1928/01/25 > Temperamento e prosperidade

1928/01/25 > Temperamento e prosperidade


El Pueblo Gallego, Desde Londres, mércores 25 de xaneiro de 1928.


A Conferencia de patróns e obreiros para ver se é posible a cooperación entre eles en lugar dunha loita constante pode se-lo primeiro paso cara a paz industrial e a prosperidade. Ou pode acontecer que os feitos sexan máis potentes que as boas intencións e que fracase unha tentativa tan digna de aplauso. O tempo dirá. Pero esta conferencia invítanos a meditar sobre as causas fundamentais da crise industrial británica. Ben coñecidas son as súas causas económicas e materiais. Pero existe un factor, acaso tan importante como calquera outro, ó que non se adoita concederlle a debida influencia –o temperamento do pobo inglés.

Poderiamos comparar a Inglaterra cunha persoa que se dedica a unha profesión pola que non sinte gran afección. Por boa que sexa a súa vontade, por grande que sexa a súa actividade, nunca alcanzará o éxito coa mesma facilidade que a persoa que sinte entusiasmo polo seu traballo. A un español talvez lle pareza Inglaterra un país espiritualmente industrializado. En realidade non o é; basta comparala con Norteamérica para comprendelo. Os americanos tenden a identifica-la felicidade coa prosperidade, coa adquicisión de diñeiro, e en consecuencia ven á civilización industrial como unha cousa desexable porque é a máis adecuada para a creación de riqueza material. Ata chegan a darlle un valor artístico. Só recentemente se iniciou entre os escritores americanos unha reacción contra o comercialismo. Moitos deles aínda atopan a súa inspiración no rebumbio da moderna vida norteamericana. E o presidente Coolidge dixo hai pouco tempo: ‘O ruído das segadoras, o zumbido das serras, o estrépito da forxa e o estruendo do tráfico son parte dunha gran sinfonía, que expresa non só o progreso material, senón tamén o progreso espiritual’. Está é a absoluta identificación do espírito co traballo que leva a unha nación ó éxito material. Pode parecernos un tanto bárbaro o concepto americano da súa sinfonía, pero non cabe dúbida de que é práctico.

¡Que distinto é o caso de Inglaterra! Os seus poetas, como tódolos seus habitantes, miran con certo horror o ‘país negro da industria’, que sería en Norteamérica motivo de orgullo. En lugar da ‘sinfonía industrial’ de Coolidge cantan a sinfonía da natureza. Para eles a industria é máis ben un mal inevitable ó que hai que resignarse. Esperan con impaciencia a chegada das vacacións, non tanto para descansar como para fuxir dos grises centros industriais ás praias e ós campos. Non é que os ingleses se avergoñen de ser un pobo industrial. Polo contrario a súa potencia industrial e sobre todo a calidade dos seus productos son un motivo de orgullo. Pero teñen plena conciencia dos inconvenientes materiais e espirituais do industrialismo; non atopan na simple prosperidade a satisfacción das súas aspiracións nacionais e persoais.

A maior parte dos homes de negocios ingleses non traballan impulsados principalmente polo afán de riqueza e de poder. A súa gran ambición é acumular diñeiro para poder adquirir grandes propiedades onde poder cazar e pescar e vivir como un ‘country gentleman’ –un señor rural. E se consegue un título, mellor. Pero a súa finalidade é sempre máis ben social que económica. E os obreiros, pola súa parte, tamén anhelan algo máis que o salario suficiente para vivir comodamente. Ramsay Macdonald díxolles moitas veces que non deben contentarse con ter que comer e roupa coa que abrigarse, senón que deben aspirar a unha vida chea de beleza e alegría, que deben expresa-lo seu espírito resucitando os antigos bailes populares, ‘bailando cos corazóns e non só cos pés’, que a próxima xeración necesita ‘unha delicada apreciación do fermoso, do que é de bo gusto’. Segundo o xefe laborista, as condicións actuais non permiten ‘mira-lo traballo con afecto como algo fermoso, atractivo, algo que comunica ó corazón e á alma a satisfacción de sentirse en afectuosa harmonía con él’. Di que o sistema actual ‘vai exprimindo as almas e os corazóns dos nosos traballadores… Os nosos corazóns vanse mecanizando… Cada día será máis difícil levanta-la vista ó ciclo e recibi-la súa inspiración…’. O ‘Observer’, periódico conservador, ó comentar un discurso de Lord Balfour, expresa unha opinión parecida. ‘É esencial –di- que os homes e as mulleres cesen de ser considerados como brazos… Isto é unha ofensa á dignidade humana’. O sistema industrial de hoxe ‘cansa o corpo e atrofia a alma… O cansancio é un resultado de traballar a disgusto’.

Comparemos agora as opinións de Mr. Baldwin, coas de Mr. Coolidge. O primeiro ministro inglés, poucas veces fala da grandeza industrial do seu país. Pero non perde ocasión de lembra-las belezas dos seus campos, de falar das lembranzas da súa nenez, da súa xeración polas lendas e as tradicións de Inglaterra. Durante a súa recente visita ó Canada dixo que lle parecía moi envexable a vida dos agricultores canadienses, ‘o seu contacto coa natureza, a súa liberdade das constantes preocupacións do home de negocios’. ‘O cambio das estacións –díxolles- proporciónavos un espectáculo sempre interesante. A saída e a posta do sol, os ceos estrelados, a aurora boreal, todos contribúen a facer feliz a vida do habitante das chairas canadienses’. Os elementos compoñentes da sinfonía espiritual, son para este inglés tan típico, moi distinto dos que escollería Mr. Coolidge.

O espírito inglés, como se verá por estas citas e observacións, segue anhelando sempre o contacto coa natureza, o ‘romántico’, unha felicidade que sexa algo máis que a sinxela prosperidade. E en consecuencia encóntrase a disgusto no ambiente industrial que as circunstancias lle impuxeron. Cen anos de industrialización lograron cambia-lo seu temperamento. E hoxe experiméntase unha sensación contra o industrialismo. Realízanse constantes esforzos para salva-las comarcas rurais dos avances da industria. Procúrase por tódolos medios facer máis amena a vida nas aldeas, creando sociedades teatrais, resucitando os bailes e as cancións tradicionais. Como dixo Lord Salisbury: ‘Queremos que Inglaterra volva a ser ‘Merry England’, a Inglaterra doutros tempos’.

¿Cómo non vai a influir adversamente no desenrolo económico dunha nación esta loita constante entre o espírito e o ambiente, este disgusto coas condicións da súa vida? Tódalas circunstancias empurran a Inglaterra cara a ‘americanización’. Pero a americanización parécelle a moitos ingleses, como dixo Chesterton, ‘peor que a invasión dun exército estranxeiro’. O conflicto será motivo de moitas dificultades que se evitarían se Inglaterra se rendira ante o avance da civilización industrial. Mais ¿Quen poderá negar que a supervivencia do tradicional espírito inglés promete a longo tempo para a Gran Bretaña grandezas que nunca poderá alcanzar unha nación identificada coa civilización materialista? ¡Feliz o país no que os xefes políticos falan de ‘ceos estrelados’ e queren que ‘bailen os corazóns’!

P. R. Castro.