-1933)

Os movementos pro-autonomía comezaron moi cedo en Galicia, mesmo antes das eleccións a Cortes Constituíntes. O sector ex-nacionalista da ORGA (Antón Villar Ponte e Lois Peña Novo) organizou o 4 de xuño de 1931 unha asemblea na Coruña  aproveitando que Casares Quiroga estaba moi ocupado en Madrid como membro do goberno provisional. Presentáronse dous textos nacionalistas (o proxecto elaborado no seo do Seminario de Estudos Galegos e as Bases de Labor Galeguista de Pontevedra), unhas Bases feitas polos convocantes e moi semellantes ao texto do SEG co que coincidía no suposto dunha República Federal, unha proposta rexionalista do Secretariado de Galicia en Madrid e algunhas outras iniciativas de menor entidade. Finalmente a asemblea aprobou un proxecto que coincidía en todo o importante co presentado pola ORGA. Parecía que o proceso para dotar a Galicia de autonomía política arrancaba con forza. Pero axiña houbo indicios de que a cousa podía non ser doada. O dato máis preocupante para os nacionalistas foi o rápido cambio de actitude da ORGA, o partido con máis poder real na Galicia do momento porque controlaba os gobernos civís e as comisións xestoras das Deputacións Provinciais nomeadas polo goberno, que deixou o asunto aparcado so pretexto de que había que preparar as inminentes eleccións a Cortes Constituíntes e que era lóxico agardar á aprobación da Constitución para seguir adiante.

As eleccións de 28 de xuño foron un triunfo para a ORGA (que pouco despois pasou a denominarse Partido Republicano Gallego) e deron resultados relativamente bós para o nacionalismo, tendo en conta as circunstancias. A Candidatura Galeguista obtivo un escano para Castelao en Pontevedra e o PNRO outro para Otero Pedrayo en Ourense, aos que cabía sumar os de Antón Villar Ponte e Ramón Suárez Picallo conseguidos na Coruña dentro das listas da ORGA. Naturalmente os catro acudían a Madrid a loitar pola República Federal.

Na elaboración, debate e aprobación da Constitución (xullo-decembro de 1931) axiña ficou claro algo do que xa había indicios anteriores: o ascenso dos nacionalismos catalán e vasco nas décadas anteriores contribuíra a modificar as actitudes das forzas políticas de ámbito español verbo do modelo de Estado máis desexable, e nomeadamente as das que máis importaban agora, pois eran as que sostiñan o goberno: republicanos e socialistas. O federalismo fora perdendo terreo dentro do conxunto dos republicanos, e a isto probablemente non foron alleos tanto o reforzamento xeral do organicismo na concepción da nación española pola influencia omnipresente do rexeneracionismo como sobre todo a perigosa perspectiva de que dous territorios tan fundamentais para España puidesen ser gobernados por senllos nacionalismos subestatais cos altísimos niveis de poder propio que prevían os proxectos federais de 1873 e 1883. E a isto había que engadir no caso vasco o agravante de que o nacionalismo en cuestión mantiña unha ideoloxía teoricamente separatista, amén de confesional e retrógrada, isto é, radicalmente incompatible coa democracia republicana. De aquí o maioritario rexeite a que o País Vasco puidese converterse nese “Gibraltar vaticanista” que denunciaba o socialista Indalecio Prieto. Non é sorprendente, pois, que no republicanismo dominasen dúas actitudes, a unitarista e claramente hostil a eses nacionalismos, encarnada no Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux pero compartida tamén por outras formacións republicanas, e a máis tolerante coa España plurinacional, propia dos republicanos que, sen ser federalistas, situábanse á esquerda dos lerrouxistas, como a Acción Republicana de Manuel Azaña ou o Partido Republicano Radical-Socialista.

Non obstante, a tolerancia destes partidos tiña uns límites políticos moi claros: estaban dispostos a conceder algún autogoberno aos territorios cun nacionalismo subestatal forte, pero sempre que o poder central conservase os mecanismos de control precisos para corrixir calquera posible desviación independentista, presente ou futura. Dito doutro modo, sempre que a soberanía non fose compartida senón que continuase íntegra no centro do sistema. Este era o verdadeiro sentido da fórmula que o Partido Republicano Radical-Socialista incluíra no seu Ideario, aprobado en setembro de 1930: “Autonomía de las regiones naturales tan amplia como su desenvolvimiento y capacitación política lo permita”.

