1928/02/28 > Un gran liberal

1928/02/28 > Un gran liberal


El Pueblo Gallego, Desde Londres, martes 28 de febreiro de 1928.


De tódalas figuras ilustres que desapareceron nestas últimas semanas, acaso ningunha personificou como Lord Oxford e Asquith as cualidades dunha época pasada. Non hai máis que doce anos que deixou de ser primeiro ministro da Gran Bretaña, e sen embargo, a época da súa predominancia política parécenos moi lonxana e fundamentalmente distinta da nosa. No profundo cambio que se operou na política mundial durante os últimos vinte anos está realmente a razón do eclipse do poderío de Asquith.

No mundo desequilibrado da guerra e da posguerra estaba fóra do seu elemento. Acaso tivese o seu carácter demasiada grandeza, unha grandeza excesivamente sinxela, para poder descender ó nivel político dos nosos tempos e para enfróntarse cos nosos complicados problemas. Porque Asquith era ante todo un gran parlamentario, un herdeiro insigne da tradición política inglesa.

Cando bastaba o criterio razonado e xudicial para impor unha decisión, convencendo a todos de que era a única decisión sensata, Asquith triunfaba sempre. A súa elocuencia repousada, a súa calma imperturbable, a ausencia de pasión nos seus xuízos e a confianza absoluta na súa integridade facíano invencible na loita parlamentaria.

Pero no ambiente apaixoado da guerra e na política menos tranquila, menos académica, da posguerra estaba Asquith fóra do seu elemento.

Alguén dixo que ‘sobrevivía nun mundo de homes máis pequenos’.

Quizais non sexa esa toda a verdade, aínda que é preciso recoñecer que non queda hoxe ningún estadista da grandeza do ex-primeiro liberal. Sucede máis ben que era un supervivinte nun mundo máis complexo, menos razoable, nun ambiente que require no estadista máis ben o coñecemento da psicoloxía das masas que o criterio xudicial de Mr. Asquith. A política de hoxe debía parecerlle un tanto tola, desequilibrada…

Facer un relato dos feitos saíntes da carreira de Asquith sería escribi-la historia de Inglaterra durante os últimos corenta anos. Foi el quen acabou para sempre coa política arancelaria de Joseph Chamberlain. Cando asumiu o poder en 1908, despois de ser ministro de Facenda durante dous anos, iniciouse baixo o seu mando unha grandiosa era de progreso liberal, un período de trancisión da democracia victoriana á plena democracia do século XX. Que esa trancisión se teña realizado sen saltos bruscos e sen resolucións débese máis que a ninguén ó estadista falecido. Foi unha época de progreso gradual, exactamente consonte coas cualidades típicas do seu propio temperamento. Non é preciso recorda-la magnífica serie de medidas democráticas que lle darán ó seu Goberno un lugar eminente na historia social do seu país. Todas elas tiñan a mesma orientación –mellora-la situación das clases traballadoras da nación e quebranta-lo antigo poder da aristocracia e do capitalismo. Gracias a algunhas das súas medidas de previsión social foille posible a Inglaterra facer fronte ás crises industriais da posguerra.

A oposición dos Lores ós orzamentos de Lloyd George, nos que se facía pagar en xusta proporción ás clases ricas do país, proporcionou a Asquith un dos seus máis resoantes triunfos. Foi a orixe do Parlamento que puxo fin ó veto da Cámara dos Lores, e deixoulles tan só a facultade de aplaza-la lexislación por un período de dous anos. A ameaza de crear cincocentos novos Lores liberais obrigou á Alta Cámara a renderse, e levouse a cabo sen violencias unha das maiores revolucións constitucionais do noso tempo, dándolle ó fin á Cámara popular o poder predominante que lle corresponde, e que ata entón non puidera conseguir.

Non foi menos sabia a política irlandesa de Asquith. Partidario do Home Rule, só fracasaron os seus intentos de rersolve-la cuestión irlandesa ante a oposición da Cámara dos Lores e a rebelión armada do Ulster. Despois viu a guerra mundial e os asuntos irlandeses quedaron relegados a un lugar secundario.

Hoxe concédese na súa patria máis importancia que a ningún dos seus actos, o feito de ter conseguido a entrada na guerra dunha Inglaterra case unánime. Existía no país, e no mesmo gabinete, un poderoso sector pacifista, Asquith, aínda que estaba convencido da necesidade de entrar na guerra, non se precipitou, non adoptou decisión ningunha ata que a actitude de Alemaña e a invasión de Bélxica convenceran enteiramente aínda ós máis pacifistas da inevitabilidade da intervención inglesa. O seu prestixio e a súa cautela evitaron conflictos internos en 1914. Criticaron a súa actitude os que aseguran que unha política máis decidida houbera intimidado ó Goberno alemán, pero nas circunstancias non podía Asquith proceder doutro modo.

O maior éxito da súa actuación durante a guerra foi a aprobación da lei de servicio obrigatorio. Neste caso era tamén necesario agarda-lo momento oportuno para esixirlle ó pobo inglés o sacrificio das súas tradicionais liberdades. Unha tentativa prematura de implanta-lo servicio obrigatorio tería provocado a máis viva oposición. Cando Asquith o propuxo era inevitable a súa aprobación.

