1928/01/14 > Inglaterra necesita a Autonomía

1928/01/14 > Inglaterra necesita a Autonomía


El Pueblo Gallego, Desde Londres, sábado 14 de xaneiro de 1928.


A controversia relixiosa segue e seguirá sendo durante moito tempo o tema máis apaixoante da actualidade inglesa. Desta discusión poden derivarse toda clase de consecuencias, talvez ata a separación da Igrexa e do Estado. Mais polo momento nada se pode predicir. Só se sabe que os bispos teñen o propósito de volver a presentar a súa proposta ó Parlamento, agardando que terá mellor sorte que na última ocasión, e non deixan de insinuar que se o Parlamento persiste en negarlle á Igrexa a liberdade de fixa-las súas propias crenzas talvez sexa a separación a única solución do actual conflicto. En todo caso será o Parlamento e non a Igrexa quen decida se a separación debe permitirse.

Pero se a Igrexa Anglicana aínda non se decidiu a pedir ó Parlamento que lle conceda a Autonomía, non deixaron de sinalar e de censurar algúns dos seus xefes o feito de que o novo ‘Libro de Oracións’ non foi rexeitado polos deputados ingleses, entre os cales obtivo maioría a proposta, senón polos escoceses, irlandeses e galeses, ós que a reforma non afectaba para nada, pois os seus respectivos países posúen igrexas independentes.

A esta tese francamente rexionalista responderon os deputados aludidos dicindo, con moita razón, que non se discutía unha cuestión puramente inglesa, senón unha medida que afectaba en realidade a tódolos protestantes británicos. Pero o caso de se-los deputados escoceses, galeses e irlandeses os que esixiron a fidelidade da Igrexa Anglicana ás súas crenzas tradicionais non deixa de ser interesante dende o punto de vista nacionalista.

No Norte de Irlanda, como en Gales, non existe igrexa oficial, aínda que a Igrexa Episcopal dos dous países ten crenzas idénticas ás da Igrexa Anglicana. En Escocia é a Presbiterana a igrexa oficial. Podemos, pois, observar no aspecto relixioso, como no sentimental, o completa que é a independencia das distintas nacións que forman o conxunto británico. E se ben é verdade que esta independencia é nestes momentos dun grave conflicto na igrexa inglesa, tamén é xusto recoñecer que a Gran Bretaña debe a súa gran riqueza espiritual e sentimental precisamente á diversidade de carácter das nacións que compoñen o Estado Británico. Se o Goberno inglés seguira a táctica de afogar toda manifestación do sentimento rexional, houbéranse, sen dúbida, evitado moitos conflictos, pero seguramente empequenecerían a significación espiritual do conxunto.

Mais do que agora se trata non é da independencia de Gales, do Norte de Irlanda, ou de Escocia, senón da autonomía de Inglaterra. Os ingleses sempre se lamentaron de que sexan os galeses, irlandeses e especialmente os escoceses os que gobernan e administran o país. Na política, nos negocios, na burocracia, no goberno das colonias, no profesorado, sempre tiveron os escoceses unha preponderancia moi superior á que corresponde a súa importancia numérica. E inspirados polo ‘espírito da clan’ procuran que os seus compatriotas consigan os mellores postos. Contan que cando lle preguntaron a un gran actor cómico escocés Sir Harry Lander, que opinión tiña dos ingleses, despois da súa viaxe por Inglaterra, respondeu: ‘Non coñezo a ningún; só me presentaron ás persoas de importancia’.

E agora dáse o caso curioso de ser escoceses os dous xefes da Igrexa Anglicana, os Arzebispos de Canterbury e de York. Non falta quen diga que a iso se debe o fracaso da reforma proposta ‘porque os escoceses non comprenden o carácter dos ingleses…’.

Toda esta discusión das relacións entre as partes compoñentes do Estado británico, e da ‘invasión’ escocesa, faime recordar un discurso de Chesterton, que tiven o placer de escoitar hai uns anos. O gran humorista inglés, co seu típico aburrimento, e bo humor pediu ós escoceses que lle concederan a autonomía a Inglaterra. E ó contestarlle o rector da Universidade de Glasgow, prometeu que ‘segundo se foran instruíndo as razas sometidas do Sur estudiaríase a forma de concederlles a autonomía’.

A discusión do ‘Libro de Oracións’ no Parlamento británico viu a demostrarnos que había un fondo considerable de realidade baixo o humorismo daqueles discursos. Os que non comprenden como en Escocia, un país que ten unha individualidade máis definida cá de moitas nacións independentes, non existe un forte movemento nacionalista, podían atopar a explicación na paradóxica frase de Chesterton: ‘Home Rule para Inglaterra’.

P. R. Castro.