1929/02/14 > O nacionalismo escocés

1929/02/14 > O nacionalismo escocés


‘El nacionalismo escocés’. El Pueblo Gallego, 14 de febreiro de 1929.


Por vez primeira presentaron os nacionalistas escoceses un candidato a deputado na recente elección parcial de Mid Lothian. A votación obtida polo nacionalista Mr. Spence, que só conseguiu oitocentos vintecatro votos, ficando no último lugar entre catro candidatos, semella significar a primeira vista, que o nacionalismo escocés non ten ningunha forza política, pero tal crenza estaría completamente errada. A realidade é que o programa do partido de Mr. Spence non representa o punto de vista da maioría dos partidarios da autonomía escocesa.

O Partido Nacionalista Escocés non existe senón dende hai poucos meses e a súa actividade política só se iniciou en outubro do pasado ano a raíz do inesperado éxito do seu candidato e xefe, Mister R. B. Cunninghame Graham, na elección de ‘Lord Rector’ da Universidade de Glasgow polos estudiantes da devandita universidade. Triunfou o actual Primeiro Ministro, Mr. Baldwin, que obtivo 1.044 votos fronte ós 978 do candidato nacionalista. Os liberais só conseguiron 396 votos e os laboristas 226. Polo tanto, Mr. Cunninghame Graham, aínda que derrotado, conseguiu unha votación fronte a un candidato tan eminente como Mr. Baldwin, que revelou a forza insospeitada do nacionalismo entre a xuventude culta do país. Este éxito animou ós nacionalistas a presentaren máis de vinte candidatos nas seguintes eleccións xerais e a loitaren na elección parcial de Mid Lothian.

Como é natural nun partido de tan recente formación, o nacionalismo escocés aínda non ten un programa definido, nin están de acordo tódolos seus membros en canto ó grao de autonomía que Escocia debe reclamar. E un partido constituído principalmente por xente nova e literatos tende a un programa máis ben idealista que práctico, pouco axeitado para a loita contra os grandes partidos políticos. Os nacionalistas máis avanzados, e entre eles Mr. Spence, solicitan o ‘dominion status’. Ou sexa, a completa independencia baixo a coroa británica como no caso de Irlanda, que permita reconstituír a vida nacional de Escocia.

Piden o control de tódolos servicios públicos, da facenda e da parte da débeda nacional que corresponde a Escocia. Desexan que os rexementos escoceses formen o núcleo dun exército nacional que coopere coas forzas imperiais. Algúns deles queren establecer unha barreira alfandegueira entre a súa patria e Inglaterra. Un punto interesante do seu programa é o que se refire ó control da emigración e da inmigración. En Escocia, país protestante, hai un grande número de Irlandeses, que son case todos católicos. Cada ano entran no país grandes continxentes de obreiros Irlandeses. Sobre esta cuestión non están de acordo tódolos nacionalistas escoceses, posto que algúns; por motivos relixiosos, desexan que se poña fin a esa invasión católica, mentres que outros solicitan o apoio dos irlandeses que viven en Escocia para combater a influencia anglosaxona.

O programa político inmediato do nacionalismo consiste en presentar no parlamento de Westminster un proxecto de lei anulando a Unión de 1707. De non aceptarse a proposta dos deputados nacionalistas, estes retiraríanse do parlamento británico.

Non é fácil esclarecer se o extremismo dos nacionalistas escoceses reflexa as súas verdadeiras opinións ou se é un movemento táctico para conseguir unha forma de autonomía máis limitada. É moi dubidoso que a maioría dos seus compatriotas simpaticen co seu programa actual. Os escoceses son homes moi prácticos e quererán conservar tódolos beneficios que supón a unión con Inglaterra e obter ó mesmo tempo as vantaxes da autonomía.

É tan íntima a unión das dúas nacións e están tan ligados os seus intereses económicos, que unha separación absoluta sería desastrosa para Escocia. Os escoceses non poden seguir o exemplo de Irlanda. En primeiro lugar porque non hai motivos que xustifiquen un nacionalismo extremo, e en segundo lugar porque son moi importantes os intereses escoceses en Inglaterra e no mundo enteiro, e o predominio dos nacionais de Escocia na vida de Inglaterra.

