Dous dramas populares (1935)

Dous dramas populares (1935)

W.B. Yeats. Traducción de Plácido Castro e os irmáns Vilar Ponte. Limiar de Plácido Castro. 

Edicións Castrelos. [O texto que se reproduce a continuación incorpora unha combinación de dúas edicións, a realizada por Edicións Castrelos en 1977 (Colección “O Moucho” número 53) e a primeira, de 1935].

Nota dos editores

As presentes pezas teatráis foron pubricadas por vez primeira no ano 1935, como volume LXIX da Editorial Nós, que rexía con exemprar fervor galeguista o marteirado Anxel Casal Gosenge. Aquela primeira edición leva por tíduo Dous folk-dramas de W. B. Yeats e na súa cuberta figura o deseño de dúas caretas –a da risa i a do pranto- trazado por Castelao, máis unha nota que reza: “(Vertidos á língoa galega direitamente do inglés por Plácido R. Castro e os irmáns Vilar Ponte, con licencia do autor)”.

Os tradutores propuxéranse poñer nas mans dos nosos grupos teatráis uns testos de auténtica raigaña popular e fondo contido histórico-social, refrexo das vivenzas dun pobo irmán, capaces de soerguer a alienada e decadente escea galega daquiles tempos. Por desgracia non houbo ocasión para intentar o ensaio, porque a tremenda traxedia real da guerra civil afogóu todas as voces, tanto as da farsa coma as tremantes de carraxe da vida mesma.

Ao reeditarmos agora istes Dous dramas populares de Yeats non esquencemos que os tempos son outros, sobor de todo no que toca á crecente atención que o teatro vai merecendo en Galicia, gracias señan dadas a uns grupos xuvenís, cheos de entusiasmo e crara visión do noso tempo. Entusiasmo ao que responde un púbrico cada día máis afeito a toda sorte de esperiencias teatráis, moi lonxe, uns e outro, daquil probe teatro galego, adocenado e badoco, dos anos trinta. Xustamente é agora cando o teatro irlandés de avangarda, chantado no cerne do pobo, pode ser millor comprendido antre nós. I é por ista razón pola que nos decidimos a poñer de novo na rúa dúas pezas maestras do máis esgrevio dos seus fundadores.

O leitor de hoxendía deberá ter en conta a data e circunstancias en que escribiron as súas páxinas limiares Plácido R. Castro e Antón Vilar ponte, para comprender, dentro do seu debido contesto histórico, as afirmacións e informacións que alí se dan.

Agasalio

Co pensamento posto nos coros enxebres –colmeas de mocedade a traballaren o recendente mel lírico zugado polo genius da terra das marelas chourimas da montaña e na herba de namorar da mariña- pillamos dun horto da Illa Verde coa fouce druida do luar estas flores que enfeita o orballo celta da saudade, común a tódolos pobos da mesma raza, para oferecerllas vizosas logo das ter trasplantadas con labrego agarimo á nosa doce língoa atlántica feita salaios de amor nos Cancioneiros, verba señorial no “Amadís” balbordo de epopeia nos “Lusiadas” e nos “Eoas” e berro cantareiro na loita coa mar brava do Fisterre e o eco verde das montañas.

Os Tradutores.


Podianse ter escollido para iniciar unha serie de traduccións ao galego das millores obras do teatro irlandés, pezas cecais mías teatraes e máis inmediatamente adaptadas â nosa escea que istes dous folk-dramas de William Butler Yeats. Pareceulles, porén, aos traductores que tiña fondo intrés escomenzar con elas porque, alén do seu outo valor artístico, teñen tamén no desenrolo do teatro irlandés a siñificación engadida que lles concede a sua prioridade. O teatro irlandés identificouse nos seus comenzos co renacimento do esprito céltico e a sua incorporación ao arte mundial. Foi Yeats o máis outo intérprete d-ise esprito e obras suas como “Cathleen ni Houlihan” e “The Land of Hearts Desire” abriron os ollos, primeiro de Irlanda, e logo do mundo enteiro, â inmensa fonte de riqueza artística que podía xurdir do “folk-lore”, cando era o seu intérprete un gran poeta. As obras dramáticas de Yeats, cheas ao mesmo tempo de poesía e de realismo, mataron para sempre ao tradicional “irlandés de escenario”, cuyo humorismo e simpatía servían de capa para perpetuar, da maneira máis insidiosa, unha falsa interpretación do pobo irlandés. E todos istes aspectos teñen unha relación tan estreita co problema da evolución do noso propio teatro, que o sucedido en Irlanda fai máis de trinta anos, encerra hoxe para nós leccións de extraordinario valor, que xustificarían a traducción d-istas duas pezas, si non foran xa merescentes de ser coñecidas entre nós pol-o seu propio valor artístico.

