A primeira loita

A primeira loita

El Pueblo Gallego.
Non faltan por fortuna nos críticos momentos que Galicia atravesa –precursores seguramente de tempos aínda máis tráxicos- algunhas voces que soan como acentos de protesta rebelde, voces que poden se-lo principio e o estímulo dunha onda de indignación popular que so se vexa aclamada na hora da liberación da nosa terra. Artigos publicados nestas columnas –abonda citar os máis recentes de Alonso Ríos e A. Vilar Ponte- palabras claras como as que Castelao acaba de pronunciar no Parlamento, revelan que os galegos conscientes e representativos están xa perdendo definitivamente toda esperanza de que os vitais intereses materiais e espirituais de Galicia poidan ser compatibles cos dunha España animada polo espírito e dominada polos intereses que hoxe prevalecen.

Mellor sería, quizais, plantexar o problema dese xeito desde un principio. Pero de tódolos xeitos agora miramos con absoluta claridade que se continúa o actual desgoberno de Galicia polo centralismo español, se os Gobernos de Madrid seguen actuando como se os intereses galegos foran sempre os menos importantes, Galicia verase inevitablemente empurrada ó separatismo.

E entón, indubidablemente, haberá que facer ese chamamento a mocidade á que se dirixe Vilar Ponte pedíndolle que sexa heroica, que conquiste a liberdade de Galicia aínda que sexa a costa de bágoas e sacrificios. Pero nas actuais circunstancias xa non pode plantexarse a cuestión neste sinxelos termos dunha loita entre opresores e oprimidos. Será sempre lícita, naturalmente, a protesta contra calquera agravio ou inxustiza do Poder centrar. Mais, en conxunto, Galicia non terá dereito a enfrontarse con España. Porque España poderá responderlle que se non é autonomía, non posúe esa garantía mínima contra o desgoberno que sería o Estatuto, é porque non quere selo, por non recoller esa liberdade parcial que o Estado lle ofrece.

E se un Goberno se atopa ante unha rexión submisa e humilde, un pobo que se resiste a acepta-la autonomía, que non reacciona ante os maiores agravios, os seus representantes so protestan timidamente e conténtanse con calquera promesa enganosa, ¿non é moi natural que a considere e a siga considerando como unha colonia e dándolle o trato que adoitan sufrir os pobos sometidos? Ningunha colonia deixou de selo ata que espiritualmente se redimiu. E Galicia, que hoxe por hoxe é colonia, aínda non se redimiu a si mesma.

Por iso desgraciadamente, non se pode entaboar a loita como Vilar Ponte di. Porque dáse o caso de que os verdadeiros inimigos de Galicia están entre nós, ou usurpan fóra de Galicia a representación do noso pobo. Son os que subordinan os intereses de Galicia ás súas comenencias persoais ou partidistas, os homes sen ideal cívico nin democrático que converteron ós partidos en instrumentos rivais de mando, aqueles que movidos por motivos mesquiños pretenden enganar ó pobo respecto á autonomía sabendo que prexudican a Galicia.

É evidente a malevolencia dos gobernantes de España para con nós, a confabulación ministerial contra Galicia que Castelao denunciou na Cámara. Xa non podemos crer coma antes que se trate só do descoñecemento e da ignorancia. Pero moito máis temibles e perigosos que estes inimigos extensos, que despois de todo non fan senón ser fieis á tradición española e confirman as conviccións dos nacionalistas – o son os inimigos internos, os colonizados, os ‘casteláns de occidente’. E fáltalle aínda por percorrer a Galicia a rolda, que tódolos pobos colonizados atravesaron, de reconstrucción interna, de loita civil entre galegos e colonos.

Contenda entre galegos e colonos que ven a ser en resume, unha loita social, unha loita de clases adaptada ás características de Galicia. O pobo, inculto por culpa allea, pero con esa superior cultura instintiva que a fai permanecer fiel ó espírito da súa caste, enfrontarase con aqueles que ó adquirir superficialmente unha cultura estraña asimilaron tamén un espírito estranxeiro, identificáronse cos intereses alleos e divorciáronse de Galicia ata o punto de parecer estranxeiros na súa propia patria. Traizoaron a súa terra e non utilizaron os seus coñecementos senón para contribuír a forxar novas cadeas que a apresen.

Deles, agás dunha reducida minoría que se mantivo fiel a Galicia, nada se pode agardar. Pero algún día falará a Galicia enxebre, o pobo ó que se lle negaron ata agora tódolos medios de expresión. Unicamente alí poden atoparse os elementos necesarios para a reconstrucción de Galicia. E se logo resulta que os argumentos que o pobo emprega consisten en algo máis violento que as verbas ou os votos serán culpables disto os gobernos que consideran a Galicia como colonia e os galegos que lles serven de instrumento de domino. Non corresponderá a responsabilidade ós nacionalistas galeguistas, acusados hoxe de antiespañolismo e que son en realidade os únicos galegos que non son separatistas, os que transixiron en múltiples ocasións e colaboraron con sincera cordialidade sempre que se tratou de resolver pacificamente e sen violencia nin odios o problema fundamental da autonomía de Galicia.

P. R. Castro.