O PSOE mantiña nisto unha postura moi similar á dos republicanos autonomistas. Se ben non manifestaba unha oposición programática ao federalismo, a cuestión nacional non figuraba entre as súas principais preocupacións nin era esa a vía que prefería para a articulación do Estado español. De feito no seu Congreso Extraordinario de 7-11 de xullo de 1931, atendendo os argumentos de Fernando de los Ríos e doutros, rexeitou a proposta a prol dunha República federal presentada polos delegados de Valladolid co apoio dos de Cataluña e acordou apoiar as reivindicacións autonomistas pero sen pronunciarse sobre a forma concreta de Estado.

Resumindo, mentres se debatía a Constitución, as únicas presións fortes a favor dunha descentralización radical chegaban de Cataluña e do País Vasco. No resto, incluída Galicia, só había, no mellor dos casos, tibias manifestacións autonomistas e no peor indiferenza ou hostilidade. E no Congreso dos Deputados as posturas federalistas eran moi minoritarias. O exemplo da Constitución de Weimar de 1919, convenientemente adaptado á baixa, forneceu unha saída intermedia entre o modelo centralista de sempre, que resultaba inviable daquela, e o federal, que a maioría rexeitaba. O propio Luis Jiménez de Asúa, na súa presentación do proxecto ao pleno da cámara, deixaba clara esta vontade de equidistancia entre os dous vellos polos antitéticos, que el declarou en crise e inviables. No seu lugar propoñía un novo modelo que pretendía combinar equilibradamente a descentralización política coa unidade nacional. Era o “Estado integral, compatible con la autonomía de los Municipios y las Regiones”. Aquí a verba “integral” tiña, como imos ver, uns contidos moi diferentes dos da autonomía do mesmo nome que viñan reivindicando dende moito antes os nacionalistas cataláns e galegos.[1] Vexamos en qué consistía o invento.

Unha cuestión fundamental en todo modelo de Estado é a do suxeito ou suxeitos de soberanía ou, falando en prata, a de quén decide qué. A opción que se elixa neste asunto condiciona o organigrama básico. No modelo centralizado ou unitario hai un único suxeito de soberanía, que é a nación de referencia, ou suma de tódolos cidadáns con dereitos políticos plenos. Xa que logo, non hai soberanías compartidas verticalmente senón unha soa capacidade de decisión que se distribúe horizontalmente no cumio do sistema entre os diferentes órganos máximos de poder (lexislativo, executivo, xudicial). No modelo autenticamente federal, na orixe (real ou teórica) do sistema hai varios suxeitos previos que ceden unha parte da súa soberanía orixinaria na federación, pero reteñen a outra parte. Hai polo tanto unha distribución vertical (territorial) da capacidade de decisión, á parte da distribución horizontal (dimensional) que ademais se repite nos dous chanzos (Estado federado e Federación).

Disto isto, ¿ónde cabe situar o Estado deseñado na Constitución aprobada o 9 de decembro de 1931? Neste texto só atopamos un suxeito de soberanía: a nación española  (aínda que preferentemente chamada “pueblo”), representada polo Congreso dos Deputados e o Presidente da República. Isto ponse claramente de manifesto en varias características: a capacidade suprema de decisión en tódolos ámbitos residía sempre nos órganos centrais do sistema, mesmo aínda que existisen autonomías; non se declaraba extinguido o centralismo senón que a planta territorial básica “por defecto” do Estado era a de sempre, pois municipio e provincia seguían a ser os seus entes ordinarios, se ben se introducía a posibilidade de cambiala pero só naquelas “regiones que se constituyan en régimen de autonomía” (art. 8) mediante a unión de “una o varias provincias limítrofes, con características históricas, culturales y económicas comunes” (art. 11),  para o que se lles esixía que demostrasen ter unha forte vontade autonomista.[2] En todo caso, aínda cumprindo os duros requisitos establecidos, que facían case obrigatoria a fraude electoral nos referendos para sacalos adiante, a facultade de conceder a autonomía residía sempre no lexislativo central. Tamén a de limitar mediante leis básicas a capacidade lexislativa delegada nas rexións (art. 19), ou a de pasar por riba das competencias transferidas utilizando a facultade regulamentaria sempre que o executivo central o estimase conveniente.[3]

