1ª Conferencia Anual: Irlanda e as novas formas da vida internacional

1ª Conferencia Anual: Irlanda e as novas formas da vida internacional

I Conferencia Anual Plácido Castro, pronunciada por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2000).

Pronunciada por Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Vilagarcía de Arousa, 25 de xaneiro de 2000)

Irlanda é un asunto que estaba no cerne das preocupacións intelectuais e das afecións estéticas de Plácido Castro. Digo un asunto e debería dicer un mundo:unha realidade xeográfica e histórica e tamén unha ricaz paisaxe do imaxinario. O político, o literario, o fantástico e o real mistúranse no que evoca ese nome. E misturadas ían todas esas perspectivas na Irlanda que coñeceu o Plácido e da que ele e outros da sua xeración galeguista se ocuparon con agarimo e esperanza. A “irmanciña adourada que pasache-lo mar” era unha irmá celta asoballada e un tecido anímico de anceios de redención. Non sempre ía o entusiasmo acompañado do coñecimento e da crítica entre os galeguistas de aquela xeración nen de outras, Aí levaba o Plácido unha grande vantaxe; no coñecimento sobre todo, que no caso dele era directo. A sensibilidade que informa as suas fotografías de escenas irlandesas é a do celtismo da época, como, por suposto, a das suas traduccións e adaptacións de Yeats. A simpatía que sentía pola causa do nacionalismo irlandés e evidente; pero o entendimento do imperialismo británico que adquirira na sua perspicaz observación desde perto da vida política inglesa é moito mais claro e moito mais sutil e matizado que a versión simplificada que corría e corre aínda polo mundo. Eu querería seguir ese exemplo de empatía temperada pola análise para achegarnos aos problemas de Irlanda, que son tamén problemas da Gran Bretaña, de Europa e do mundo, como se vai vendo cada vez mais claro.

Hoxe quero falar das novidades na Irlanda. Pero a historia, á que tantas veces xe lle bota a culpa dos terribeis problemas da Illa, está sempre presente, e non me parece que se poda esquecer. Acaban de aparecer trazos que poden ser presaxios de novas configuracións da política internacional e nacional. Pero tamén é verdade que o problema do nacionalismo irlandés é un dos que parecen ter mudado menos nos seus termos esenciais, non só neste século que acabamos de deixar ás costas senon desde o século anterior, o dazanove, no que naceron tantas cousas e ideias que aínda están vivas .Cando lemos a prensa do fin da era victoriana poucas cousas estarán máis perto dos problemas de hoxe que os grandes debates sobre o Home Rule e as dificultades de Gladstone, e as suas relacións con Parnell, por exemplo. A proximidade aumenta cando imos chegando aos tempos inmediatamente anteriores e seguintes á Guerra do 14, coa renovación dos malfadados proxectos de leis de Home Rule polo goberno liberal de Asquith, o adiamento da lei xa aprobada, por mor da Guerra, e, despois desta, o nacimento do Sinn Fein, a Rebelión da Pascua de 1916, o Estado Libre, a Guerra Civil, e, sobre todo a Partición da Illa e o nacimento do Ulster moderno, que vai ser realmente a novidade no século XX.

Até ese ponto da historia chegaron as observacións capitáis do Plácido, e aínda que acompañóu a evolución dos acontecimientos até moito mais tarde, esa foi a situación que determiñou as suas análises. O que me parece que valería a pena facer hoxe é ver o que mudou entre os tempos de Plácido Castro e os nosos tempos. O que hai de novo a pesares de tanto que é sempre o mesmo.

Diferencias de enfoque para nós, galegos; diferencias nos protagonistas e diferencias no aparello institucional e no marco internacional.

A perspectiva

A primeira diferencia de que vou falar é de enfoque e perspectiva. No decenio de 1920 e aínda no de 1930, o problema colocábase no marco do Imperio, era un problema imperial coa colonia máis próxima, máis problemática e máis paradóxica. A independencia da República de Eire foi a segunda, despois da dos Estados Unidos de América, e precedeu á grande descolonización que tería que esperar até despois da Segunda Guerra Mundial. Foi moi radical, ademais,na rapidez con que o primeiro Presidente, Cosgrave, e sobre todo de Valera depois da victoria do seu partido en 1932, fóronse desprendo das limitacións da condición de Dominio dentro da Commonwealth.que tiña gaño o Estado Libre de Irlanda no Tratado de 1922. Hoxe, e aínda que no discurso central do nacionalismo e especialmente na sua versión ultramarina, nos Estados Unidos de América, se siga mantendo con respeito a Irlanda do Norte tal perspectiva imperial, non me parece que se poda prantexar o problema xa neses termos. E certamente nos últimos acontecementos do proceso de paz, desde o Acordo Anglo-Irlandés de 1985 até estes días, o abandono explícito desa perspectiva foi un dos factores mais importantes para o proceso de paz. O problema volta a unha base de relacións entre comunidades que compartillan un territorio. Se queremos falar en termos de nacionalismo, o Goberno británico defróntase na Irlanda do Norte con dous nacionalismos: un católico –ou de cultura e tradición católicas– e outro protestante –ou de cultura e tradición protestantes-–.Nesa situación apreséntase a posibilidade dun novo tipo de relacións internacionais, interrexionais e mesmo intermunicipais, con criterios novos e diferentes, dos que falaremos mais adiante.

