Bases do Premio de Tradución Plácido Castro 18ª edición

Bases do Premio de Tradución Plácido Castro 18ª edición

A Fundación Plácido Castro da que forman parte os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, a Asociación de Tradutores Galegos e o IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional), convoca o Premio Plácido Castro de Tradución destinado a promover versións en lingua galega das grandes obras da literatura universal, con especial atención á súa presenza en Internet e as traducións para o galego de obras doutras linguas. Lémbrase, deste xeito, a figura de Plácido Castro, humanista, liberal, cosmopolita, símbolo da universalidade do nacionalismo galego que quixo estimular coas súas traducións a recuperación explícita da nosa identidade.

  1. Poderán participar na convocatoria da décimo quinta edición do Premio Plácido Castro de Tradución todas as persoas que envíen algunha obra traducida ao galego para ser incluída na biblioteca virtual http://tradutoresgalegos.com/bivir.html, mesmo se xa foron editadas con anterioridade en formato papel. As obras deberán necesariamente estar libres de dereitos e pertencer ao dominio público no momento en que sexan enviadas a Bivir. Tamén poderán concorrer aquelas obras editadas en formato papel e non publicadas en bivir.com que sexan remitidas polos seus autores á Fundación a efectos de participar no premio.
  2. Asemade poderán concorrer as traducións para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas
  3. As obras que concorran ao premio enviaranse á sede da secretaría da Fundación Plácido Castro: IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional) Centro Cívico Sur, rúa Luís Braille, 40, 36003 Pontevedra ou por correo electrónico a info@tradutoresgalegos.com, antes do 1 de maio de 2019.
  4. O xurado do Premio estará composto por cinco persoas representantes de cada unha das seguintes institucións: Fundación Plácido Castro, Asociación de Tradutores Galegos (ATG), Real Academia Galega, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo e Administración Autonómica. Actuará como secretario con voz e sen voto unha persoa en representación do IGADI.
  5. O xurado terá en conta fundamentalmente os seguintes criterios: corrección lingüística e ortotipográfica, calidade da versión, criterios de lectura e interpretación do orixinal, relevancia da obra nas culturas de orixe e chegada e adaptación ao destinatario.
  6. O xurado dará a coñecer de inmediato a identidade da persoa premiada e fará públicas as razóns nas que se fundou para a concesión do premio.
  7. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves.
  8. A entrega do Premio terá lugar no lugar e data que sinale a Fundación Plácido Castro.