1927/04/03 > Dúas vitorias liberais

1927/04/03 > Dúas vitorias liberais


El Pueblo Gallego, domingo 3 de abril de 1927.


O partido liberal inglés obtén dúas notables vitorias nestes últimos días. Gañou as eleccións de Leith e a de Southwark, e estes éxitos sonlle particularmente gratos porque se trata de dous distritos industriais, especialemente propicios para un trunfo laborista. O gran desexo dos liberais é convence-la masa obreira de que lle pode ofrece-lo mesmo apoio que o laborismo, dentro das normas do sistema capitalista. Quizais sexa o éxito liberal o aspecto máis significativo das dúas contendas, e un aspecto non de todo desagradable para os conservadores e porque alonxa a perspectiva dun próximo trunfo socialista. O importante é que os electores comprendan que o partido conservador non é o único que se pode opoñer ó laborismo no terreo da política práctica, e que un voto dado ós liberais non é un voto perdido como se lle quería facer crer. Do cal se pode deducir que os electores británicos non son tan ignorantes nin tan incapaces como se lle antolla a Mr. Wells.

Se o candidato laborista de Leith non fose un extremista, talvez gañase a elección. Pero Mr. Wilson é partidario da confiscación inmediata do capital sen compensación ningunha, e considera o imperio coma ‘unha gran plantación de escravos na cal millóns de homes cos recursos materiais dos seus países están sometidos polas forzas políticas e militares de Inglaterra’. Isto é ir demasiado lonxe aínda para os seus xefes. Tanto é así que Ramsay Macdonald non foi a auxiliarlle persoalmente na súa campaña. Nada ten de extraño que un candidato destas opinións fose derrotado onde talvez houbese gañado un candidato socialista máis moderado. Pero revela unha gran falta de sentido político no partido laborista. É un dato algo alarmante que existan en Leith 12.350 electores que están de acordo con Mr. Wilson. Non obstante non é probable que os quince millóns de pequenos capitalistas ingleses vexan con agrado as súas ideas.

A derrota dos laboristas en Southwark tamén se debe en parte á súa táctica trabucada. Non se atreveron a desautoriza-las bandas de comunistas que interrompían os mítins dos seus contrincantes e é indudable que esta actitude lles restou un número de votos máis importante que o dos comunistas. É un procedemento electoral que non pode ter éxito entre os ingleses, tan amantes do ‘xogo limpo’ en tódalas fases da vida. Aínda que o candidato conservador quedou en moi mal lugar en ámbalas dúas eleccións o resultado de Southwark foi unha aprobación da súa cuestión china, pois o liberal declarouse en completo acordo con dita política.

Non é fácil para os que só recordan as ‘eleccións’ españolas darse conta do que é unha campaña electoral en Inglaterra. O partido laborista celebrou en Southwark de cincuenta a cen mítins ó aire libre e dous en locais pechados durante os quince días que durou a contenda, e os outros partidos non foron menos asiduos na súa propaganda, isto sen conta-las visitas que se fan ós domicilios de tódolos electores e os manifestos que se reparten profusamente.

E vendo o entusiasmo que reinaba entre os electores de Southwark comprendía un que só lle poden arrebata-los dereitos cidadáns ós pobos que nunca souberon exercelos. Este entusiasmo é o argumento máis forte contra as ideas ‘wellsianas’. A través de tódalas esaxeracións e de tódolos apaixonamentos da loita surxe a opinión sensata do pobo libremente emitida.

Confeso que cando escoitei a Lloyd George dicirlle ós electores: ‘O luns estará na vosa man influir na sorte de corenta millóns dos vosos compatriotas’, casi envexaba ó pobre obreiro de Southwark – o día da votación tivo máis poder na súa man, tivo máis significación no mundo, que moitos millonarios doutros países…

Escoitando a Lloyd George compréndese que vencera tódolos obstáculos que se opoñían á súa xefatura do partido liberal. É o único político inglés capaz de entusiasma-las masas e de arrebatalas consigo. Creo que si Lloyd George fose socialista quizais surxira xa a revolución en Inglaterra. Á súa beira Macdonald é un orador frio e tranquilo. Ós electores de Southwark faloulles do servizo social e da beleza. Díxolles que o seu deber non era tan só mellorar na súa situación económica -tiñan que dar un servizo sen taxa á comunidade-. Se non fora ese o ideal socialista el non formaría parte do Labour Party. Era preciso anhelar algo máis que supli-las necesidades da vida. Non debían estar satisfeitos con ter roupas para abrigarse do frio. Debían aspirar a poder vestirse eles e os seus fillos con roupas fermosas que fixesen máis fermosa e máis grata a existencia. E é xusto consignar que estas consideracións éticas e artísticas do xefe laborista fosen os parágrafos máis calmosamente aplaudidos polo auditorio. Mentres así aconteza non hai que perde-la confianza na democaria inglesa.

P. R. Castro.