1928/02/01 > A humanización da Industria

1928/02/01 > A humanización da Industria


El Pueblo Gallego, Desde Londres, mércores 1 de febreiro de 1928.


A conferencia celebrada entre algúns grandes industriais ingleses e os representantes das Trade Unions non foi máis que o principio dunhas negociacións que durarán naturalmente moitos meses, dado o difícil do problema que se trata de resolver. Patróns e obreiros reuníronse en moitas ocasións anteriores para busca-la solución de conflictos industriais, pero as discusións actuais son algo moi distinto do que ata agora se coñeceu.

Sir Alfred Mond, o iniciador das negociacións, dixo na súa carta, dirixida ós xefes laboristas: ‘Cremos que os intereses comúns que nos unen son máis poderosos que os intereses diverxentes que en apariencia nos separan’. Nestas palabras temos a clave da conferencia. Ata hai pouco tempo tivo gran preponderancia nos medios laboristas a crenza de que o obxecto do movemento obreiro era destrui-lo capitalismo, provocando cantos conflictos fose posible, para crear despois sobre as ruínas do capitalismo unha nova era de benestar xeral. Esta crenza tiña necesariamente consecuencias desastrosas para o actual sistema. Ó aceptar os obreiros a invitación de Sir Alfred Mond abandoaron tacitamente a súa antiga posición fronte ó capitalismo, recoñecendoo como única base posible da prosperidade xeral nos momentos actuais. Aínda cando as ideas doutrinais do laborismo sigan sendo as mesmas que ata hoxe, os seus xefes convertéronse en aliados do capitalismo de Sir Alfred Mond. Poderíamos calificalo de ‘super-capitalismo’, pois Sir Alfred dirixe unha organización industrial química que conta cun capital de sesenta millóns de libras.

Os patróns, pola súa parte, non fixeron menos concesións que os laboristas. Recoñecen que é necesario humaniza-la industria, que o obreiro debe participar na súa orientación e nos seus beneficios (…) se os adelantos mecánicos lle fan perde-lo seu traballo. Din que o obreiro debe poder sentir ‘que non é unha máquina, senón unha parte dun servicio nacional’. Admiten, en resumo, como di o ‘Observer’, que ‘os beneficios non son senón unha proba meramente superficial da eficiencia industrial, a que debe fundarse necesariamente sobre a satisfacción e a felicidade dos que traballan nela’. É esta nota nova nas relacións industriais con significación que sería imposible esaxerar. Talvez non sexa fácil atopar unha solución dos problemas industriais que asegure ó mesmo tempo a felicidade e a prosperidade de obreiros e patróns, pero a transcendencia do intento débese precisamente a súa audacia e a súa nobreza. Se, como parece, tanto os traballadores como os capitalistas chegaron por fin a ve-la industria como unha cousa ‘humana’, e abandoaron o criterio simplemente materialista, hai razón para esperar que os seus esforzos non fracasaran. Algúns patróns da ‘Asociación Industrial Cristiana’, expresan nun manifesto ‘a necesidade de discuti-las relacións industriais nun ambiente de fraternidade cristiá’. Os xefes laboristas que forman parte da citada asociación, entre eles Ramsay Macdonald, piden ‘a tódolos homes e mulleres de boa vontade’ que ‘traballen activamente para por en práctica os principios cristiáns no corazón da cidadela do industrialismo’. Cando Mr. Cook, o secretario da federación de mineiros, saíu da conferencia exclamando con indignación, ‘Isto non é economía, é teoloxía’, dixo unha gran verdade, aínda que no canto de censura, como el pensaba, a súa frase constitúe un eloxio. Se as negociacións comezan neste ambiente case relixioso non faltan motivos para ser optimistas en canto ó seu resultado.

Sir Thomas Inskip, o Procurador Xeral da Coroa, dixo con moita razón que esta cordialidade industrial, ‘é como unha brisa de primavera despois dun inverno longo e crú’. Ninguén podía esperar que se operara un cambio tan grande no curto espacio de tempo que transcorreu desde os conflictos de 1926 –aínda que en realidade a cordialidade de hoxe é un resultado dos conflictos de onte. Todos comprenderon a inutilidade e a estupidez daquela loita.

Entre o optimismo xeral hai algunhas notas menos agradables que sinalar. O grupo de Sir Alfred Mond non representa a tódolos patróns, senón ós mellores dentro deles. Non se pode estar (…) de que os máis reaccionarios respecten as recomendacións da conferencia. Os patróns da industria textil non atoparon máis medios de reorganiza-la súa industria que o xa coñecido procedemento de aumenta-la xornada de traballo e reduci-los salarios. Dos propietarios de minas non se pode esperar gran cousa. Hainos tercos e doutrinarios como o mesmo Mr. Cook. Abondan os que carecen da visión necesaria para concebir un estado de cousas distinto do actual.

E pode ser tamén que aínda cando as negociacións rematen nun acordo cordial, que funcione admirablemente en tempo de paz industrial, o primeiro conflicto serio faga que se veña abaixo toda a excelente obra. Así pensa o gran caricaturista Low, que compara o acordo cos parapetos que se desmoronaron en canto subiu o nivel das augas do Támesis.

Quizais teña razón Mr. Cook, e sexan incompatibles os intereses de patróns e obreiros.

Existe outro factor, o interese xeral, que aínda non se considerou debidamente. Porque a base do porvir sorrinte que Sir Alfred Mond nos prometeu é a ‘irracionalización’ da industria. Alguén definiu a racionalización como ‘a eliminación da competencia mediante a fusión’. E esta fusión tende hoxe a ser non só nacional, senón internacional. A intelixencia de capitalistas e traballadores, a base da racionalización, pode parecerlle a moitos tan chea de inconvenientes como o mesmo socialismo. ¿Podemos estar seguros de que cando a industria mundial estea nas mans duns cantos ‘capitáns da industria’, usarán estes o seu enorme poder en beneficio da humanidade, e non sinxelamente para aumenta-las súas propias riquezas? A experiencia dos truts e os monopolios non nos deduce a vez como unha cousa desexable a concentración do poder industrial en mans dun pequeño número de persoas.

Pero, en resumo, todas estas dúbidas non aminoran o noso optimismo ó rexistrar un feito tan significativo, e de tan enormes posibilidades como a reunión dos patróns e obreiros da Gran Bretaña. Esta tentativa de humanización da industria revela en ámbolos bandos unha nobreza de ánimo que non se fixera notar ata hoxe nas relacións industriais, e un concepto da industria tan distante do antigo capitalismo como do antigo socialismo.

P. R. Castro.