Aquí teño que falar de algo que sempre me chamóu a atención na discurso galeguista sobre o nacionalismo irlandés. E ten que ver con esa perspectiva imperial vixente durante tanto tempo. O principal argumento para ter suxeita a Irlanda era desde ese punto de vista estratéxico, o dunha estratexia forxada no grande enfrentamento, no século XVI, de dous imperios: o español e o británico. A lealdade de Irlanda á Inglaterra protestante era máis que dudosa. A historia de complicidade coas potencias católicas daba motivo para temer un ataque polas costas contra a Gran Bretaña. No XVII, Irlanda foi o último reducto da oposición, primeiro á Commonwealth de Cromwell e despois ao restabelecimento do protestantismo constitucional por Guillermo de Oranxe. Nos dous casos, houbo levantamentos católicos de gran violencia, e no segundo está a orixen da mitoloxía unionista do Ulster. No XVIII, curiosamente, sería a Francia revolucionaria, e non a católica, a que apoiaría a insurxencia irlandesa (de católicos e protestantes xuntos desta vez). Pero sempre está aí o temor á puñalada polas costas.

Nese proceso, a simpatía de España ía á Irlanda, naturalmente, por motivos relixiosos e imperiáis. Eu encontro ecos automáticos e sen crítica desa actitude na simpatía do galeguismo, que neste caso aceitóu sen moita crítica a ideoloxía imperial española. O componente relixioso, fanático moitas veces, do nacionalismo irlandés na época da pre-independencia e despois da independencia, non parece terlle chamado a atención aos galeguistas, moitos deles agnósticos ou non especialmente devotos. Pensemos, por exemplo, na movilización oficial e popular de apoio a Franco en 1936. É certo que houbo irlandeses nas Brigadas Internacionais, pero tiveron que sair moi caladiños, e ás veces contra a vontade dos seus sindicatos, os que eran sindicalistas, e non despedidos a bombo e platillos como os Camisas Azuis do xeneral O’Duffy que chegaron a Ferrol, e que, por certo, voltaron a Irlanda sen pena nen gloria despois de algúns incidentes pouco gloriosos e pouco edificantes.

Os protagonistas

O Plácido recoñería sen dificultade tres dos protagonistas do conflicto: o Goberno británico, o Goberno da República de Irlanda e o Sinn Fein.

Notaría algunhas mudanzas nos tres. En Londres, sorprenderíalle, seguramente, o desinterés polo aspecto territorial da cuestión, incluso no Partido Conservador. Nos seus tempos, o Partido Liberal, do que era simpatizante, defendía, desde os tempos de Gladstone, a autonomía parlamentaria de Irlanda, o Home Rule. Os Tories, en cambio, eran refractarios a esa autonomía, e, cando a viron próxima, apoiaron decididamente aos partidarios de manter a unión, protestantes na maioría e concentrados no Ulster, no nordeste da Illa. Hoxe reina en Westminster unanimidade no tratamento do problema irlandés. E unánime ou pouco menos é tamén a indiferencia da opinión pública ante o problema. Goberno e opinión coinciden na necesidade de afastarse có menor dano posible desa explosiva situación.

