As palabras de Xavier Senín, no XV Premio Plácido Castro de Tradución

As palabras de Xavier Senín, no XV Premio Plácido Castro de Tradución

Susi Castro (presidenta da Fundación Plácido Castro), Fátima Abal (alcaldesa de Cambados), a gañadora Marta Dahlgren, Sonia Outón (concelleira de Cultura de Vilagarcía de Arousa) e Xaquín Chaves (autor da peza escultórica que simboliza o premio.

“O xurado, formado por Xulio Ríos, Antón Palacio, Fernando Moreiras, Carlos Arias e Xavier Senín premiou a tradución da obra Kallocaína, de Karin Boye, feita por Marta Dahlgren. Considerouse que o traballo de Marta está feito con mestría, rigor e viveza, trazos habituais dunha tradutora consolidada, directamente relacionada coa investigación e a formación de novos profesionais da tradución.

Marta, sueca de nacemento e galega por dereito propio, tradutora de varias linguas, entre elas o sueco, conta cunha vasta carreira profesional. Non é a primeira vez que traduce da súa lingua nai para o galego. Sirvan de exemplo Vivir no fin do mundo e A casa de bonecas , ambas as dúas publicadas por Xerais; máis recentemente, nesta ocasión en Hugin e Mugin, Mel de Abellón e a obra premiada,  Kallocaína, un chamamento contra o totalitarismo e o control social en clave de ciencia ficción, escrita anos antes de 1984 de Orwell e de Fahrenheit 451. Boye adiántase a elas  cunha obra na que a kallocaína, un soro inxectable é capaz de garantir a estabilidade mundial en detrimento da autonomía do individuo.

A tradución de Marta contribúe a un maior coñecemento dunha autora de culto que naceu en Gotemburgo en 1900 e morreu con 41 anos. Grazas ao seu traballo  podemos gozar desta obra, pensada e escrita en sueco, idioma pouco traducido ao galego, sen necesidade de pagar a peaxe dunha lingua que fai de intermediaria.

Grazas, Marta, polo teu labor, grazas por facerte nosa.”