Que a autonomía era entendida dun modo radicalmente diferente á concepción propia do federalismo revelábase tamén na inexistencia dunha segunda cámara para a articulación territorial e na prohibición expresa de que as rexións autónomas puidesen federarse (art. 13) e de que calquera norma rexional introducise “diferencia de trato entre los naturales del país y los demás españoles”. A visión nacionalmente unitaria que latexaba en todo o articulado manifestábase tamén simbolicamente tanto na terminoloxía (nación/rexións) como no feito de que o art. 4 repetise case literalmente o art. 8 do proxecto de Primo de Rivera, o primeiro na historia constitucional española que declarou o castelán idioma oficial do Estado, ao que agora se engadía que era de obrigado coñecemento para todos, sen prexuízo dos dereitos que se puidesen recoñecer a outras linguas.[4] Nesta mesma vea, fixábase, tamén por primeira vez, a composición da bandeira.

Verbo do reparto de competencias, o art. 14 establecía as 18 materias “de exclusiva competencia del Estado español” (como se as rexións autónomas non fosen parte do Estado) en lexislación e execución directa.[5] O art. 15 enumeraba 13 materias das que podería cederse a execución ás rexións autónomas, “en la medida de su capacidad política, a juicio de las Cortes”, apostila que mesmo era humillante.[6] E o art. 16 establecía por exclusión, e sen enumeralos, os ámbitos competenciais nos que as rexións terían capacidade lexislativa e executiva directa se estaban contemplados expresamente nos seus Estatutos. Un repaso ás dúas notas precedentes indícanos que as posibilidades que quedaban eran: cultura, vivenda e urbanismo, desenvolvemento da lexislación básica sobre actividades económicas, comunicacións e orde público intrarrexional e unha parte do dereito civil se na rexión había tradición propia nese eido. Na cuestión fundamental do sistema educativo, o poder central apenas cedía nada. Os ensinos primario, secundario e universitario oficiais eran os estatais e só se permitía ás rexións autónomas que establecesen en paralelo redes propias de centros que, en realidade, tiñan a consideración de privados, pois o seu alumnado debería convalidar os estudos mediante exames nos centros oficiais.

Está claro que, se ben o Estado integral constituía un avance descentralizador notable nun país cunha tradición constitucional tan centralista, as autonomías previstas ficaban moi por baixo, non só das aspiracións dos nacionalismos subestatais non separatistas, senón tamén dos proxectos anteriores do índole federalista do propio nacionalismo español. O medo a que eses nacionalismos negadores da nación española utilizasen a federación como antesala da separación, inexistente ou moito menos xustificado no século XIX, cobrábase agora a súa factura. En todo caso estas eran as regras do xogo contidas nunha Constitución que foi aprobada con 368 votos a favor e a oposición implícita de 89 deputados ausentes, grupo este que englobaba as dereitas española, catalanista e vasconavarra.

Durante estes meses, Plácido Castro, que retornara a Galicia en 1930 e ingresara nas Irmandades, contribuía dende a prensa á loita pola autonomía.[7] Tamén participou no proceso de converxencia de todos os grupos nacionalistas, necesario para dotar a esa loita dun instrumento forte e eficaz. E así, asistiu en decembro á fundación en Pontevedra do Partido Galeguista. O feito de que nesa asemblea fose elixido vocal do órgano de dirección indica que os seus compañeiros xa lle consideraban unha das novas promesas do nacionalismo galego.

Entre tanto, os deputados nacionalistas se integraran dende xullo xunto cos da ORGA-PRG na Minoría Gallega do Congreso. Como o proxecto de Estatuto aprobado o 4 de xuño en Coruña resultaba incompatible coa constitución aprobada, redactaron outro adaptado e o entregaron ás Deputacións para que o distribuísen entre os concellos con vistas á preceptiva asemblea de municipios.

Aínda que a autonomía posible dentro do Estado Integral quedaba moi por baixo do nivel de autogoberno á que aspiraba o nacionalismo galego, o recen nado Partido Galeguista considerou que mellor era iso que nada e centrou dende o principio os seus esforzos en conseguila para Galicia. Por iso, en vista de que o proxecto dos parlamentarios durmía o sono dos xustos nos caixóns provinciais, dirixiuse en xaneiro aos presidentes das catro Deputacións preguntando qué pasaba co proxecto que se lles entregara na Coruña, pois nin fora trasladado aos concellos nin publicado para que o pobo opinase. E ofrecíase a axudar na organización da asemblea de municipios. Só contestaron o presidente da Deputación de Ourense, prometendo reunir á corporación para que se pronunciase, e o da de Pontevedra anunciando unha próxima reunión das deputacións, reunión que no mes de maio seguía sen celebrarse. Pola súa parte, en febreiro, Ramón Suárez Picallo e Antón Villar Ponte intentaron sen resultados que a Minoría Gallega do Congreso fixese da autonomía o seu obxectivo político fundamental.

