1928/04/07 > Oriente e occidente

1928/04/07 > Oriente e occidente


El Pueblo Gallego, Desde Londres, sábado 7 de abril de 1928.


As visitas de soberanos estranxeiros non adoitan merecer máis atención que a do cronista de sociedade ou a do corresponsal diplomático que anda á caza da tratados segredos. Pero a estancia en Londres dos reis de Afganistán ten por moitas razóns un interese maior. Orei Amanullah é, segundo nos informan, o único monarca absoluto que existe no mundo. E utiliza o seu poder para europeizar por completo a súa patria, loitando contra tódalas tradicións, supersticións e crenzas relixiosas dos seus súbditos. É incluso director dun xornal de Kabul, no cal se estimula o movimento occidentalista. E como é natural viu a Europa coñecer de preto as principais nacións do noso continente e para admirar a nosa civilización e copiar de nós o que estime conveniente.

A Gran Bretaña ten un talento especial para exhibir ó visitante estranxeiro toda a súa riqueza industrial e cultural e a súa potencia bélica. No rei Amanullah atopou ó hóspede ideal, incansable, desexoso de admiralo e de estudialo todo. O rei está pasando un mes en actividade incesante, sin un só día de repouso; presenciando manobras do Exército, da Aviación e da Mariña, visitando fábricas, minas, observatorios, hospitais, universidades, postos,… Voou sobre Londres, viaxou en tanque, submerxiuse nun submariño, pronto baixará ás profundidades dunha mina de carbón,… Asistirá á regata de Oxford e Cambridge, á carreira de cabalos do Grand National, ó partido de foot-ball entre Inglaterra e Escocia,… Presenciou magníficas festas no Palacio Real, no Foreyn Office, na City. Así que debe levar unha impresión bastante completa do que é a civilización occidental. E como Amnullah irá despois a Moscova, Inglaterra esforzouse por amosarlle a súa potencia en tódolos aspectos da vida, para que o rei non teña nada de que asombrarse cando chegue a Rusia. Seguramente non lle será doado ós soviets supera-la emoción das manobras aéreas de Hendon –despois da acrobacia dos aviadores ingleses xa non quedan desexos de ir ó circo-, ou o aterrador avance dos exércitos mecanizados da Gran Bretaña. E posto que toda a política estranxeira do Afganistán depende das súas relacións con Rusia e coa Gran Bretaña, non deixará Amanullah de reflexionar longamente sobre o que viu durante a súa viaxe.

Os reis foron recibidos polo pobo inglés cunha cordialidade e un entusiasmo que rara vez se igualarán. Os seus menores movementos, as súas impresións de Inglaterra relátanse minuciosamente na prensa. En todas partes os ovacionan enormes multitudes. Sen dúbida, unha gran parte do interese que sinte o público débese ó feito de que este rei gobernante dun país que loitou tenazmente contra os ingleses ata hai moi poucos anos, veña agora a aprender como son os seus antigos inimigos e a imitalos, e talvez a averiguar cal inimigo é máis temible. Pero o público emociónase tamén ó ver nas rúas de Londres ó rei dun país lonxano, descoñecido, pintoresco e ‘romántico’, un país no cal non podía penetrar ningún estranxeiro, aínda non hai moitos anos, sen que perigase seriamente a súa vida.

E a multitude parece entusiasmarse aínda máis porque os monarcas afganos non teñen un aspecto demasiado exótico, e porque os seus traxes son da máis exquisita correción occidental. A raíña luce un traxe da última moda parisiense; o rei parece vestido polos xastres de Bond Street. E talvez sinte o público que esta conformidade ás modas europeas é un símbolo da victoria da civilización occidental.

Pero, polo menos a min, causoume unha enorme decepción o aspecto destes monarcas asiáticos. O menos que se lle pode pedir a un rei é que traia consigo algo do misterio, da pompa, do esplendor que nos imaxinamos en canto pensamos na máxica palabra ‘Oriente’. Porque se os monarcas de Oriente visítannos vestidos como londinenses, atopámonos con que as únicas notas pintorescas do seu recibimento son os magníficos uniformes da escolta real de Xurxo V, ou os ‘beefeaters’ do torre de Londres, con seus do século XVI. E isto non deixa de ser unha desilusión.

O rei Amanullah amosa tal entusiasmo por todo o que ve que non se atreve un a esperar que a súa rápida visita teña o efecto de moderar un pouco a súas afeccións ó occidental e lle faga pensar nos atractivos da civilización do Afganistán. Pero, aínda que non fora máis que por un instante, houbo un momento no que se permitiu ó monarca facer unha comparación entre o Afganistán e Europa, desfavorable para nós. Durante as manobras do exército mecanizado, cando tronaban ó seu carón os enormes cañóns e evolucionaban ó seu redor as filas de potentes tanques, este rei dun país incivilizado atopounos máis bárbaros que os seus propios súbditos, e exclamou asustado, ‘¡ Que espantosa e que pouco romántica é a guerra occidental!’. E quizais, no seu palacio de Kabul, se lle ocorra pensaar que non é bo todo o que ven de Europa.

Ninguén está satisfeito có seu. Os filósofos e os pensadores de Europa buscan a inspiración nas relixións do Oriente –dentro duns días falará en Londres o novo Mesías indio Krishnamurti. Os nosos pintores, os nosos escultores e os nosos músicos atopan a súa inspiración na arte dos negros africanos. Pero non hai que desesperar da civilización occidental. Porque os chineses estanse matando por ideais europeos, con armas europeas. Ibn Saud, sultán de Nejd, transporta o seu harén en automóbiles ingleses. Mustafá Kemal gasta chapeu flexible e se nós pagamos moi caras as alfombras persas e os mobles orientais, o rei Amanullah e a raíña Suraya acaban de comprar mobles e alfombras nun gran comercio de Oxford Street.

P. R. Castro.