1927/04/06 > Aspectos do liberalismo inglés

1927/04/06 > Aspectos do liberalismo inglés


El Pueblo Gallego, mércores 6 de abril de 1927.


Díxose moitas veces que Inglaterra é un país esencialmente liberal, a pesar do seu recoñecido tradicionalismo. Pero é preciso distinguir entre o liberalismo do carácter inglés e o liberalismo político. Este cambiou o seu ideario e o seu programa adaptándoo á época actual, abandonando pouco a pouco o seu carácter individualista. Conseguíu, polo menos na teoría, a liberación e a igualdade de tódolos cidadáns, e o seu programa actual é un programa de organización nacional.

Mais o fundamental do liberalismo do pobo inglés, sen relación algunha coas etiquetas políticas, é o sentido da independencia de cada individuo.

Como se concilia esta independencia cos intereses da colectividade é o gran segredo da nación inglesa que ningún outro país descubríu, e que os propios ingleses non adiviñan. Pero o indudable é que o individualismo do pobo inglés será o obstáculo máis serio para a implantación do socialismo. Se algún día chega a goberna-lo partido socialista moitas persoas que hoxe votan a favor do laborismo serán as primeiras en rebelarse contra el. E entre elas estará seguramente o deputado laborista coronel Wedgwood, a personificación do antigo liberalismo.

Cando se discutíu recentemente un proxecto de lei para restrinxi-los abusos dos prestamistas, dixo o coronel: ‘Estamos esaxerando a máxima de ‘Safety First’ (Seguridade ante todo). ‘Safety First’ non fixo a Inglaterra o que é – Inglaterra creouse correndo riscos-. Esta é unha mala divisa para Inglaterra… Nin eu nin os meus colegas laboristas queremos facer máis difícil para a clase obreira o facer parvadas’. E cando se discutía unha lei permitindo recluir en manicomios os delincuentes que tivesen perturbada-las súas facultades mentais, o coronel Wedgwood opúxose tamén a iso no nome da liberdade do individuo. Segundo el os tolos deben te-lo dereito de ir ó cárcere se lle dá a gana. O coronel é un tipo representativo de gran número de ingleses para quenes o deber de cada persoa é ocuparse dos seus propios asuntos, ‘to mind his own bussiness’. O estraño é atopar a este individualista no partido liberalista. Poderá formar parte do partido mentres está na oposición, pero é difícil concebilo apoiandoo cando chegue a gobernar.

Igual matiz de liberalismo inglés atopa unha expresión máis delicada de C. E. Montagne, un dos mellores ensaistas da Inglaterra actual. Cando Mr. Montagne deixou o seu posto no ‘Manchester Guardian’ declarou que nunca dera consello ningún ós seus subordinados, porque tiña medo de influír sobre o ánimo dos demais, non se sentía o suficientemente seguro de estar no certo para aconsellar a outros que seguiran os seus pasos. Non lembro se é Madariaga ou o seu amigo Arceval quen di que o liberal aspirta a convencer antes que vencer. Paréceme (o de Montagne) un liberalismo máis fino, e máis digno de emulación. Por desgracia esta clase de liberalismo vaise extinguindo, en España talvez non exista nunca. Somos moi individualistas cando alguén trata de organizarnos, pero non comprendimos nunca que o liberalismo ideal esixe a humildade e a toleracia.

P. R. Castro.