Encontraría tamén mudado ao Sinn Féin. Non vou levalos aquí polo tortuoso camiño da evolución do Sinn Féin e o seu papel na política da República e do Norte desde que Arthur Griffith o fundara en 1908 –eso sería contar a historia da illa de Irlanda no século XX– , pero vou salientar unha mudanza que aconteceu en 1969-1970 e que trouxo á tona o nome dos “Provisionais”, que é hoxe tan familiar para quen leia a imprensa. A cuestión discutida entón foi a do non recoñecimento do parlamentos de Dublin e de Belfast, que até entón era política oficial dese Partido, que vivía do irredentismo e da loita por unha Irlanda unida .Para eles, as institucións soberanas de Dublin e as autónomas de Belfast eran resultado da aceptación do Tratado e a partición da Illa que deran lugar á Guerra Civil de 1922-23. Os que a finais do decenio de 1960 querían recoñecer prácticamente esas institucións e participar na vida política do Norte e do Sur, eran, en xeral, de inspiración marxista. e tomaron o nome de Sinn Féin Oficial. Os que estaban en contra e querían concentrarse na loita contra a presencia británica nos seis condados do Norte, chamáronse o Sinn Féin Provisional. Os oficiais acabaron convertíndose no Partido dos Traballadores e a Esquerda Democrática, na política de Dublin. Os Provisionais son o Sinn Féin actual, e o adxectivo úsase sobre todo para a rama correspondente do Exército Republicano Irlandés ( o IRA). Naturalmente, o non recoñecimento perdeu vixencia no proceso de paz, e dous dirixentes do Sinn Féin chegaron a ministros do Executivo de Belfast. Claro está que é un Executivo reformado, moi diferente do da vella autonomía, exclusivamente unionista, pero ainda así trátase dun organismo autónomo que sigue formando parte do Reino Unido. E hai diputados do Sinn Féin no Parlamento de Westminster, ainda que teñan problemas para ocupar os seus escanos por recusarse a xurar lealdade á Raíña.

Non se prestaba moita atención nos tempos do Plácido aos Unionistas, que aparecían só como apéndice e pretexto para a ocupación británica. Paréceme a mín, sin embargo, que desde unha perspectiva nacionalista xenérica merecen máis atención. Non quero defender a sua hexemonía, brutal ás veces, nos tempos en que gobernaban eles sós coa autonomía do Parlamento do Stormont. Eso foi o que provocou o movimento dos direitos civís en 1968, do que xurdiu toda esa turbulencia que sigue até hoxe. Pero non todo é violencia nen fanatismo nos protestantes do Ulster. Hai unha lexítima defensa dunha identidade ameazada. E iso non pode deixar indiferente a quen defenda o multiculturalismo e a tolerancia. Os Unionistas están fragmentados políticamente. O partido máis forte e representativo é o UUP, Partido Unionista do Ulster, liderado hoxe por David Trimble. Máis extremista é o DUP, Partido Unionista Democrático, de Ian Paisley. E máis recentes son o Partido Unionista do Reino Unido, o Partido Unionista Progresista e o Partido Democrático do Ulster. As diversas forzas paramilitares lealistas varían nas súas relacións con algúns destes partidos. Convén ter presente que o principal partido, o Partido Unionista do Ulster, non está vencellado a ningunha forza paramilitar.

Hai outros partidos que non existían antes do período de disturbios deste últimos trinta anos.

O Partido da Alianza pódese agrupar cós unionistas, xa que defende a continuación do vencello constitucional coa Gran Bretaña, pero distínguise por ser interconfesional.. Fundouse en 1970, non ten moitos afiliados e o seu líder, John Alderdice, foi nomeado Presidente da Asamblea do Ulster resultante dos Acordos do Vernes Santo no recente proceso de paz.

No medio das reivindicacións dos direitos civís da minoría católica, arredor de 1970, có descrédito do vello Partido Nacionalista no Ulster e o desexo de criar unha nova forma de nacionalismo sen a violencia do IRA, aparecéu o SDLP, o Partido Laborista Socialdemócrata. O primeiro líder foi Gerry Fitt, pero a personalidade mais destacada e creativa, que o sucedeu en 1979, é John Hume. Hume apareceu como dirixente nas primeiras marchas dos direitos civís no fin do decenio de 1960. Hoxe, Premio Nobel da Paz, con David Trimble, é, sen dúbida, o principal autor intelectual das novas institucións que se están poñendo a proba. Ten grande influencia en Dublin, na Comisión Europea e nos Estados Unidos, sobre todo a través do “clan”dos Kennedy. Jean Kennedy Smith era a Embaixadora dos Estados Unidos en Dublin nos momentos decisivos das negociacións destes últimos anos.

A Coalición das Mulleres, aínda que con menos votos, participou tamén nas negociacións do proceso de paz. Mantén una interconfesionalidade difícil e admirábel. Non tén líder oficial, pero as persoeiras máis destacadas son Monica McWilliams, católica, e Pearl Sagar, protestante.

E, por último, os que tal vez non se podan chamar protagonistas, pero que tiveron inflluencia decisiva na conformación das novas estructuras: a Unión Europea e os Estados Unidos de América. Sobre todo a primeira, se falamos de novidades. Porque a presencia e actuación dos Estados Unidos de América na política irlandesa desde o século XIX é un factor xa tradicional.