Pero outras xestións, máis persoais, acabaron dando froito, concretamente no seo da corporación municipal compostelá. Atendendo á petición de Castelao, o concelleiro conservador e avogado Enrique Rajoy Leloup (avó de Mariano Rajoy Brey) propuxo o 19 de marzo ao Concello de Santiago que este convocase á asemblea de municipios galegos prevista na Constitución. Rajoy, consciente de que era mellor eludir os argumentos nacionalistas (el tampouco o era) se quería convencer aos seus compañeiros, entre os que non había ningún galeguista, poñía o exemplo das previsibles vantaxes económicas que a autonomía ía ter para Cataluña, especialmente en materia tributaria. E Galicia, segundo Rajoy, non podía deixar pasar esa oportunidade, tiña que superar unha impasibilidade “depresiva y suicida”. Co apoio do alcalde, o republicano Raimundo López Pol, e doutros concelleiros como o líder obreiro José Pasín Romero, a proposta foi aprobada vencendo as reticencias de boa parte da corporación. Por suxestión do alcalde, e como primeiro paso, formouse unha comisión encargada de xestionar unha reunión de representantes de concellos e forzas políticas, previa á preceptiva asemblea municipal.

López Pol organizou unha reunión de forzas vivas (políticos, sindicalistas, empresarios e intelectuais), que tivo lugar en Santiago o 29 de maio. Presidida polo alcalde, asistiron, amén da comisión organizadora, membros da Cámara de Comercio, da Caixa de Aforros, do Seminario de Estudos Galegos e da sección compostelá da Federación Universitaria Escolar, representantes de diferentes partidos e algúns deputados, como o socialista José Mareque, o casarista e rector Rodríguez Cadarso e os nacionalistas Castelao e Otero Pedrayo. Todos, con diferentes matices, manifestáronse a favor de seguir adiante e celebrar a asemblea preparatoria en Santiago.

Finalmente esta tivo lugar o domingo 3 de xullo no Paraninfo da Universidade. Asistiron deputados, alcaldes, dirixentes do PRG, unha numerosa representación do PG, algún membro do PSOE como o exirmandiño Xaime Quintanilla, algúns conservadores como o avogado e deputado José Reino Caamaño, persoeiros independentes que participaran dende o principio no proceso como Rodrigo Sanz, e representacións corporativas. Decidiuse nomear unha comisión que redactase un novo texto pero tendo conta os anteriores e tamén o Estatuto de Cataluña. Presidida polo vello rexionalista Salvador Cabeza de León (nesa altura presidente do SEG), os seus verdadeiros motores foron Enrique Rajoy como secretario e Alexandre Bóveda. Aprobouse tamén a proposta de regulamento da Asemblea de Concellos.

A comisión redactora acabou os seus traballos o 4 de setembro. O texto someteuse a información pública para que se puidesen presentar emendas até o 29 de setembro. Recibíronse só unhas cincuenta, malia o esforzo de difusión feito. Bastantes eran limitadoras do autogoberno e outras non moi favorables a unha auténtica cooficialidade do galego, o que indica que galeguismo e autonomismo non eran precisamente actitudes maioritarias entre as forzas vivas da sociedade galega do momento.

Nese ano de 1932 Plácido Castro prodigouse na prensa para argumentar a necesidade de que Galicia non quedase atrás respecto de Cataluña e País Vasco e a conveniencia de superar as diferenzas partidistas e localistas, criticar o abandono do seu autonomismo inicial por parte do PRG, eloxiar a actitude Manuel Azaña en defensa do Estatuto catalán, avisar de que se estaba deixando pasar o momento máis favorable para conseguir a autonomía para Galicia ou refutar aos que predicían na Galicia autónoma un reforzamento do caciquismo ou a desaparición da razón de ser do nacionalismo.[8] Por outra parte, na II Asemblea do PG (Santiago, 10-11 de decembro de 1932), co gallo da preceptiva renovación do Consello Executivo e da Secretaría Executiva, ascendeu de simple vocal do primeiro a entrar no cumio do partido ocupando a Secretaría de Organización, en substitución de Alexandre Bóveda que pasou á Secretaría Xeral. A partir de aquí tivo nas súas mans o órgano decisivo para a consolidación e o crecemento do nacionalismo, instrumento clave na consecución da autonomía. E polos resultados conseguidos tanto nunha cousa como na outra fíxoo francamente ben.

