1927/03/10 > A Inglaterra Céltica

1927/03/10 > A Inglaterra Céltica


El Pueblo Gallego, xoves 10 de marzo de 1927.


O país europeo menos coñecido en España é indudablemente Inglaterra. A opinión xeral, aínda entre as persoas cultas, é que os ingleses son frios e flegmáticos, preocupados unicamente polos negocios e indiferentes á arte e a tódalas cousas do espírito. Os que coñecemos e admiramos Inglaterra temos que lamentar esta apreciación tan errónea da civilización daquel país e, quixera nestas liñas contribuir a modificar ese estado de opinión e demostrar ó mesmo tempo a grande importancia que ten para Galicia o estudo da cultura inglesa.

Examinando calquera actividade da civilización británica – a súa ciencia por exemplo, na que destacan os nomes dos innovadores xeniais coma Bacon, Newton e Darwin, ou as súas múltiples relixións, mostra palpable das súa inquedanza espiritual – pódense deducir razoamentos que demostren o erro da nosa habitual opinión acerca dela, pero é aínda máis interesante considera-lo carácter da súa producción literaria, porque é na súa literatura onde un pobo demostra con máis claridade o seu verdadeiro temperamento. Os libros, ademais de revela-lo espírito dos seus autores, indican tamén o do pobo que os le.

O máis lixeiro exame da literatura inglesa permítenos ver que o que domina nela é o sentimentalismo fondamente humano, a imaxinación, a fantasía. Naturalmente estes sentimentos só encontran a súa expresión adecuada nas obras dos escritores xeniais; a arte imaxinativa non está ó alcance de calquera. Pero aínda na literatura inferior, nos libros escritos co só obxectivo de entrete-los lectores, nos mesmos ‘magazins’, nótase a mesma tendencia cara ó sentimentalismo, ó afán de remanticismo e de aventuras. Por algo é Inglaterra, como dixo ‘Andrenio’, a patria das novelas detectivescas. Os numerosos volumes de memorias e de biografías, a constante atención que adican os xornais de maior circulación ó humano, ó intimo e ó sensacional constitúen unha proba máis desta tendencia.

É non obstante na poesía lírica onde máis claramente se destaca o matiz da espiritualidade británica. O mero feito de que a poesía sexa a máis alta expresión artística do pobo inglés xa é en si un dato revelador do seu carácter. Pero ademais a calidade e o espírito desta poesía, non superada en literatura algunha, desminte rotundamente a opinión corrente acerca do temperamento inglés.

Inglaterra non é un país tan anglosaxón como xeralmente se pensa. Está profundamente certificada. Séculos de contacto coas razas celtas e coa súa literatura modificaron o seu carácter. Á parte destas influencias e do celtismo da súa poboación presaxona hai que ter en conta a teoría, recentemente enunciada, de que a tribo dos anglos invasores era tamén céltica.

Todos estes feitos contribúen a que as características distintivas da literatura inglesa sexan derivadas de fontes célticas. Así o demostrou o gran crítico Matthew Arnold, citando como tales características o estilo, a melancolía e a marabillosa expresión do encanto máxico da natureza.

¡Estilo, melancolía, o encanto máxico da naturaza! ¡Que calidades tan galegas! ¿Non son suficientes para mostra-la afinidade da poesía inglesa coa nosa?

E eu engadiría outra calidade que é un lazo entre elas. Di Yeats que os corazóns dos celtas están demasiado cheos de emocións para que as súas palabras poidan expresalas. E istó é o que precisamente se nota na poesía inglesa, ese algo que trascende a toda expresión verbal, só comprensible para os que levan na súa alma os reflexos destas emocións. Os galegos que sabemos conmovernos ó ler unhas sinxelas palabras de Rosalía, tan cheas desa misma emoción inexpresable, porque encontran o seu complemento nas vibracións da nosa alma, saberemos tamén comprender o marabilloso encanto da lírica inglesa.

De igual forma o seu humorismo, baixo a influencia celta, alcanza esa elevación do sentimento onde se confunden as bágoas co sorriso. Non sería nada novo nin estraño para os compatriotas de Castelao.

Pódese afirmar que a inglesa é a menos realista de tódalas literaturas. Parece o produto dun pobo que envelleceu menos ca os demais, que aínda ve o mundo con ollos algo infantís con certa actitude de asombro ante as cousas, cun infinito anhelo de maxia, de fantasía. Outros pobos chegaron ó realismo ou ó cinismo. A el aínda lle gusta soñar, deixar voar libremente a súa fantasía e buscar na vida o que lle faga sorrir ou humedeza os seus ollos.

Creo con Matthew Arnold que a verdadeira clave para resolve-lo enigma do carácter inglés consiste en estudar debidamente o seu elemento céltico. Inflúe non só na súa literatura senón tamén no seu carácter, creando ese temperamento complexo, produto do choque entre o práctico materialismo xermánico e a intuición e a espiritualidade célticas que o fan tan incomprensible a primeira vista.

Francia e Alemaña ocupan case por enteiro o noso horizonte intelectual. Unha serie de circunstancias, as preferencias dos escritores madrileños, o pouco que os ingleses se preocupan da propaganda cultural, derivaron cara a eses países toda a nosa atención. Creo, non obstante, que a civilización e a literatura de Inglaterra, dado o seu carácter céltico e vistas as afinidades que teñen co espírito galego, ofrecen un campo de maior interese e proveito para o noso estudo preferente.

Á parte das razóns expostas é preciso advertir que case toda a moderna literatura irlandesa, escocesa e galesa está escrita en inglés. ¿Como imos penetrar no ambiente espiritual desas nacións sen ler a Yeats, Synge, George, Macdonald ou Barrie. Sería como excluír a Valle Inclán da literatura galega.

Fronte ás tendencias latinistas e orientalistas podemos opoñer francamente o ideal céltico. Deixemos que outros encontren satisfeitas as súas aspiracións espirituais no elegante cinismo francés, na pesada ‘kultur’ xermánica, no estridente exostismo árabe ou nos ideais latinos, tan alleos ás nosas inquedanzas. Galicia debe mirar cara ás terras brumosas do Norte, terras de Ossian, de Fingal, de Deidre das tristuras. E o lazo entre Galicia e eses países ten que selo Inglaterra, a cultura inglesa, a única no mundo saturada do espírito celta.

Non puiden facer máis que esbozar estas ideas dentro dos límites dun artigo aínda que moitas delas se prestan a extensas consideracións. Propúxenme tan só contribuír modestamente á mellor comprensión desa terra de románticos, de humoristas, de poesía máxica e melancólica, cuxo coñecemento considero tan necesario para o desenvolvemento cultural de Galicia.

P. R. Castro.