Non existe opresión nin dominio inglés. Precisamente son os ingleses quen se queixan do predominio escocés en tódalas actividades da vida inglesa. Non hai ningún odio entre os dous países, tan só certa dificultade en entenderse que xorde das diferencias de temperamento. Os escoceses desprezan un tanto ós ingleses como seres sentimentais e pouco prácticos. Os ingleses que ollan o seu país ‘invadido’ polos escoceses, superiores a eles cando menos na súa aptitude para conseguir o éxito na vida práctica, non deixan de pensar que Chesterton ten algunha razón ó pedir o ‘Home Rule’ para Inglaterra. Escocia ten certos privilexios que Inglaterra non goza. O seu sistema de instrucción pública é independente e superior ó inglés. Ten moitos departamentos ministeriais autónomos, un sistema xudicial propio e unha igrexa oficial distinta da inglesa. Moitas das leis que se aproban no parlamento teñen seccións especiais dedicadas a Escocia. A pesar de douscentos anos de unión con Inglaterra, Escocia conservou unha identidade nacional perfectamente definida. Quizais poida chamarse nación con máis dereito que moitos estados independentes. E a unión, sen privarse da súa densidade nacional, proporcionoulle grandes beneficios económicos. Os seus fillos ocupan os máis altos postos políticos e comerciais no Imperio Británico e no mundo enteiro. É dicir que non existe ningunha xustificación do nacionalismo escocés como un movemento contra Inglaterra, e poucas persoas se aventuran a dicir que a unión das dúas nacións, a desaparición de tradicións e costumes nacionais, e outros fenómenos dos que se queixan os membros do Partido Nacionalista poden atribuírse á influencia inglesa. E a crise industrial que tamén lamentan é tan grave en Inglaterra ou en Gales coma na mesma Escocia. A única base razoable do nacionalismo escocés atópase nas evidentes vantaxes da descentralización. Cun parlamento propio Escocia estará mellor gobernada. Os deputados ingleses non posúen o coñecemento preciso dos problemas especiais de Escocia, nin ten tempo o parlamento de Londres para dedicar a atención debida ós asuntos escoceses. A ‘devolución’ de poderes a un parlamento escocés, e a outro galés, é tan conveniente para desconxestionar o parlamento británico como para asegurar o mellor goberno de Escocia e de Gales.

Os liberais e os laboristas están de acordo cos nacionalistas escoceses no tocante á conveniencia desta ‘Devolución’, e a candidatura de Mr. Spence tivo cando menos a vantaxe de conseguir que os dous citados partidos reafirmaran oficialmente a súa adhesión ó programa de Home Rule para Escocia. Tan decidida foi a adhesión dos liberais que moitos significados nacionalistas, entre eles o duque de Montrose, apoiaron ó candidato liberal por considerar que nestas condicións a candidatura nacionalista era superflua.

De aí resultou o fracaso de Mr. Spence, que non significa de ningún xeito o fracaso do nacionalismo escocés, porque en realidade pode considerarse un éxito o feito de que tres dos catro candidatos na elección de Mid Lothlan, e entre eles o que triunfou, se declararan partidarios da autonomía escocesa. O Partido Nacionalista sostén que a concesión da autonomía debe anteporse a tódalas demais cuestións políticas. Os laboristas e os liberais estiman que é preciso resolver os urxentes problemas económicos e industriais da Gran Bretaña antes de emprenderen unha reforma tan complexa. Pero están de acordo en opinar que se lle debe conceder a Escocia un grao de autonomía. E como naquel país son pouco numerosos os conservadores, pode dicirse que a maioría dos escoceses son partidarios do Home Rule e que contan co apoio de dous dos grandes partidos británicos.

O caso do nacionalismo escocés é sumamente interesante. Non atopa a súa inspiración no odio a un invasor ou na loita contra unha dominación estraña, que neste caso non existe. O movemento nace dun fondo patriotismo, do desexo de conservar as tradicións e o carácter da patria, sentimentos que non deixan de ser intensos en Escocia polo feito de non ser agresivos ou violentos. E os escoceses cren que o mellor xeito de realizar os seus desexos é a creación dun parlamento propio, crenza que non nace da súa oposición a Inglaterra senón do convencemento de que baixo un parlamento escocés, no que correspondan a unidade administrativa coa unidade sentimental ou racial, poderíase reconstituír a vida nacional de Escocia.

É un exemplo interesante do que poderíamos chamar nacionalismo puro, un movemento que se inspira no amor ó propio e non no odio ó alleo.

P. R. Castro.