Volvendo ao proceso autonómico, unha vez rematado o prazo de audiencia pública, o 1 de novembro convocouse a asemblea de concellos para os días 17 a 19 de decembro de 1932 no salón de actos da Facultade de Medicina de Santiago. Foron dous días de intensos debates nos que custou moito salvar discrepancias ás veces moi fondas, incluído o asunto da capitalidade, suscitado por A Coruña. Plácido Castro, en nome do PG, presentou unha emenda ao art 1º que dicía: “A nación galega orgaízase autonómicamente dentro da Repúbrica Hespañola con arregro ao presente Estatuto” e retirouna inmediatamente porque só tiña por misión fixar a posición do seu partido, isto é, deixar moi claro que para os galeguistas Galicia era unha nación de seu, e non unha rexión da nación española, aínda que aceptasen o corsé constitucional en ben de chegar a un consenso final, ao que efectivamente se chegou o día 19. Votaron a favor do texto nese momento (despois sumaríanse máis municipios) 176 concellos, que comprendían máis de dous millóns de habitantes e 444.785 electores dos 559.087 que figuraban daquela no censo electoral. Polo tanto, sumaban a maioría absoluta dos concellos e máis dos dous terzos do censo. Estaba cumprido o primeiro trámite previsto no art. 12 da Constitución. Agora só quedaba o referendo

Porén, o goberno foi adiando a súa convocatoria ao longo de 1933 cun pretexto ou con outro, probablemente porque non consideraba politicamente conveniente que Galicia accedese a autonomía antes que o País Vasco, que tiña o seu proxecto bloqueado no Congreso por insconstitucional. O PG denunciou arreo estas demoras, ao seu xuízo inxustificadas, e centrou os seus ataques no PRG e no seu líder Santiago Casares Quiroga, ministro do goberno, por consideralo principal responsable. Plácido Castro participou moi activamente nesta campaña usando exemplos internacionais en apoio dos seus argumentos, identificando autonomía con democracia e refutando que o Estatuto fose un resultado do sectarismo nacionalista.[9] Incluso pareceu adiviñar o xiro que ía dar a situación política meses despois, e a posterior deriva á esquerda a que se verá obrigado o PG, cando afirma que a autonomía “es hoy una causa izquierdista”, polo que loitar por ela era o mesmo que combater á reacción.[10]

Pero a autonomía de Galicia tamén podía defenderse no ámbito internacional. No verán de 1933 o Consello Executivo do PG aprobou representar a Galicia no Congreso das Minorías Nacionais, unha organización que agrupaba ás nacións que, por carecer de Estado, non podían formar parte da Sociedade de Nacións. Plácido Castro era o secretario relativamente especializado nas magras relacións internacionais do PG e como tal asistiu en setembro ao IX Congreso, feito que, fóra de elevar algo a propia autoestima das hostes galeguistas, non trouxo beneficios tanxibles para o nacionalismo galego, como xa previra o fino olfato político de Cambó.

Convocadas as eleccións xerais para novembro, o PG celebrou unha Asemblea Extraordinaria o 21 de outubro 1933 en Santiago co fin de fixar a súa actuación na campaña e elixir os candidatos. Nesta elección púxose claramente de manifesto que os demócratas tiñan xa un claro predominio sobre os católico-tradicionalistas dentro do partido. E probablemente para equilibrar algo as candidaturas e desactivar tensións, os elixidos Alexandre Bóveda e Plácido R. Castro renunciaron a ser candidatos alegando incompatibilidade coa dedicación que esixían os seus cargos orgánicos. Gracias a estas renuncias, Otero Pedrayo puido competir de novo polo PG na provincia de Ourense.

