Acta da reunión do xurado

Acta da reunión do xurado

Baiona, 22 de decembro de 2001.

Reúnese na Casa do Concello da vila de Baiona o 22 de decembro de 2001 o xurado do Premio de Traducción Plácido Castro na súa primeira convocatoria, correspondente ó ano 2001.

O xurado está composto polos seguintes membros: Xosé Luís Franco Grande (Real Academia Galega), Xulio Ríos Paredes (Fundación Plácido Castro), Xavier Senín Fernández (Xunta de Galicia), Xulián Maure Rivas (Presidente da Asociación de Traductores Galegos), Silvia Montero Küpper (Universidade de Vigo) e Alberto Álvarez Lugrís (Secretario da Asociación de Traductores Galegos), que actúa en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traduccións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web http://www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a traslación dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade literaria da traducción galega, a relevancia para o noso sistema literario da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de traducción, o xurado, tras longas deliberacións, acorda por maioría, outorgarlles ex aequo o premio Plácido Castro 2001 a Lois Tobío pola traducción de Fausto de Goethe e a Valentín Arias pola traducción de O sobriño de Rameau de Diderot. Así mesmo, e en atención á excelente calidade das demais traduccións concorrentes, o xurado acorda establece-los seguintes finalistas:Xosé Carballude Blanco e Xosé María Liñeira Reboredo pola traducción Sobre a amizade de Cicerón e Ana María Valladares Fernández pola traducción de O espertar de Kate Chopin.

E para que así conste, asínase a presente en Baiona, a 22 de decembro de 2001.

Xosé Luís Franco Grande, Xulio Ríos Paredes, Xavier Senín Fernández, Xulián Maure Rivas, Silvia Montero Küpper e Alberto Álvarez Lugrís.