Intervención de Xulio Ríos na entrega do Premio

Intervención de Xulio Ríos na entrega do Premio

Vilagarcía de Arousa, 26 de xaneiro de 2002.

Sr Alcalde, Sres representantes municipais dos Concellos de Cambados e Vilagarcía de Arousa, Sra Directora Xeral de Promoción Cultural, presidente do Xurado e da Asociación de Traductores, presidenta da Fundación Plácido Castro,

Queridas amigas e amigos,

Moitas gracias, en primeiro lugar, por asistir a este acto co que damos continuidade a esa senda iniciada onte mesmo coa III Conferencia Anual Plácido Castro, impartida desta vez por Ramón Villares e que versou sobre “Portugal e o galeguismo”, toda unha magnífica lección sobre a construcción da identidade e os seus referentes históricos fundamentais.

Onte e hoxe e nomeadamente todos os días deste ano que queremos Centenario de principio a fin esforzaremonos ilusionadamente por reencontrar a Galicia con Plácido.

Que unha das primeiras accións públicas da Fundación Plácido Castro consista na creación dun Premio de Traducción que leva o seu nome non é froito da casualidade. Plácido foi un precursor, un adiantado do mundo traductor galego. Dotado especialmente dun gran poderío estético e técnico, dominador, como acerta a enxalzar Vicente Araguas, dos recursos métricos e rítmicos, cun enorme gusto sempre á hora da selección de autores e obras como non podía ser doutro xeito nun home da súa inmensa cultura, poeta el mesmo e bo coñecedor das culturas británicas e galega, estamos, sen dúbida, ante un dignísimo representante desa estirpe de traductores que antes que nada son escritores.

A excelencia de Plácido como traductor radica ao meu ver no exercicio dunha dobre sensibilidade: en primeiro lugar, poética; en segundo lugar, cultural (civilizatoria ou mesmo política, se queredes). A preferencia de Plácido polas literaturas, especialmente a poesía, sempre a poesía, “a arte que mellor encarna o espírito dun pobo”, dicía, esa devoción polas literaturas, digo, irlandesa, inglesa e gaélica, converxe en traduccións de infinidade de poesías e prosas líricas espalladas en xornais e revistas de Galicia, da península e de América latina.

Plácido traduciu a Yeats, a Masfield, a Thomas Hardy, a Colum, a Christina Rossetti –sobre quen fixo un estudio comparativo con Rosalía de Castro, aínda inédito, confiemos que por pouco tempo-, a Robert Burns, etc, traduccións feitas con rigor, pulcritude e emotividade. Obtivo, con Tobío e Gurriarán, en 1946, o recoñecemento da Federación de Sociedades Galegas da Arxentina, esa terra de oportunidade hoxe feita ruína, nun certame literario convocado para celebrar o vixésimo quinto aniversario da súa fundación. Daquela, Tobío estaba en Uruguai, Gurriarán en México, Plácido en Londres, alonxados pois territorialmente pero aproximados polo idioma e a afeción poética, polo seu universalismo activo e o seu amor profundo á cultura e a unha Galicia que non pode senón enriquecerse enormemente con estas singulares aportacións do alleo.

A opción céltica de Plácido non se limitaba á poesía senón tamén ó teatro (e aí está esa traducción de dous folk-dramas de Yeats) e iba mais alá do feito estrictamente cultural. O celtismo é unha das referencias básicas da súa arquitectura conceptual, base indispensable para a creación dun sistema cultural propio, autóctono, un celtismo que tiña na saudade un principal fío de unión, unha saudade entendida como instinto da vida e depósito da nosa forza espiritual.

A traducción de As Rubáiyát de Omar Khayyám, a partir da versión de Edward Fitzgerald, un clásico da literatura inglesa, publicada por primeira vez en 1965 en Grial, culmina en plenitude ese empeño traductor de Plácido, quizais a maior das constantes, co xornalismo, de toda a súa vida. Confío en que moi pronto poidamos ver reunidas nun volume todas esas traduccións, para maior disfrute de todos. Nese empeño traballamos dende a Fundación convencidos de que a voz de Galicia ten que se ouvir no mundo e as do mundo en Galicia e de que ise proceso contribúe á normalización da nosa fala.

Plácido ben merece isto e moito máis porque era deses homes que no dicir do seu admirado Chesterton son grandes non porque os demais se sintan pequenos ao seu carón senón porque se preocupan de facer que cada home se sinta grande. E iso é o que pretendía Plácido para Galicia e o noso idioma, a súa dignificación e o seu engrandecemento.

Moitas gracias.