A SEGUNDA FASE: A CONXELACIÓN DURANTE O BIENIO NEGRO (1933-1936)

Como ben sabemos, as eleccións de novembro de 1933 trouxeron un cambio radical na situación política. As dereitas, ben reorganizadas na CEDA, xunto coa extrema dereita de Renovación Española e o centro-dereita do Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux gañaron con claridade a unhas esquerdas desgastadas e divididas polos conflitos do primeiro bienio republicano. En Galicia, tamén. O PG, que competiu sen aliados por manter a súa equidistancia, perdeu os deputados que tiña. Porén, algúns datos non foron tan negativos. Os seus candidatos máis votados recolleron máis de 100.000 votos entre as catro provincias, triplicando as cifras conseguidas en 1931, se ben hai que ter en conta que o censo electoral se duplicara pola incorporacións das mulleres. E nas provincias da Coruña e Pontevedra superou amplamente ao PSOE, co que demostrou ser un sumando necesario nunha posible coalición para gañar ás dereitas en Galicia.

En todo caso, o crecemento e fortalecemento do partido resultaba agora máis necesario que nunca e nisto era clave a Secretaría de Organización. A III Asemblea (Ourense, 13-14 xaneiro de 1934), que incorporou ao exdeputado Castelao á Secretaría Política, recoñeceu o bo facer de Plácido Castro confirmándoo na de Organización, posto que seguiría ocupando até a Guerra Civil. No seu informe nesa reunión, malia os avances evidentes na construción do partido, amosouse insatisfeito. Segundo el, os progresos serían moito maiores “si as Segredarías e as Seicións tiveran funcionado con máis aitividade e dilixencia e si os Grupos xa constituídos colaborasen con máis entusiasmo”, pois moi poucos grupos nomearan o irmán encargado das relacións co Consello como se acordara na II Asemblea, malia os avisos reiterados, e tampouco non cumpriran a maior parte do programa de actividades aprobado.[11]

E realmente todo esforzo organizativo ía ser pouco. O trazo autoritario e claramente anti-autonomista dos gobernos radical-cedistas instalados en Madrid conxelou a tramitacións dos estatutos vasco e galego. E unha vez esmagada a chamada revolución de Asturias de outubro de 1934, aproveitaron a ocasión para, amén de suspender a autonomía catalá, reprimir a todos os nacionalismos subestatais, participaran ou non nos feitos. No caso do PG, o goberno intentou descabezalo desterrando a Alexandre Bóveda a Cádiz e a Alfonso Castelao ao Badajoz.

Estaba claro que, como xa dixera Plácido Castro no seu momento, a única vía para conseguir a autonomía de Galicia pasaba por unha alianza coas esquerdas españolas que volvese a cambiar o signo político do goberno central. Así o entendeu a dirección do PG que, con Bóveda e Castelao á cabeza, decidiu abandonar a equidistancia “centrista” coa que se garantira a paz interna e iniciar unha viraxe cara a esquerda, aínda que iso soliviantase ao sector católico, por outra parte cada vez máis en minoría. A decisión formal de procurar unha posible alianza electoral coa Izquierda Republicana de Manuel Azaña (resultado recente da fusión de Acción Republicana, Partido Republicano Gallego e unha parte dos radical-socialistas) adoptouse, non sen forte oposición dos católicos encabezados por Otero Pedrayo, na IV Asemblea (Santiago, 20-21 abril de 1935), o que provocou uns días despois a escisión da minúscula Dereita Galeguista de Pontevedra de Filgueira Valverde.

Nesa xuntanza, Plácido Castro, ademais de aliñarse coa esquerda do partido nesta cuestión fundamental e noutras,[12] informou minuciosamente da súa actuación como responsable das relacións internacionais do PG dando conta das accións en solidariedade con vascos e cataláns; da recepción feita en Compostela a membros do Partido Nacionalista de Gales; das xestións fallidas para resolver as diferenzas entre os galeguistas de Buenos Aires, aínda que tanto a Federación de Sociedades como a Organización Nacionalista continuaban apoiando ao PG; e da constitución do Consello de Galeuzca en Galicia integrado polo PG, Ultreya e a Federación de Mocedades Galeguistas, se ben advertiu lúcidamente que Galeuzca non podería dar moitos froitos mentres o nacionalismo galego non tivese deputados en Madrid. Tamén comunicou aos presentes que non se puido asistir á sesión anual do Congreso das Minorías Europeas debido ao alto custo da viaxe, polo que houbo que limitarse a enviar unha adhesión escrita que foi lida alí. Posteriormente, tamén foi enviada unha denuncia pola persecución sufrida co gallo dos sucesos de outubro.[13]