As institucións

Para falar das novas institucións temos que partir, verdadeiramente, do Tratado Anglo-Irlandés de 1985, ainda que os precedentes estaban xa nos Acordos de Sunningdale de 1973. A Asamblea e o Executivo que se criaron en Sunningdale non duraron máis que poucos meses e foron torpedeados en maio de 1974 pola folga do Consello Obreiro do Ulster. Faltaba nesas institucións de poder compartillado o Sinn Fein (o elemento nacionalista que entraba nelas era o SDLP). Para que o Sinn Féin fose incorporado era precisa polo menos unha tregua e, a poder ser, unha paz. Eso foi o que fixo o chamado proceso de paz, que comeza tímidamente coa declaración de Downing Street o 15 de decembro de 1993 e a declaración de tregua do IRA en agosto do ano seguinte. Sigue unha serie de xestos e medidas conciliatorias e, en decembro de 1994, celébrase o primeiro encontro entre funcionarios británicos e dirixentes de Sinn Fein. En 1995 publícase o documento-marco conxunto de John Major e o novo Taoiseach, John Bruton. Ese mesmo ano aparece presidindo o organismo Internacional de Retirada de Armas un amigo de confianza do Presidente Clinton, o Senador George Mitchell, que había de ter un papel tan importante no proceso. Con interrupcións, crisis, levantamento da tregua, a explosión da bomba de Canary Wharf e todo o demáis, o proceso estaba en marcha. Non vou describilo con detalles, pero culminou no Acordo do Vernes Santo e no novo Tratado Británico-Irlandés.

Temos, pois, un deseño de institucións, debido seguramente, como hoxe se vai vendo cada vez máis às ideias de John Hume e aos intereses dos Estados Unidos e da Unión Europea . E, en paralelo, un proceso de paz no que se procura “traguer ao rego” ao Sinn Fein. E tamén ás forzas paramilitares lealistas.

As institucións están estabelecidas. En cambio, o proceso de paz non está rematado, ao meu ver, nin o estará mentras non se complete a retirada das armas dos paramilitares.

As institucións son, como xa dixen ao falar dos prantexamentos de John Hume e o SDLP, moi orientadas cara ao futuro. Téñense calificado de “postmodernas”. Pero, calquera que sexa a forma e a intención do acordado, o proceso mesmo, o chegar a acordar algo, ven de motivos, que son diferentes para uns e outros dos protagonistas, e que chegaron a madurecer máis ou menos ao mesmo tempo.

Do lado británico, para falar en termos un pouco bruscos tal vez, a falta de interés e a vontade de desfacerse dun problema incómodo. Non hai opinión pública que pida o mantenimento da presencia no Ulster. O nome oficial do Partido Conservador era até hai pouco o de Partido Conservador e Unionista. Pero para decatarse do que leva andado desde os tempos en que era Primeiro Ministro Bonar Law, identificado até o miolo có Ulster, bastoume ouvir en 1990 a un Ministro para Irlanda do Norte do gabinete conservador, Peter Brooke, decir, no seu distrito eleitoral, que a Gran Bretaña non tiña xa ningún interés egoista nen estratéxico no Ulster e que aceptaría a unificación deste coa República de Irlanda, si consentira niso a poboación. Hai tamen o elemento relixioso. Bonar Law era fillo de presbiterianos escoceses, e manter o fortín protestante do Norte nunha illa de militancia católica era una idea popular na Inglaterra protestante, e con certeza no Partido Conservador, na primeira mitade do século XX . Hoxe a secularización espallouse e non e ese tema que desperte emoción ningunha na Gran Bretaña. Incluso empeza a coincidir incluso máis coa República, cada día menos católica desde a prosperidade do “Tigre Celta” e a revelación de escándalos sexuais do clero.

A outra cara da medalla son os Unionistas, que non poden menos de sentirse traicioados. E velahí outro factor da aceptación dun proceso de paz. Hai Unionistas como David Trimble que están dispostos a salvar o que se poida. Os anos de dominio directo desde Londres, privados do seu Parlamento de Stormont e do goberno autónomo que tiveron até 1972, deixáronos á mercede dun Goberno, que sempre quixeron que os respaldase, pero no que non teñen confianza e que sinten que non ten simpatía nimgunha pola sua identidade, a sua relixión e os seus intereses no senso máis amplo. Ainda que o Executivo e o Parlamento que se lles ofreceu nos acordos e que agora teñen non é o que tiñan antes de 1972, para eles sós, senon que ten que ser compartillado, polo menos é autónomo. E, como tantos outros descontentos do poder central aprecian as ventaxas desta autonomía, que parécelles o máis que poden conseguir nestas circunstancias.

