Presentación: Unha fundación para Plácido Castro

Retrato de Plácido Castro

Presentación: Unha fundación para Plácido Castro

Máis dunha vez temos insinuado a existencia dunha certa identificación entre o proxecto do IGADI e o ideario de Plácido R. Castro del Río. Ese entronque entre humanismo, galeguismo e universalismo, nun mesmo e vertebrado todo que nos permite abrir fiestras ó mundo, non para deixar de ser o que somos senón para achegar o que temos, en todos os planos da vida colectiva, individual e social, aparece perfectamente simbolizado no seu pensamento. Non foi casualidade que dende o IGADI se elaborase esa primeira biografía súa, editada na colección Galegos na Historia da editorial Ir Indo.

Recentemente, o concello de Corcubión, vila onde naceu, nomeou a Plácido Castro “Fillo Predilecto”. Os actos conmemorativos do Día das Letras Galegas estiveron centrados na súa figura. Durante a cerimonia solemne de outorgamento do título, en presencia da familia, colocouse unha placa na casa onde pasou os seus primeiros anos. Con anterioridade, tamén o concello de Cambados lle dedicou unha rúa con motivo de se cumprir os trinta anos do seu falecemento. Daquela, en xullo de 1997, presentárase o libro coa presencia, entre outros, de don Francisco Fernández del Riego, actual presidente da Real Academia Galega e compañeiro de fatigas de Plácido nos atribulados e esperanzadores anos do galeguismo republicano. Son as primeiras mostras dunha reacción institucional e social, que irá a máis sen dúbida, para recuperar do esquecemento esta figura tan importante no galeguismo, tan actual no seu discurso e, sen embargo, tan descoñecida.

Para avanzar nesa liña, o IGADI adiantou a proposta de constituír unha Fundación que levaría o seu nome, non soamente co obxecto de habilitar un espacio recoñecido para os seus traballos e a súa memoria que facilite o acceso de investigadores ou curiosos, senón tamén, e sobre todo, para difundir en Galicia os mesmos ideais que vertebraron a súa concepción da vida, da política e das relacións humanas, impulsando a divulgación do seu pensamento e desenvolvendo accións prácticas conducentes a unha maior e mellor inserción de Galicia no mundo.

Familiares e achegados aplauden a iniciativa e as primeiras conversas institucionais ofrecen resultados positivos. Ben é certo que non se trata de levar adiante un proceso vertixinoso, senón todo o calmo e pausado que o asunto require. Os concellos de Corcubión e de Muxía (onde pasou os duros anos da guerra, na casa duns familiares, para evitar unha morte segura) están interesados no proxecto e cabe agardar o apoio igualmente de Cambados, onde faleceu, e de Vilagarcía de Arousa, vila na que desenvolveu a súa actividade profesional, como profesor de inglés, nos derradeiros anos da súa vida. O IGADI sería o instrumento dinamizador e aglutinador.

Son moitas as entidades e institucións, de Galicia e do exterior, que estiveron, dun xeito ou doutro, en contacto con Plácido Castro ó longo da súa existencia; e outras novas que, en razón de querencias do propio Plácido (o grande labor de traducción ou o gusto polo teatro), quizais se animen a poñer o seu gran de area; non faltarán tampouco persoas que a título individual desexen participar na consumación desta iniciativa. Entre todos, a Fundación Plácido Castro podería reunir dignamente os moitos anacos da súa experiencia vital, tan diversa como rica e profunda e ofrecerlle á nosa sociedade todo un exemplo de saber ser (galegos) e saber estar (no mundo).