A deriva de Plácido Castro cara a esquerda non se limitou á súa postura nos debates internos, senón que tamén a fixo pública e nuns momentos en que isto entrañaba certos riscos. Aí está o artigo en que louva a evolución socialdemócrata do marxismo e pon o cooperativismo dos laboristas británicos como exemplo a imitar.[14]

A CULMINACIÓN DO PROCESO

Como sabemos o PG formalizou a súa alianza con Izquierda Republicana a finais de 1935 e por esa vía entrou no Frente Popular en xaneiro de 1936, malia que non se lle concedeu nas candidaturas da coalición un número de postos acorde coa su forza electoral probada. A cambio obtivo o compromiso de que, en caso de vitoria, o novo goberno desbloquearía o proceso autonómico convocando sen dilacións o referendo pendente. O bloque de esquerdas gañou en toda España as eleccións de febreiro. En Galicia o seu triunfo foi moi axustado, pero o nacionalismo galego recuperou os seus deputados: Alfonso Castelao, Antón Villar Ponte e Ramón Suárez Picallo, aos que cómpre engadirmos Antón Alonso Ríos, que se presentaba como agrario.

Plácido Castro participou moi activamente na campaña, como faría tamén en xuño na do referendo. Tamén impugnou en nome do Partido Galeguista os resultados do distrito de Arzúa, polo evidente pucheirazo que houbera a favor das dereitas e denunciou que os interventores do Fronte Popular mesmo foran encarcerados o día da votación para impedirlles actuar. O seu protagonismo público como dirixente do PG ascendeu un chanzo en abril co gallo da renovación da presidencia da República. Este posto cubríase por elección indirecta. Primeiro elixíase por votación popular un colexio de compromisarios e despois este designaba ao presidente entre os candidatos. En todas as provincias, menos en Lugo, o Frente Popular presentou listas cos mesmos coaligados que en febreiro e arrasou. Nelas figuraban os nacionalistas Plácido R. Castro e Ricardo Carballo Calero pola Coruña, Enrique Peinador e Xerardo Álvarez Gallego por Pontevedra, e Alexandre Bóveda por Ourense. Todos eles foron elixidos. E todos eles puideron contribuír ao acceso do seu admirado Manuel Azaña á xefatura do Estado.

Volvendo á autonomía, desta vez cumpriuse o compromiso e o goberno convocou o referendo para o 28 de xuño. Todos os coaligados colaboraron na propaganda polo si, aínda que os maiores esforzos e entusiasmo corresponderon, como era lóxico, aos nacionalistas. Os resultados foron os seguintes:

Censo de electores 1.343.135
Votantes     74,5% 1.000.963
Votos afirmativos
Sobre votantes 99,2%/Sobre censo 74%
993.351
Votos negativos 6.161
En branco 1.451
Quórum necesario 895.423
Exceso 97.927

Pero xa se sabe que as alegrías adoitan durar pouco na casa do pobre. Non pasaran tres semanas, e xusto cando unha numerosa delegación de deputados e persoeiros galegos estaba en Madrid para entregar oficialmente ás Cortes o Estatuto recen aprobado polo pobo, o Exército de África alzábase contra a República e iniciaba un dos períodos máis negros e máis longos da historia de España e de Galicia. Adeus á democracia. Adeus á autonomía. Aquela reacción que Plácido Castro sinalara tres anos antes como inimigo principal acabaría gañando a partida para manterse no poder case catro décadas. En comparación con moitos dos seus compañeiros, Plácido Castro tivo sorte. Non foi executado nin encarcerado senón “só” condenado a desterro e inhabilitación. Logo duns anos de estadía en Coruxo e Vigo, acabou exiliándose primeiro en Portugal e despois en Londres para poder vivir en liberdade e gañarse dignamente a vida. Volvería en 1960 a unha Galicia moi lonxe aínda de recuperar a autonomía gañada en 1936, algo que Plácido Castro non chegaría a ver.


[1] Vid. Luis Jiménez de Asúa, Proceso histórico de la Constitución de la República española, Madrid, Ed. Reus, 1932, pp. 54-58.