Nas comunidades católicas, minoritarias até agora no Ulster, pero camiño de ir ser maioritarias se o proceso demográfico segue por onde vai, paréceme a mín que a clave é o cansancio. Cansancio, en grande parte, có IRA, que se xustificóu sempre como defensor desas comunidades, e non lle faltóu razón, pero que vai revelando tendencia a un abuso de poder que fai que moitos se sintan trabados por esa forza, máis que protexidos. O IRA asumiú funcións de matenimento da orden nos bairros católicos, cunha ideia da orden que a calqueira que a vexa desde fora e non sexa tradicionalista ferreño parécelle de unha moral católica atrasada e pouco humanitaria. A necesidade de dar mostras de “respeito” aos elementos locáis do IRA ou do Sinn Fein pode ser moi opresiva. As ameazas de morte , se non saen do país ,aos xovens acusados de andar no mundo das drogas, que levaron ao exilio a bastantes dos ameazados, e a intolerancia e represión de actitudes antisociais” (que poden ir desde ter fillos de solteira ou de pai “enemigo” até asistir a un soldado británico ou a un protestante ferido), son exemplo desa deturpación do poder. Máis dun católico ten que soñar cun futuro sen guerra e sen o IRA, no que poda viver a sua vida. Claro está que tamén ou máis están cansados os católicos da violencia dos paramilitares protestantes.

O proprio IRA, ou polo menos un sector dele, decatouse tamén, seguramente, de que se tiña chegado a esa situación que tanto se da nas insurxencias prolongadas, en que non se pode xa perder, pero tampouco gañar de todo. É enton cando máis se acentúa a dexeneración da violencia en terrorismo e fachenda. Nese ponto, e cando hai perspectivas de trunfo actuando pola vía “política”, un sector da lideranza, neste caso o de Gerry Adams e Martin Mac Guinness, toma posicións impensabeis antes e impopulares entre boa parte dos militantes. Así se explica o fin do abstencionismo e o recoñecimento por Sinn Fein hai seis anos da lexitimade do Goberno de Dublin, que até entón era oficialmente un treidor por aceptar de feito a Partición e non estar loitando pola recuperación dos seis condados do Norte.

Os do SDLP son un partido, como os da Alliance, non unha comunidade. O seu interés no proceso de paz non precisa de xustificación. É a realización do seu programa. O seu nacionalismo, sen as adherencias emocionais e históricas, de gloria e martirio, do Sinn Fein, non ten nada que perder pola vía que agora se emprende.

Outro elemento que contribui ao proceso foi a inversión das condición económicas do Norte e do Sur. Belfast foi un grande centro industrial, cando a industria pesada contaba. Os asteleiros de Harland and Wolf fixeron o Titanic; eran unha lenda e un modelo no mundo da construcción naval, como os do Clyde. A República, en cambio, só era modelo de miseria agrícola. Hoxe, a crise económica mundial, có desplazamento da industria pesada a outros países, e o aproveitamento por Irlanda das axudas da Unión Europea, puxeron à República de Irlanda, como a Portugal, entre os primeros países de Europa en termos de crecimento e aumento da prosperidade. “O Tigre Celta”. Non sabemos en que parará, e convén lembrarse dos tigres precursores, os asiáticos, e as dudosas bases da sua prosperidade.

As novas institucións, consagradas no Acordo do Vernes Santo e no novo Tratado, que xa non é “Anglo-Irlandés” como o de 1985, senón “Britanico-Irlandés”, son, en primeiro lugar a Asamblea e o Executivo de Irlanda do Norte –cuestión constitucional e interna, comparabel en principio a das outras autonomías- , e despois as “internacionais”:

  • o Consello Ministerial Norte-Sur,
  • o Consello Británico-Irlandés, e
  • a Conferencia Intergubernamental Británico-Irlandesa
  • máis os chamados organismos de aplicación.

As ideas que as inspiran soon, como xa dixen varias veces, as de John Hume, tan próximo sempre ao modo de pensar de Bruxelas. Quen estexa un pouco familiarizado coa linguaxe comunitaria atopará de seguida expresións e razoamentos de estilo comunitario.

Hai duas expresións que se utilizan para estes textos do SDLP e que pode que non sexan moi felices, pero que serven para caracterizar o novo enfoque das estructuras: son “consociacionalismo”, na esfera interior, e “inergubernamentalismo” na exterior.

Vou falar da “consociación” primeiro, ou sexa da solución constitucional que se lle deu ao poder autónomico de Irlanda do Norte.

