AE (George W. Russell)

AE (George W. Russell)

Inmortalidade

 

Como o fume temos de esvaírnos, ou vivir do esprito no fogo

Pois nin nós, nin o fume, podemos tornar para a chama,

Si a vontade en arela se troca, si se troca o pensar en ensoño,

Como fume nos esvairemos, ben que o fogo arda.

 

Compasión infinita que estrelas os crepúsculos de hoxe, cincentos,

De certo que en ti mora a i-alma, o esprito inmortal,

Ou vivimos no fogo do amor, ou por moitos camiños iremos,

Por camiños do ensoño, que â morte nos han de levar.

 

[Poesía inglesa e francesa vertida ó galego, 1949. “Miscelánea arredor da poesía e a súa traducción”, Faro de Vigo, 05/06/1966]

 

 

 

Separación

 

Cando morríamos dentro do soño

Sentín alá moi lonxe o mundo externo;

Teus cabelos no ar xogando en torno,

Os marmulos, tan tenros, do teu peito.

 

Nosas caras se atopan alá lonxe,

Como no borde das esferas vastas;

nosas meixelas húmedas na noite,

Eu non sei si de orballo, si de bágoas.

 

¡Ouh porta aquela, ond’eu tiña entrado!

¡Cara e cabelos! ¡Beizos, ollos! Sinto

Como a través de vós o mundo gaño,

Mais, ¡ai! qué lonxe fica o Paraíso.

 

[Poesía inglesa e francesa vertida ó galego, 1949.]