[2] “Art. 12. Para la aprobación del Estatuto de la región autónoma se requieren las siguientes condiciones:

  1. Que lo proponga la mayoría de sus Ayuntamientos o, cuando menos, aquellos cuyos Municipios comprendan las dos terceras partes del Censo electoral de la región.
  2. Que lo acepten, por el procedimiento que señale la ley Electoral, por lo menos las dos terceras partes de los electores inscritos en el Censo de la región. Si el plebiscito fuera negativo, no podrá renovarse la propuesta hasta transcurridos cinco años.
  3. Que lo aprueben las Cortes.

Los Estatutos regionales serán aprobados por el Congreso siempre que se ajusten al Presente Título y no contengan, en caso alguno, preceptos contrarios a la Constitución, y tampoco a las leyes orgánicas del Estado en las materias no transmisibles al poder regional, sin perjuicio de la facultad que a las Cortes reconocen los artículos 15 y 16”.

[3] “Art. 20 […] El Gobierno de la República podrá dictar Reglamentos para la ejecución de sus leyes, aun en los casos en que esta ejecución corresponda a las autoridades regionales”.

[4] “Art. 4. El castellano es el idioma oficial de la República.

Todo español tiene obligación de saberlo y derecho de usarlo, sin perjuicio de los derechos que las leyes del Estado reconozcan a las lenguas de las provincias o regiones. Salvo lo que se disponga en leyes especiales, a nadie se le podrá exigir el conocimiento de ninguna lengua regional”.

[5] As principais eran: dereitos e deberes constitucionais, política relixiosa, relacións exteriores, defensa, fronteiras, orde público en conflictos suprarrexionais, Facenda estatal, comercio exterior e aranceis, moeda e sistema bancario, réxime xeral de comunicacións e pesca marítima.

[6] Lexislación penal, social, mercantil, procesal e civil; notariado, rexistros e seguros; minas e normas básicas en agricultura, sanidade, comunicacións e outras.

[7]  Vid., por exemplo, o seu artigo en El Puebo Gallego (7-XI-1931), “Enseñanzas irlandesas. El centralismo desmoralizador”, onde afirma que as loitas intestinas de Irlanda, consecuencia da acción imperialista de Gran Bretaña, nada teñen que ver coa situación de Galicia e polo tanto non se poden usar para predicir males en caso de que chegue a autonomía.

[8] Vid., entre outros, os seus artigos en El Pueblo Gallego, “Urgencia de la Autonomía” (15-V-1932), “Falta de oportunidad” (4-VI-1932) e “Porvenir del galleguismo” (15-XI-1932); e en A Nosa Terra, “Encol do noso universalismo” (nº 295, 25-VII, p.4).

[9] Vid. os seus artigos en El Pueblo Gallego: “Autonomía y democracia” (8-IV-1933); “Un referéndum y unas elecciones” (29-IV-1933) no que utiliza o feito de que os cidadáns de Australia Occidental acababan de votar separarse da Federación Australiana por sentirse discriminados para reforzar os argumentos en contra del centralismo; e “Estatuto y nacionalismo” (17-VIII-1933).

[10] “La conveniencia de celebrar el plebiscito”, El Pueblo Gallego, 6-V-1933.

[11] Memoria que o Consello presenta a III Asambreia do Partido, mecanografiado. 6 pp. holandesa. Nadal de 1933. Funación Penzol-FondoVillar Ponte.

[12] Por exemplo, en relación coa proposta do Grupo Galeguista da Coruña de que o PG fixese un estudio axeitado sobre a situación da industria e dos traballadores urbanos que permitise unha boa propaganda nos centros industriais. Suárez Picallo apoiouna como un medio de atraer as masas obreiras ao partido. Curiosamente, esta vez as reticencias non viñeron dos ourensáns senón de alguén da dirección, do propio Xerardo Álvarez Gallego, quen despachou o asunto displicentemente lembrando que no programa do partido xa había “puntos e solucións para moitos deses probremas dende un punto de vista galego”. Ao cabo, grazas a insistencia de Suárez Picallo, Plácido Castro e Víctor Casas, o carpetazo foi alomenos cortés pois se acordou que o novo comité de estudos, creado na asemblea, fixese un “estudio meditado da cuestión”. Polo que sabemos, tal estudo non se fixo nunca.

[13] Memoria da Segredaría de Relacións Internacionais, 2 pp mecanografiadas. FP-FVP. Por certo, que a carencia de medios impedirá tamén en 1935 a presenza galeguista no Congreso.

[14] “Socialismo e cooperativismo en Inglaterra”, A Nosa Terra, nº 368, 1-VI-1935, p. 1.