Pero pouco a pouco foise estendendo no país o convencimento de que Asquith era o home máis adecuado para leva-la nación á victoria. Os seus defectos nese posto non eran en realidade defecto. Eran precisamente as súas máis admirables cualidades, a súa sensatez, o seu xuízo, as que lle impedían se-lo xefe apaixoado, capaz de emociona-las masas e de infundirlles unha vontade inquebrantable de vencer, o enérxico home de acción que era daquela indispensable. Non se pode establecer unha comparación entre Asquith e Lloyd George. Basta dicir que Lloyd George era o único xefe posible, naqueles momentos, sen que isto supoña a inferioridade de Asquith. A súa posición durante o resto da guerra foi eminentemente patriótica. A absoluta incompatibilidade entre os dous grandes liberais declarouse en 1918, cando Lloyd George quixo continua-la coalición e Asquith estimou que o partido liberal debía volver a combatir só. Naturalmente, no entusiasmo da victoria, foi Lloyd George quen triunfou, e os liberais de Asquith só obtiveron unha reducidísima representación na Cámara. Hoxe pódese apreciar mellor que daquela a sensatez do criterio de Asquith. De seguirse o seu consello talvez non tería lugar o eclipse do liberalismo e o surximento do partido laborista. Pero tamén é posible que o liberalismo de Asquith, esencialmente moderado, non sexa adecuado para os tempos actuais, e que, tarde ou cedo, habería predominar o liberalismo máis radical e audaz que Lloyd George representa.

Aínda lonxe do poder rendiu Asquith un gran servicio á súa patria. Cando a moitos elementos conservadores lles parecía imposible, inaudito, que subira ó poder un goberno laborista, foi Asquith quen declarou, coa súa sensatez de sempre, que o Rei non debía conceder a disolución da Cámara a un primeiro ministro derrotado mentres houbera outro xefe disposto a asumi-lo poder. Así fixo posible a subida de Mac Donald ó poder sen trastorno ningún no país e sen que se creara no ánimo dos laboristas o convencimento de que non se lles trataba con equidade e xustiza, que se produciría de haber concedido o Rei a disolución da Cámara en lugar de chamar a Mac Donald.. era tal o prestixio de Asquith, e a confianza que inspiraba, que a súa opinión sobre este asunto foi aceptada inmediatamente polo país. A actitude de Asquith foi criticada polos que opinan que foi fatal para o seu propio partido. Talvez estean xustificadas estas críticas; pero o xefe liberal, pensando como sempre no ben da patria, puxo os intereses nacionais por enriba dos do partido liberal.

Despois da caída do goberno laborista, cando as ideas constitucionais de Asquith lle obrigaron a oporse á conducta de Mac Donald no asunto Campbell, o xefe liberal foi derrotado en Paisley, e ingresou na Cámara dos Lores, aceptando o título de Conde de Oxford e Asquith. Durante a folga xeral de 1926 surxiu un novo motivo de discordia entre Asquith e Lloyd George. Asquith, esencialmente un parlamentario, non viu na folga máis que un ataque á constitución e púxose francamente de parte do Goberno. Destas diverxencias resultou a retirada final de Asquith, ó ver que a maior parte da opinión liberal aprobaba o criterio de Lloyd George.

Asquith foi o gran orientador do seu partido e do progreso en tempos de paz, en épocas esencialmente parlamentarias. Cando se atopaba ante cuestións que suscitaban violentas pasións ou requerían solucións enérxicas, cando a razón ou a sensatez xa non eran os factores determinantes da situación, deixaba de se-lo gobernante apropiado e eficaz. Este é o fundamento das súas diverxencias con Lloyd George e explícanos tódolos seus triunfos e tódolos seus fracasos.

Na adversidade amosou igual grandeza e dignidade que na hora da victoria. Xamais se lle oiu unha soa palabra de censura ou ataque persoal, nin unha queixa amarga, aínda cando os seus antigos colegas o combatían e abandoaban. Esta grandeza e magniminidade na derrota, é unha das cualidades que máis nos fan respetar e adimar ó grande estadista. No fondo non cabe dúbida que a súa desilusión era profunda. Cando alguén lle preguntou despois do armisticio ‘¿Non dará algún froito este sacrificio de tantas gloriosas vidas mozas?’, Asquith respondeu: ‘Ningún’…

En toda a súa carreira ninguén puido sinalar unha soa intriga política, un só acto moralmente censurable. Despois de dedicar toda a súa vida ó servicio da patria, uns cantos amigos tiveron que suscribir unha suma que lle proporcionara unha renda anual de dúas mil cincocentas libras…

Nos tributos que se rendiron na súa memoria, predomina máis o respeto, a admiración cara algo superior, que o cariño. A mesma grandeza ecuánime de Asquith, a súa nobre dignidade o alonxaban das masas, facía que o respeto dominase os demais sentimentos nos corazóns dos seus admiradores. Nunca quixo facer chega-la súa palabra ó corazón do pobo, senón a súa intelixencia. Acaso por isto non fora sempre o xefe adecuado para os tempos de emoción e de apaixonamento.

Pero ningún estadista dos nosos tempos inspirou e mereceu a veneración como Asquith. Con el desaparece toda unha época parlamentaria. Era ‘o último dos romanos’, un home cunha vida e unha elocuencia que derivaban a súa inspiración dos clásicos romanos, que tanto admiraba… E acaso ocupe na historia un posto máis eminente que ningún dos seus contemporáneos.

É típico do seu carácter o feito de ter deixado ordes de que o enterraran na pequena igrexa da aldea onde residía, sen pompas nin ceremonias oficiais… Tódolos aspectos do seu carácter e da súa vida resúmense na sinxela mensaxe que enviou o xeneral Smith á súa viúva: ‘Morreu un Príncipe’.

P. R. Castro.