“Consociación” ven sendo outra maneira de chamar á doctrina de compartillar o poder, o “power sharing” de que tanto se fala. Xustifícase, segundo os seus partidarios, no caso de comunidades divididas suxeitas a unha autoridade común. Cando conviven nun país grupos enfrentados até o punto de non coincidir en cuase nada e ter valores e proxectos de futuro tan diferentes que acaban por provocar enfrentamentos armados nos que se dí que cada grupo loita pola supervivencia, estamos nunha situación do que no título dun libro sobre as orixens dos disturbios dos trinta anos últimos no Ulster chamóuse : “gobernar sen consentimento”. Esa era a situación en Irlanda do Norte baixo o Goberno autónomo do Stormont. Unha grande parte da poboación, –arredor do 40 por cento–– sentíase oprimida, allea ao sistema, discriminada e desprotexida. Non hai que esquecer que estes últimos trinta anos de disturbios comezaron coa axitación a favor dos direitos civis, e que o IRA só entróu en acción algo máis adiante e despois dunha crise interna. E nembargantes o sistema era democrático, en termos eleitorais, igual ao do Reino Unido. Pero o sistema de maioría simple en cada distrito para elexir diputado, có resto dos votos perdidos, que aínda é o preferido en Inglaterra, daba lugar en Irlanda ao perpetuo dominio dos Unionistas. O sistema eleitoral para a nova Asambleia é o porporcional, na variante do chamado “voto único transferible”, que asegura unha representación máis xusta das minorías. Pero a “consociación” vai máis loxe diso, xa que garante a presencia das minorías no Executivo, e na toma de decisións, con un sistema de maiorías ponderadas e distribuidas ( distribuida quer decir a maioría de unionistas e maioría de nacionalistas, por separado; e ponderada. o 60 por cento dos votos de cada partido) . Ese sistema aplícase á designación do Primeiro e Vice Primeiro Ministro, e a unha serie de decisións que se indican concretamente. Ademais, poden ser necesarias esas maiorías distribuidas para calquer outro asunto que sinalen 30 dos 180 diputados da asambleia. Para a elección dos dez ministros síguese o sistema d’Hondt sobre a base dos escanos de cada partido na Asamblea.

Pero non é so isto. Hai outro aspecto que eu quero salientar porque ten máis que ver coas perspectivas de futuro destes arranxos, có carácter de experimento de novas formas constitucionaís e internacionais. É o seguinte: Todos parecen estar de acordo en que os gobernos de coalición que resultan do sistema proporcional son menos “fortes” que os que resultan dun bipartidismo que lle dea fortes maiorías parlamentares ao goberno. E pódese pensar que unha situación de sociedade tan divida e con comunidades tan enfrentadas como a da Irlanda do Norte precisa dun goberno forte. Vai ser moi interesante ver cómo se contrapesan a lexitimidade que da o ter representación de todas as comunidades no executivo e a necesidade de tomar decisións para o conxunto. Moitas das medidas que fan falta non teñen moito que ver, seguramente, coas divisións sociais, pero vai ser inevitabel que se negocien neses termos. ¿Cál vai ser a unidade dun Gabinete no que se senta como Ministro de Educación Martin McGuinness, vello comandante do IRA, ou sexa “terrorista” arrependido para os seus colegas ministeriais, entre os que hai dous lugartenentes do Reverendo Ian Paisley como Ministros de Desenvolvimento Rexional e de Desenvolvimento Social?

Nunha perspectiva máis ampla, pódese pensar que a forza do Estado perdeu importancia non só nos Estados nacionáis senon tamén nestes novos e autonómicos. Que os problemas poden ser resolvidos pola sociedade civil ou por entidades non gubernamentáis. Entón, é máis importante a presencia cuase simbólica e lexitimadora das comunidades enfrentadas nun goberno que cobre como unha cúpula entidades decisorias a outros níveis. Esta forma de pensar, que imos encontrar noutros particulares do meu tema desta noite, paréceme que encerra riscos considerabéis. É moi sospeitoso o entusiasmo por desfacerse do Estado, e compre escrutar con moita atención e cuidado quen son os entusiastas e por qué están tan entusiasmados. Algúns estarano por outimismo e porque a crítica do Estado foi tema clásico de moitas variedades do progresismo. Pero iso non bastaria, nen bastou nunca. O poder non vai desaparecer nen disminuir coa disminución do Estado. Hai que ver, pois, onde están os novos centros de poder, seguramente mais opacos nesta nova Europa e novo mundo que se está configurando. Levou moitos séculos democratizar até certo punto o Estado, e vai haber que loitar bastante para democratizar os novos poderes.

Iso na esfera interna e constitucional de cómo vai ser o goberno de Belfast.

A outra grande ideia de Hume e os seus inspiradores europeos e a da : “intergubernamentabilidade” da solución.

