1928/01/07 > Leóns dirixidos por Burros

1928/01/07 > Leóns dirixidos por Burros


El Pueblo Gallego, Crónica de Londres, sábado 7 de xaneiro de 1928.


Noutras ocasións falei no El Pueblo Gallego das esperanzas pacifistas que inspira o odio á matanza tan evidente na xeración que coñeceu os horrores da última guerra, e que nos permite ser un pouco optimistas respecto ó porvir, a pesar das perigosas manobras dos diplomáticos. Ata se dá o caso de que numerosos soldados se negasen a recolle-las condecoracións que lles foron concedidas polos seus servicios –non queren nada que lles recorde aqueles tempos tráxicos. Pero existe outro fenómeno que me parece igualmente satisfactorio. Os soldados que pelexaron na guerra, polo menos os ingleses, tiveron sempre un concepto non moi lisonxeiro da capacidade dos seus xefes. E desde que se firmou a paz os xenerais fixeron todo o posible para desacreditarse, publicando numerosos libros nos que atribúen os erros ós seus colegas e os éxitos a eles mesmos. Como resultado desta guerra literaria foise formando na opinión pública o convencemento de que case ningún deles tiña a capacidade suficiente para ocupar cargos de tanta importancia. O capitán P. A. Thompson acaba de publicar un libro que resume a opinión do pobo sobre o asunto. O título do libro é suficiente para dar unha idea desa opinión «Leóns dirixidos por burros: demostrando que a victoria na gran guerra se conseguiu polos que cometeron menos erros». Despois de ler libros como o do capitán Thompson, non será fácil que os pobos vaian confiados á guerra, esperando unha rápida victoria gracias ó xenio dos seus grandes caudillos.

Pero o libro máis revelador de cantos sobre a guerra se teñen publicado é o das Memorias do xeneral inglés Sir Henry Wilson. O seu relato permítenos observar como seguían reinando as intrigas políticas e militares, as antipatías persoais e raciais, nos momentos críticos en que as tropas alemanas ameazaban dominar ós aliados. Sir Henry tivo que emplea-lo máis exquisito tacto para que non se producira unha ruptura entre Joffre e French, o xeneralísimo inglés, e para que os xefes franceses e ingleses mantiveran unhas relacións relativamente amistosas. French estaba incomodado cos franceses porque estes desexaban que os ingleses estenderan o seu frente. Franceses e ingleses non se poñían de acordo sobre se tiñan que atacar ou retroceder nin sobre cuestión ningunha, ata que o perigo inminente obrigáballes a tomar unha decisión. Joffre escribía a French cartas que o xeneral Wilson califica de ‘estupendas’.

A relación entre os exércitos e os Gobernos non eran tampouco moi cordiais, segundo Sir Henry nolas descobre. Os políticos tiñan os seus plans estratéxicos especiais que entrañaban o envío de tropas desde a fronte occidental a outros campos de batalla. Joffre se viu obrigado a ameazar a Poincaré coa demisión se esta política se levaba a cabo. Lloyd George e Churchill tamén tiñan os seus proxectos, enerxicamente combatidos polos xenerais. ‘Deus nos axude!’, exclamou Wilson ó coñecelos. E ó falar do gabinete inglés, califica a súa conducta de ‘criminal e perversa’, chama ós ministros ‘os covardes que están na casa’. As relacións de French con Asquith, Churchill e Kitchener eran de franca enemistade. Conta Sir Henry que non podía falar ós xenerais franceses das opinións de French, porque eles contábanllo todo ós políticos franceses, e estes ó Gorberno inglés, que despois recriminaba a French.

O labor do xeneral Wilson nestas difíciles circunstancias foi ó parecer de inapreciable valor. Lord Milner dixo que ‘ningún outro home no mundo podía manter unidos ós dous exércitos’. Nivelle afirmou ‘que era o único inglés capaz de salvar unha situación perigosísima’. Mais, concedéndolle todo o seu mérito á obra do xeneral Wilson, ¿non é terrible pensar que nin aínda ante o avance ameazador do inimigo común podíase obter a colaboración franca de dous exércitos, mentres os pobres soldados morrían a miles nas trincheiras? ¿Quen poderá dicir, recordando estes feitos, que o capitán Thompson non ten razón ó chamar a súa historia ‘Leóns dirixidos por Burros’?

