Verbas atlánticas

Portada "Verbas atlanticas". Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro. Editora: Laura Linares Fernández

Verbas atlánticas

Poesía inglesa, escocesa e irlandesa traducida por Plácido Castro

Edita: Fundación Plácido Castro
Edición: Laura Linares Fernández
Deseño e maquetación: PositiBos.gal
Impresión: Feito
Tirada: 2.000
Depósito Legal: VG 575-2016
ISBN: 978-84-617-5317-8

308 páxinas

A familia do autor, e no seu nome Susi Castro, colaborou de forma destacada na realización desta obra tanto economicamente como no arduo labor de compilación das traducións.


Formulario de envío dun exemplar de "Verbas atlánticas"

En cumprimento do estabrecido na Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, FUNDACIÓN PLÁCIDO CASTRO informa aos seus usuarios de que cantos datos persoais lle faciliten será incluidos nun ficheiro automatizado de datos de carácter persoal, creado e mantido baixo a responsabilidade da FUNDACIÓN PLÁCIDO CASTRO. A finalidade de dito ficheiro é enviar información no futuro sobre a actividade da FUNDACIÓN que poidan resultar de interese. FUNDACIÓN PLÁCIDO CASTRO garante a seguridade e confidencialidade dos datos facilitados. Deste modo, comprométese ao cumprimento da súa obriga de secreto dos datos de carácter persoal e do seu deber de gardalos e adoptar todas as medidas necesarias para evitar a súa alteración, pérdida, tratamento ou uso non autorizado. Polo tanto, toda a información sobre os usuarios non será utilizada con propósitos comerciais nin será cedida a terceiros. Os/as usuarios/as poderán en todo momento exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, comunicándollo por escrito ao noso enderezo de correo electrónico.


Na primeira parte desta edición compílanse as traducións de poesía británica, escocesa e irlandesa realizadas por Plácido Castro ao longo da súa vida. Algúns destes poemas publicáranse con anterioridade noutras compilacións, coma o libro Poesía inglesa e francesa vertida ao galego da editorial Alborada (1949), en publicacións periódicas como a revista Grial ou mesmo como parte de artigos xornalísticos no Faro de Vigo, El Pueblo Gallego e outros. Nestes casos, o lugar ou lugares de publicación están indicados nunha nota a pé de páxina. Porén, na gran maioría dos casos, os poemas que se presentan nesta edición están tirados directamente das versións orixinais mecanografadas de Plácido Castro: en moitos casos por estar inéditas, noutros por considerar que as versións orixinais merecen estar dispoñibles para os lectores. Nos casos en que non haxa tradución mecanografada, priorízase a versión de máis autoridade –especialmente no caso daqueles poemas publicados no libro Poesía inglesa e francesa vertida ó galego, dos que se extrae a versión orixinal publicada pola editorial Alborada en 1949– ou a primeira versión da que se ten constancia.

Debido á imposibilidade de definir a data de tradución de moitos dos poemas, ordenáronse estes por orde alfabética do autor, salvo os tres primeiros, clasificados baixo o epígrafe de “Gaélico antigo”, que non teñen autor coñecido. É importante aclarar que, malia que varios dos poemas están escritos en gaélico orixinalmente, neste caso optouse por incluír só a versión inglesa, pois é desta en tódolos casos da que se vale Plácido Castro para crear a súa tradución ao galego.

Na segunda parte, reprodúcese o texto das Rubáiyát seguindo o que foi publicado en Grial no ano 1965, coa diferenza de que neste caso presentamos a versión galega xunto á inglesa de FitzGerald. Ao contrario que no caso dos demais poetas, para os que se engadiu unha brevísima nota biográfica sen pretensións de exhaustividade, neste caso optouse por conservar a introdución e notas do propio Plácido Castro.

Malia que é obvio que as Rubáiyát orixinais non son ‘verbas atlánticas’ propiamente ditas, decidimos incluílas como tal no libro debido á importancia que a versión de Edward FitzGerald tivo para achegar a obra aos lectores occidentais e á fidelidade de Castro á versión inglesa. Consideramos, ademais, que só coa inclusión do que foi o seu traballo máis destacado podemos realmente ofrecer unha mostra exhaustiva e completa da contribución de Plácido Castro á tradución de poesía ao galego.

En relación coa lingua, o criterio xeral desta edición foi o de fidelidade, pois o galego que Plácido Castro utiliza nas súas traducións é, na maior parte dos casos, unha escolla consciente que demostra un estilo definido e un compromiso de promoción e dignificación da lingua galega en tódolos seus aspectos, incluídas as súas formas máis orais. Porén, foi necesario tomar algunhas decisións, fundamentalmente ortográficas, para facilitar a lectura dos poemas e evitar crear confusión no lector sen por iso eliminar os trazos característicos de Castro. Estas foron as directrices xerais que se seguiron:

Eliminación dos apóstrofos comúns na época, como d’un, d’iste, etc, así como os guións, xa estivesen estes acompañando unha preposición (n-a), un pronome enclítico (víste-se) ou un substantivo (i-Alma).

Adaptación da escrita ás normas de acentuación actuais, partindo especialmente da enorme cantidade de inconsistencias que aparecen nos orixinais (fundamentalmente aqueles que se extraíron de orixinais mecanografados
e non de publicacións).

Adaptación da normativa actual respecto do b/v, seguindo tamén o criterio de que a falta de consistencia indica que se trata de dúbidas particulares e non dunha escolla estilística consciente ou dunha influencia da lingua oral ou da situación diglósica do galego. Así, elimináronse as inconsistencias presentes en varios poemas (e mesmo en diferentes edicións
do mesmo poema) coma volvoreta/bolboreta ou veira/beira.

No resto dos casos, mantivéronse as formas non normativas por considerar que supoñen un documento valioso sobre o galego da época e o estilo característico de Castro.