Iso é o que máis distingue esta autonomía das outras. En Escócia e no País de Gales a autonomía foi concedida por Lei do Parlamento da Gran Bretaña. Foi un asunto interno,de organización do Estado. No caso de Irlanda do Norte, xa tiña habido unha autonomía así, maís vella que ningunha, desde 1920 até 1972. Xa vimos por qué deixóu de funcionar. A que chegou agora é resultado de arranxos e tratados entre dous Estados independentes: o Reino Unido e a República de Irlanda. De certo xeito, eles garanten as novas institucións.

Nos tratados recoñécense varios pontos importantísimos, que eliminan os principais atrancos “históricos” do problema. A República de Irlanda abandona a reivindicación do Ulster como parte irredenta do territorio nacional, para o que houbo que enmendar a Constitución da 1937. O Reino Unido recoñece o direito á autodeterminación do pobo de Irlanda do Norte, no senso de que cando a maioría decida deixar de ser parte do Reino Unido, non se oporá a adoptar a lexislación. Recoñecen tamen os dous Estado que, polo de agora, a maioría do pobo de Irlanda do Norte quere seguir sendo parte de Reino Unido, e que, por conseguinte, seguirá sendoo, e esa situación só pode mudar por medios electoraís e pacíficos.

Sobre esas bases, críanse as institucións intergubernamentaís.

O Consello Ministerial Norte-Sur estuda e adopta medidas, en asuntos de interés común. O importante é que esas medidas pódense aplicar separadamente por unha e outra xurisdicción, ou en toda a illa de Irlanda polos organismos de aplicación que se creen. Esto último é verdadeiramente novo, en termos internacionais: unha soberanía conxunta aplicada por organismos comepetentes no territorio de dous estados diferentes. Pode ir acompañado no futuro de un Foro Interparlamentario e un Foro Cívico.

O Consello Británico-Irlandés é o que antes íase chamar “Consello das Islas”. Ven sendo un cumio das autonomías para armonizar todas as relacións entre elas. Están representados nele os Gobernos do Reino Unido e da Irlanda do Norte, as autoridades autónomas de Escocia, o País de Gales e Irlanda do Norte, e, ainda que no son autónomas, a Illa de Man e as Illas Anglo-Normandas, que teñen un réxime administrativo esepcial. É. sobre todo, un organismo deliberante, que funcionará por consenso e cuias decisións non obligarán nada máis que ao estado ou autonomía que as acepte. Pénsase que fomentará tamén acordos bilaterais ou multilaterais entre os membros.

A Conferencia Intergubernamental Británico-Irlandesa

Outro organismo deliberante e de cooperación, en principio. Reúnese a nivel de xefes de goberno ou de ministros e asesores. Tal vez o aspecto máis importante sexa o de que pode servir –e isto recoñécese expresamente– para que o Goberno da República de Irlanda apresente opinións e propostas en asuntos que afectan a Irlanda do Norte pero que non foron transferidos ao goberno autónomo, é decir, que siguen sendo da competencia do Secretario de Estado para Irlanda do Norte no goberno británico. É máis un sinal do interés especial que se lle recoñece ao Goberno de Dublin nos asuntos do norte.

Os organismos de aplicación iranse criando para as esferas de cooperación que vaia decidindo o Consello Ministerial Norte-Sur. Está claro que teñen un papel integrador e preparador, sen dúbida, da futura unidade da illa. A dimensión europea vai ser moi importante aquí xa que boa parte dos 400 millóns de libras de fondos europeos vai ir a proxectos dese xénero. Houbo grande resistencia en Bruxelas a levar eses fondos polos canles dos gobernos, e prefiriuse que vaian a nivel máis básico. Os organismos de aplicación van ter aí un papel importante, seguramente.

Todas estas institucións responden a unha matriz de conceptos que son os que as fan, en opinión de algúns, “postmodernas”.

En primeiro lugar, a desconfianza e a falta de interés polo Estado nacional moderno. E, ao mesmo tempo, o entusiasmo por estructuras supraestatais –como a Unión Europea- ou subestatáis, como as entidades autónomas.

Bastante vencellado a eso vai a perda de interés polo territorio como elemento da soberanía , da identidade e de reivindicación irredentistas. O territorio – e até a paisaxe- estivo sempre no primeiro plano das ideias e as imaxes do nacionalismo. No caso de Irlanda, a Illa impuxo sempre un marco xeográfico que parecía abondar para constituir a nación frente a illa veciña, tan próxima, sí, pero tan diferente. No discurso postmoderno, que é o de John Hume e o SDLP, o territorio diluise, por unha parte, na aceptación dunha dimensión extraterritorial –a da Unión Europea–, e, por outra, na rexionalización da propia illa. Primeiro pensouse nas ventaxas que tería para Irlanda, Norte e Sur, actuar como unha rexión nunha Europa rexionalizada, pero agora comézase a pensar nun concepto máis flexible e menos xeográfico, máis funcional, das rexións, no que a propia Republica de Irlanda podería dividirse en varias rexións, con intereses distintos, e algunhas delas agrupadas seguindo outros criterios. Por exemplo, as rexións marítimas poderían actuar como unha só, e vencellarse tal vez con outras rexións marítimas de Europa, especialmente coas do Atlántico. Os catro distritos do Noroeste (Donegal, Derry, Strabane e Limavady) xa cooperan entre sí en moitos aspectos, ainda que están dun e do outro lado da fronteira entre o Ulster e a República.

