Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2010

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2010

Cambados, 30 de setembro de 2011

Reúnese no Pazo de Torrado da vila de Cambados o 30 de setembro de 2011 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa décima convocatoria, correspondente ó ano 2010.

O xurado está composto polos seguintes membros: Sr. D. Xosé María Gómez Clemente (Fundación Plácido Castro), Sr. D. Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Sr. D. Alberte Álvarez Lugrís (Asociación de Tradutores Galegos), Sra. Dna. Dolores Sánchez (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Sr D Xosé Luís Axeitos (Real Academia Galega) e Sr. D. Xulio Ríos Paredes (Director do IGADI), que actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina webhttp://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade da tradución galega, a relevancia para o noso sistema cultural da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras as súas deliberacións, acorda:

  1. Expresa-la súa satisfacción pola grande calidade das traducións concorrentes, un total de dez nesta edición, que mellora ano tras ano.
  2. Outorgarlle o premio Plácido Castro 2010 a D. Fernando Moreiras Corral pola excelente tradución do “Ensaio sobre a crítica”, de Alexandre Pope, texto clásico deste afamado poeta inglés. O xurado sinala que se trata da primeira tradución deste autor ao galego, e destaca a gran calidade da reprodución dos esquemas rítmicos da obra orixinal.

E para que así conste, asínase a presente en Cambados, a 30 de setembro de 2011.

Xosé Castro Ratón

Ana Luna Alonso

Xosé Luís Axeitos

Xosé Mª Gómez Clemente

Carlos Arias Iglesias

Alberto Alvarez Lugrís