¡E a pesar de todo os alemáns non conseguiron chegar a París! Principalmente, sen dúbida, gracias ó heroísmo dos soldados aliados, dos Icones, ¿pero non sería tamén porque os seus xefes eran da mesma categoría cós dos aliados? De todos modos, algo axúdanos a explicar o seu fracaso a recente revelación do médico alemán do xeneral Moltke, o cal di que este gran xefe padecía naqueles momentos de reblandecemento cerebral.

Poderían citarse moitos comentarios máis do xeneral Wilson. Do primeiro Consello de ministros ingleses celebrado durante a guerra di que ‘Discutían coma idiotas’. ‘Foi unha reunión histórica de homes que ignoraban por completo o que discutían’. Di que certos ministros debían ser fusilados.

Na guerra naval atopámonos cos mesmos fenómenos. Dez anos despois da batalla de Iutlandia aínda seguen a discutir acaloradamente os partidarios de Jellicoe e de Beatty, cal de estes almirantes tivo a culpa de que a flota alemana non fose aniquilada, como debeu selo dada a superioridade británica.

Cando o xeneral Wilson pasa a contarnos as incidencias das negociacións de paz non son menos interesantes as súas apreciacións. A súa apreciacións acerca do presidente Wilson queda exposta con absoluta franqueza. Chamalle ‘un visionario perigoso’, un ‘usurpador dos poderes de negociación’, ‘ese burro Wilson’. As discusións dos ‘Catro’ eran ‘de ignorantes e de afeccionados’. Falaban durante meses enteiros sen porse dacordo e, en consecuencia, tres horas antes de entregarse ós alemáns as condicións de paz, o texto do tratado aínda non estaba completo, e homes como Foch, Bonar Lavv e Balfour non puideran conseguir unha copia. Como di o xeneral Wilson, ‘Imos entregar ós alemáns as condicións de paz sen telas lido nós mesmos. Non creo que en toda a historia se poida atopar un feito igual. As condicións foron entregadas sen que ningún de nós as tivese lido na súa totalidade’. E Lloyd George, dous días antes da firma da paz, expresou a súa opinión de que a constitución da Sociedade de Nacións era ‘un documento ridículo e atolado’. ¿Pode sorprendernos que deste ambiente de indecisión e de confusión saíra unha paz case desastrosa como a guerra?

Ás opinións de Sir Henry Wilson hai que concederlle todo o valor que lles presta a gloriosa carreira deste xeneral e o seu íntimo coñecemento dos feitos que comenta. A súa actitude ó oporse ás condicións excesivamente duras que se impuxeron a Alemaña e a Austria, a súa campaña a favor da unidade de mando, e outros moitos detalles da súa vida amósannos a sensatez dos seus xuízos. Acaso sería distinto o ton dos seus comentarios se chegaran a publicarse durante a súa vida. Pero o que nas súas Memorias se di é o que realmente pensaba, e é preciso facer constar que moitos dos seus comentarios non puideron ser incluidos no volume publicado por ser dun ton aínda máis forte que o dos extractos citados. Algúns comentarios lamentaron a publicación deste volume. A min paréceme que ningún libro podía ser máis oportuno. Permitirá ó pobo, que sería coma sempre a víctima de futuras guerras, formar unha opinión precisa da capacidade dos seus xefes militares e políticos. A competencia é perdoable.

Talvez a guerra moderna presente problemas nacionais e militares tan complexos que ningún cerebro humano pode resolvelos. A guerra de trincheiras foi en realidade a confesión do fracaso da estratexia. Pero o que é máis difícil de perdoar é a continuación das intrigas, das envexas, das antipatías persoais ante o inimigo común, cando se falaba hipocritamente ó pobo da ‘unión sagrada’.

De todos xeitos ben está que os pobos saiban a verdade e por iso merece o noso agradecemento Sir Henry Wilson. Agardemos que a lección do pasado servirá de consello para o porvir.

P. R. Castro.