Un aspecto interesante, e do que non se fala moito, desta cuestión do territorio é que sempre se admitiu que a Illa de Irlanda tiña que ter unha expresión política unitaria. Iso está no cerne do nacionalismo clásico. Pero si se tivese realizado, ou se fose a realizarse agora, e quedase dentro desa unidade unha sociedade tan diferenciada como é a dos protestantes do Ulster, habería un forte argumento nacionalista para defender a autonomía desa parte da Illa. Cabería pensar nunha autonomia como a que tivo o Stormont, pero dentro da República e non dentro do Reino Unido. Impensabel até hai pouco tempo; pero, có distanciamento do goberno e da sociedade británica dos intereses do Norte de Irlanda, ¿quén sabe se non poderían ir as cousas por ese camiño ou outro semellante?

Na esfera das relacións internacionais clásicas tería que irse abrindo camiño para a presencia e a actuación destas outras entidades e a defesa de intereses que até agora se delegaba no goberno central. Iría aparecendo así esa Europa que algunhas veces se chama “medieval”, coa intención de que o termo sexa eloxioso e non asuste.

Vou partir desta metáfora para facer algunhas observacións finais.

Toda esta “postmodernidade” das solucións que se apuntan en Irlanda non deben pecharnos os ollos à crítica. Ainda que algúns, como Soja, falen dun “postmodernismo de resistencia”, a operación postmoderna apreséntase ás veces como desarme da resistencia contra unha evolución na que aparecen ameazados valores e ideáis humanos que nos parece que val a pena defender. “Moderno”, que antes era un termo eloxioso, vai sendo unha expresión para desprestixiar moitos valores de progreso en diferentes terreos.

A Europa medieval de verdade non foi, nin moito menos, un modelo de convivencia, e a aparición do Estado “moderno” foi un paso adiante. Loitouse moitos séculos por convertir ese Estado que naceu como un apéndice do Príncipe, do Monarca absoluto, nunha entidade na que se poidesen conxugar moitos intereses diverxentes. Costou moito e non se consigueu de todo ese proceso, que é o da democracia. Non vaiamos soltar agora todo pola borda, ou, como din os anglosaxóns, deixar ir o bebé coa auga do baño, para acabar tendo que reinventar o Estado.

Conven ter claro tamén o que é a paz. A paz non é a ausencia de conflicto. Conflicto vaino a haber sempre, e ten que habelo. A paz é poder resolver conflictos sen acudir as armas.

Cando falamos das novas institucións de Irlanda facémolo con esperanza, con moita esperanza de paz. Cuase calquer solución é preferible ao horror que padeceron as duas Irlandas, cada unha no seu tempo. Cuase calquer, digo, porque hai algunhas que poden espallar as sementes de novos enfrentamentos

Sempre está ahí ese fondo de conflicto armado, que ás veces parece outro mundo, que pouco ten que ver coa supraestructura dos diseños constitucionais e políticos. Sempre é así na política, pero en Irlanda vese con maior claridade. Na data en que falo –25 de xaneiro do 2000– a supervivencia desas institucións recén criadas é moi precaria e depende de se os próximos días o IRA vai entregar ou non as suas armas.

Compre pois analizar cós ollos abertos sempre esta evolución. Nesas novas estructuras internacionais non vai desaparecer o poder. Vai facerse máis opaco, menos recoñecíbel, máis difícil de controlar que o do Estado. E ahí temos todos unha tarefa: analizar o mundo novo, ver canto das chatas do vello sigue existindo nel, procurar solucións huamanas e xustas. Unha tarefa para os que me escoitan e podan sentirse animados a ela, para o IGADI (que por algo é instituto de análise ) e tamén para os concellos, como o de Vilagarcia que propiciou esta ocasión, porque nos concellos estase perto da vida real, e canto veña a potencialos e a darlles presenza no mundo máis amplo, é moi importante.

Nesa labor estaremos seguindo, estou seguro, a loita polos valores de humanismo, tolerancia e universalidade que encarnóu Plácido Castro, a quen hoxe rendimos homaxe.

Fernando Pérez-Barreiro Nolla é membro do Consello Asesor do IGADI