1927/03/22 > A crise dos partidos

1927/03/22 > A crise dos partidos


El Pueblo Gallego, martes 22 de marzo de 1927.


A política inglesa atravesa un periodo confuso. Aínda que pareza estraño, mentres se acentúan as diferenzas entre os membros dun mesmo partido, en moitas cuestións tódolos partidos atópanse unidos.

Tense falado moito da crise do liberalismo; pero non é a máis fonda porque non é doutrinal. As súas causas son máis ben administrativas e persoais. Claro está que unha baixa das filas dos deputados liberais nótase moito porque o seu número é reducido. Non se debe olvidar, non obstante, que abandona-lo liberalismo é en moitos casos unha medida oportunista, os outros partidos ofrecen unha perspectiva máis próxima de gobernar. E non foron sempre os elementos máis valiosos os que se foron.

Non deixan de existir divisións entre os conservadores . Ós dereitistas non lles satisfai nin a proxectada lei sobre as Trades Unions nin a actitude do Goberno respecto a Rusia. Pero un partido que goberna sempre procura disimula-las súas diferenzas.

Onde a división é maís profunda é no laborismo. Dende a folga xeral os xefes non cesaron de insultarse publicamente cunha acritude á que nunca chegaron os liberais e agora comezan as separacións desleais e as expulsións. Mr. Haden Guest deixou o partido porque non coincidía coa súa actitude sobre a cuestión china, e Mr. Spencer que foi expulsado por aconsella-los mineiros da súa unión que regresaran ó traballo contra as ordes da Federación nacional. Mr. Thomas deu motivos quizais máis importantes que os de Mr. Spencer para ser expulsado, pero ata o de agora ninguén falou sobre o caso. Cando o municipio de Bradford pideu autorización ó Parlamento para opera-lo seu sistema de autobuses ata na distancia de quince millas da cidade, o partido laborista fixo súa a proposta, como era natural tratándose dunha empresa de carácter municipal.

Pero Mr. Thomas, presidente da Unión Nacional de Ferroviarios, combatíu a proposición porque sería contraria ós intereses da Compañía de ferrocarrís e por conseguinte prexudicial para os membros da Unión que preside. É este un síntoma realmente grave para o laborismo. Por primeira vez uníronse os patronos e os obreiros dunha industria para combati-la política e os principios mesmos do partido laborista sempre favorable ás empresas municipais. Será na [……….] traballadores non é tan sólida como parece e que se quebranta en canto unha sección considera ameazador os seus intereses materiais. O incrible é que no medio da crise que se producíu en tódolos partidos, algúns dos recentes debates parlamentarios revelaron unha extraordinaria unanimidade. Así acontece nunha nota dirixida a Rusia. Ningún xefe laborista ou liberal censurou o proceder de Sir Austen Chamberlain. Algúns criticaron o tono da súa nota pero non o feito de enviala. Mr. Donald dixo que el a tería mandado dous meses antes. (Agora comprenderán os rusos o pouco acertada que foi a súa táctica de ataca-los xefes laboristas). Os únicos críticos da política de Sir Austen saíron das filas do seu propio partido.

¿Producirán as circunstancias espostas algunha modificación na agrupación política inglesa? É difícil adiviñalo. Cando se aproximen as eleccións xerais voltarán a acentuarse as diferenzas por motivos de táctica política. É seguro que as eleccións, cando cheguen, serán de transcendental importancia para a democracia inglesa, e quizais determinen profundos cambios e novas orientacións nos seus partidos.

P. R. Castro.