1928/04/27 > Gales e Escocia

1928/04/27 > Gales e Escocia


El Pueblo Gallego, Desde Londres, venres 27 de abril de 1928.


É interesante o estudio da actual actividade nacionalista galesa porque nos revela o efecto da elevación de nivel cultural do pobo sobre a evolución e difusión do sentimento nacionalista. O nacionalismo pode ter fundamentos sentimentais, culturais ou políticos. No separatismo irlandés, aínda cando tiña gran forza a inspiración sentimental e cultural, predominaban os factores políticos, as razóns materiais. O movemento galés é, polo momento, máis ben intelectual. É preciso distinguilo do antigo nacionalismo irlandés. Non ten carácter revolucionario ningún porque non existe o impulso do sentimento de opresión, e porque a opinión nacionalista poderá atopar libre expresión e amosa-la súa forza, cando a teña, polos métodos pacíficos da democracia. Pero é interesante observar no caso de Gales, que cando nacionalismo ten unha xustificación histórica e científica basta que se eleve o nivel cultural do pobo para que adquira unha grande intensidade e difusión.

A cuestión do ‘Home Rule’ galés non pode considerarse sen ter en conta a situación de Escocia. O deputado escocés Mr. Barr acaba de presentar ó Parlamento británico unha moción na cal se pide o ‘Home Rule’ para Escocia. Esta moción preséntase case tódolos anos, sen chegar nunca a ser aceptada porque non se trata dunha cuestión urxente e por non existir en Escocia un partido nacionalista organizado. Pero a proposta de Mr. Barr conta co apoio oficial do partido laborista e coa simpatía dos seus xefes. Nunha resolución do ano 1918, o partido laborista expresou a súa crenza de que debían crearse parlamentos en Irlanda, Escocia, Inglaterra e Gales quedando o parlamento de Westminster como asamblea federal do Reino Unido. Os ministros federais formarían cos representantes dos Dominios e os da India, un Consello de Negocios Imperialistas.

O caso de Escocia é parecido ó de Gales. Como non é un país oprimido, non existe o nacionalismo político. Os escoceses teñen un orgullo nacional tan forte como o de calquera nación independente. Sen embargo, como os seus intereses son en xeral case idénticos ós de Inglaterra, non houbo motivo para crear un movemento nacionalista. Pero a concesión do ‘Home Rule’ a Gales e a Escocia non poderá aplazar asuntos de cada nación, o parlamento de Westminster non pode atender debidamente a tódolos asuntos da Gran Bretaña. A pesar do enorme alivio que supón a separación de Irlanda, o parlamento británico atópase abrumado polo traballo. Tódolos anos quedan sen aprobar moitas leis necesarias, e as que se aproban non se discuten coa minuciosidade debida. Pero se Escocia, Gales e Inglaterra tiveran parlamentos propios para lexislar nos asuntos de cada nación o parlamento de Westminster podería dedica-la súa atención ás cuestións británicas, sen ter que ocuparse das meramente locais. Isto é o que sucede actualmente no caso do Norte de Irlanda, que ten un parlamento propio ademais de enviar representantes a Westminster. E como a aglomeración de traballo en Westminster é cada vez maior, porque o Estado está estendendo constantemente a esfera das súas actividades, a descentralización non pode tardar moito tempo en ser indispensable. Desta descentralización, e da creación dun parlamento federal en Westminster poden derivarse interesantes transformacións nas relacións imperiais, facéndose máis fácil a constitución dun gabinete imperial en Londres, aínda que este gabinete sería máis ben un corpo consultivo que un instrumento de goberno do Imperio.

Só existen dous motivos importantes que contribúen a aplaza-la concesión do ‘Home Rule’ a Escocia e Gales. O afecto ás tradicións seculares de Westminster fai difícil e pouco popular calquera transformación no carácter e nos poderes da ‘Madre de Parlamentos’. E a mesma aglomeración de traballo na Cámara Británica é un obstáculo que se opón á discusión dun problema como este que non é de absoluta urxencia. Pero é moi probable que non pasen moitos anos sen que sexa unha realidade a federación das nacións británicas, que asegurará o bo goberno de cada unha delas sen restarlle forza nin significación ó conxunto das Illas Británicas.

P. R. Castro.