Paradoxicamente o nobre intento de elevar o nivel do teatro irlandés suscitou unha xenreira casi unánime. Os católicos combatían o fondo pagano que tiña de estar presente n-unha obra xenuinamente irlandesa. Os “unionistas” opoñíanse, naturalmente, a todo o que fose irlandes. E os propios nacionalistas, indignábanse cada vez que aparecía na escea un personaxe irlandés no que non se personificaban todal-as boas coalidades, porque según eles, o supoñer que un irlandés poidese ter defectos ou moverse por impulsos ruíns era un insulto para Irlanda. Mais os iniciadores do teatro irlandés, crêndo na nobreza e sinceridade do seu arte, e convencidos de que, como decía Yeats, eran “a verdadeira Irlanda loitando contra a falsa”, seguiron o seu camiño, sin deixarse vencer pol-os desordens i-escándalos, nin pol-as persecucións xudiciaes que tiveron que sofrir, non soio en Dublin, sinón no seu viaxe aos Estados Unidos. Trunfaron, e de xeito tan decisivo que nos nosos tempos pode Sean O’Casey dirixir, sin medo â intolerancia, o seu sarcasmo e a sua ironía sobre moitas facetas da vida irlandesa, ensinando e corrixindo ao mesmo tempo que divirte, con unha dureza moito maior que a que outrora empregaron Yeats ou Synge.

Principiando así, en meio da hostilidade xeral, sin contar con teatro, nin cartos, nin actores, nin obras, frente a un púbrico de gusto artístico estragado, o esforzo d-úns cantos entusiastas, dirixidos por Yeats e Lady Gregory, acadou a creación d-unha das máis outas manifestacions do arte teatral do noso tempo. O nome do Abbey Theatre sede do teatro nacional irlandés é hoxe célebre non sô nos países de fala inglesa sin´no en todo o mundo. Os actores foronse improvisando a base de aficionados e de artesáns que lle dedicaban ao teatro o seu vagar, e así, rompendo cos vellos moldes, se chegou a crear unha compañía que é hoxe unha das máis perfectas do mundo, e cuias periódicas aparicións na escea londinense constituen un dos máis asinalados acontecimientos da temporada teatral. E en canto o movimento se iniciou apareceron os dramaturgos, e foi através d-íl que o mundo coñeceu os nomes, -por non citar máis que os principaes- de Lady Gregory, Lennox Robinson, George Russell, Lord Dunsany, Padraic Colum, Synge O’Casey, Yeats.

Abondarían istes tres últimos nomes para asegurar a fama do movimento dramático irlandés, e darlle a categoría d-un dos feitos fundamentaes no últemo carto de século da vida intelectual das terras de fala inglesa. Synge, o intérprete do esprito do occidente irlandés, considerado por moitos críticos como o máis eminente dramaturgo que escribeu en lingoa inglesa dende Shakespeare até os nosos días. O’Casey, cecais o mellor escritor teatral que n-actualidade eisiste nas Illas Británicas. E William Butler Yeats, xeralmente aceptado como o máis notabre poeta contemporáneo das letras inglesas, laureado co premio Nobel, iniciador do moderno “movimento céltico”, na literatura irlandesa, coa sua fonda influenza sobre o nacionalismo irlandés, a cuio eisito colaborou coa creación de varias obras, entre as que figuran as duas que compoñen iste volume -“Land of Hearts, Desire”, O país da saudade, estreada en 1894 no Avenue Theatre de Londres, unha das pezas do autor que máis se teñen representado en Irlanda i-en Inglaterra, e “Cathleen ni Houlihan”, a sua primeira obra teatral, posta en escea en 1902 en Dublin –Situada a sua aición no ano 1798 en que con ocasión d’unha sublevación irlandesa desembarcaron en Irlanda as tropas francesas, aliadas cos nacionalistas que capitaneaba Wolfe Tone, drama no que a vella Cathleen ni Houlihan, representa, nas verbas do propio autor, “Irlanda mesma… â que se lle cantaron tantos cantares e pol-a que tantos foron â sua morte”.

Plácido R. Castro