1928/04/05 > A casa do ano dous mil

1928/04/05 > A casa do ano dous mil


El Pueblo Gallego, Desde Londres, xoves 5 de abril de 1928.


Tódolos anos organiza o ‘Daily Mail’ unha ‘Exposición da Casa ideal’, que é sempre un dos acontecementos máis interesantes do seu xénero. O do ano actual superou a cantas se celebraron anteriormente, porque o ‘Daily Mail’ tivo a admirable idea de construír dentro da enorme sala de ‘Olympia’ unha casa que non é só moderna senón futura –a casa do ano 2000.

Esta casa do porvir sertá alegre, estará chea de luz. As fiestras non serán como hoxe sinxelos ocos nas paredes. Ocuparán a maior parte da fachada do edificio. Os inxeniosos sistemas de iluminación permitirán cambiar a capricho todo o aspecto das habitacións. E a mesma distribución non será fixa. Bastará tocar un pequeño resorte para que desaparezan as divisións que separan as distintas estancias. A calefacción eléctrica será invisible, distribuída uniformemente por toda a superficie das paredes, teitos e pisos. Cando o día estea oscuro poderase encher de sol artificial e de raios ultravioleta todo a casa e o seu delicioso xardín. Os moradores estarán en continua comunicación con tódalas rexións do mundo por medio da radiotelefonía e a televisión. O traballo doméstico queda eliminado case por completo na casa do ‘Daily Mail’. A vaixela, dun material extraordinariamente económico, pode destruírse despois de cada comida. Un sistema eléctrico permite que se faga automaticamente a limpeza de tódalas habitacións da casa, sendo conducido o pó por tubos ata un depósito central. Os aparatos eléctricos lavan e cociñan. Un reloxo eléctrico non só despacha á xente senón que quenta o té para o almorzo sen necesidade de tocalo. Por medio dun tubo recíbense directamente na cociña os artigos que se desexen, enviados desde o ‘Depósito Central de Comestibles’ sen ser preciso sair á rúa a compralos. Outros resortes regulan o suministro de ozono e de calefacción. E moitos máis detalles (…) se atopan nesta vivenda -(…) admirables: un ‘aerocar’, que é á vez automóbil, aeroplano e barco; e incluso os donos da casa vestidos segundo a moda de 2000.

As notas saíntes da casa de comezos do século vinteún son a luz, a alegría, a comodidade, a eliminación do traballo doméstico. Produce unha sensación de benestar nos que viven nela –aínda que non coincidan as ideas artísticas de cada un coas tendencias do arquitecto. Pero ó sair da casa do ano 2000 e entrar no Londres de 1928 –e quen di Londres di calquera outra gran cidade moderna- non é precisamente a satisfacción o que sentimos, senón certa tristura. Porque a casa do porvir que se exhibe en ‘Olympia’ podía ser, salvo nalgúns detalles, a casa de hoxe. Algúns dos seus inxeniosos mecanismos non son por agora máis que soños, pero a súa idea central, o seu ambiente de luz, de alegría, de benestar, podería perfectamente levarse á práctica nos tempos actuais. E se os que visitan a casa de ‘Olimpia’ desen seguidamente un paseo por algún dos barrios pobres de Londres aprenderían unha lección social que non deixaría de ser proveitosa.

Os barrios pobres teñen polo menos a disculpa da súa pobreza. O lamentable é que as casas da clase media, e aínda as dos ricos, ofrecen un contraste desfavorable coa casa do ‘Daily Mail’. Sen a desculpa da falta de medios económicos amósase nelas a mesma indiferencia cara as posibilidades da vivenda no noso tempo. A nosa xeración, a pesar de precisarse tanto de ser moderna, parece desprecia-los adelantos que a ciencia fai posibles. E en consecuencia, o noso modo de vivir actual dista moito de ser moderno. Existe unha enorme diferencia. Un intervalo de decenas de anos, entre as condicións de vida de hoxe e as que reunirían se se aproveitaran e xeralizaran os inventos máis recentes. E este atraso non pode atribuirse tan só a razóns económicas, senón tamén a certo elemento reaccionario no noso carácter, a un tradicionalismo rutinario e mal entendido –porque o verdadeiro amor á tradición non implica a enemistade cara ó novo. No ano 2.000 haberá moitas mulleres que se negarán a instala-los aparatos de limpeza eléctrica automática e que preferiran seguir limpando a casa cun pano e unha vasoira, como se a limpeza tivera algo de ritual. E algún bo conservador condeará a televisión como un invento do demo, ou falará con pesimismo do porvir da humanidade cando desapareza a disciplina do traballo manual. ¿Non existen hoxe persoas que se negan a emprega-lo teléfono ou a viaxar en automóbil? E por iso é de temer, que aínda a comezos do século vinteún, as vivendas da maioría dos seres humanos estean moi lonxe de ser tan agradables e fermosas como a casa que se exhibe en ‘Olympia’.

P. R. Castro.