1928/04/20 > Política galesa

1928/04/20 > Política galesa


El Pueblo Gallego, Desde Londres, venres 20 de abril de 1928.


Mr. R. Hopkin Morris, deputado liberal polo condado de Cardigan, acaba de publicar un interesante folleto titulado ‘A Política Galesa’. Segundo Mr. Morris, se ben non existiu nunca en Gales un partido nacionalista forte e aínda que a maioría das circunstancias galesas estiveron representadas polos liberais de 1868 ata 1922, e na actualidade por algúns deputados laboristas, non se debe deducir que o pobo galés fose conservador, liberal ou laborista durante estas épocas. A opinión galesa apoiou ó partido inglés cun programa co cal simpatizaba nun momento dado pero nunca se identificou con el. Gales foi sempre un país fondamente relixioso, chegando a veces ata o fanatismo. E a súa relixión foi o protestantismo ‘Nonconformist’, moito máis protestante que a igrexa anglicana. Os ‘Nonconformist’ opuxéronse sempre á existencia de relixións oficiais, e os electores galeses votaron ós candidatos liberais en 1868 porque Gladstone era partidario da separación do Estado e da Igrexa en Irlanda. Pero cando o xefe liberal se negou a tratar do mesmo xeito á Igrexa Anglicana de Inglaterra e á Presbiterana de Escocia, perdeu o apoio dos galeses e non o recobrou ata que se declarou partidario da separación da Igrexa e do Estado en Gales e ata que condeou a opresión dos cristiáns de Bosnia e Herzegovina polo goberno turco.

Desde entón ata 1922, outras cuestións parecidas motivaron a adhesión de Gales ó liberalismo inglés pero non a súa identificación co partido liberal.

Mr. Morris cre que o partido laborista tampouco poderá conseguir que a opinión galesa acepte a súa ideoloxía. Opina que o concepto centralista do Estado non pode serlle simpático ós galeses porque os socialistas non teñen en conta as diferencias esenciais entre Gales e Inglaterra e porque o pobo galés cre na xustiza e non na eficiencia como valor supremo. Ademais, considera Mister Morris que o individualismo dos galeses e o seu amor á liberdade non son compatibles cos ideais socialistas.

En 1898 fundouse o primer ‘Partido Galés’, de carácter similar ó do antigo partido nacionalista irlandés, tan poderoso naquel tempo. Pero non progresou. Gales non era un pobo oprimido e faltaba a longa tradición de rebeldía que existía en Irlanda. E ademais atopouse o partido galés coa oposición dos ‘Nonconformist’, os cales non simpatizaban con el, debido ás súas afinidades co nacionalismo católico de Irlanda. Pero, desde 1898 ata hoxe, cambiou a mentalidade do pobo galés. O industrialismo modificou o carácter do sur de Gales. Gracias ó labor da Universidade galesa, o énfase relixioso dos ‘Nonconformists’ foi substituido por un ‘racionalismo moderado’. E, ademais de debilitarse a influencia relixiosa, cambiou por completo a actitude dos protestantes respecto a Irlanda. A cuestión irlandesa perdeu o seu carácter relixioso e hoxe só se ve o excelente exemplo da prosperidade dunha Irlanda independente. E, en consecuencia, os ‘Nonconformists’ galeses atópanse agora entre os membros máis entusiastas do novo partido Nacionalista Galés, fundado hai dous anos. Este partido é, segundo Mr. Morris, esencialmente conservador e a súa creación foi posible gracias á educación do pobo, que agora está capacitado intelectualmente para aprecia-la importancia dos estudios literarios e históricos de compatriotas seus como sir Jhon Morris Jones. Estes estudios e descubrimentos, que amosan a antigüidade, a cultura e a personalidade definida da civilización galesa crearon, ó difundirse entre a opinión do país, un novo rexurdimento do sentimento nacionalista.

Esta é a interesante análise da política galesa que fai Mr. Morris, e parece ter razón ó crer que se inicia unha fase de grande actividade nacionalista. Un comité, no cal están representadas as autoridades municipais e os organismos de ensinanza, está considerando na actualidade a forma de estimula-lo estudio do idioma galés, e talvez recomende que se faga obrigatoria a súa ensinanza nas escolas oficiais. A Federación Liberal do País de Gales, presidida por Mr. Williams George, irmán de Mr. Lloyd George, aprobou unha moción, na cal se pide o ‘Home Rule’ para Gales. Os estudiantes do colexio de Bangor –que forma parte da Universidade de Gales- celebraron recentemente unha elección na cal obtivo 131 votos o candidato nacionalista, en tanto que o liberal acadou 107, o socialista 91 e o conservador 81.

O nacionalismo ten ó seu favor o feito de que os galeses conservaron moitos dos seus costumes e tradicións, agás nas cidades industriais. O idioma aínda se fala en case tódalas rexións do país. A única influencia poderosa que se lles opón é a forza do laborismo no sur de Gales. O laborismo pode ser máis compatible co espírito galés do que cre Mr. Morris, precisamente porque o laborismo inglés é algo moi distinto do socialismo teórico e centralista. Pero a predominancia do socialismo en Gales débese en gran parte á crise mineira. Os obreiros desempregados e os que reciben salarios reducidos simpatizan, naturalmente cos partidos máis avanzados. E cando volva a reina-la prosperidade nas cuncas mineiras, talvez perda parte da súa forza o socialismo. Pero esta cuestión do ‘Home Rule’ galés, e a consideración do nacionalismo na Gran Bretaña, ten outros aspectos interesantes, que merecen comentarse en outro artigo.

P. R. Castro.