Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2002

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2002

Baiona, 18 de xaneiro de 2003.

Reúnese na Casa do Concello da vila de Baiona o 18 de xaneiro de 2003 o xurado do Premio de Traducción Plácido Castro na súa segunda convocatoria, correspondente ó ano 2003.

O xurado está composto polos seguintes membros: Francisco Fernández Rei (Real Academia Galega), Xulián Maure Rivas (Fundación Plácido Castro), Xavier Senín Fernández (Xunta de Galicia), Valentín Arias López (Asociación de Traductores Galegos), Ana Luna Alonso (Universidade de Vigo) e Alberto Álvarez Lugrís (secretario da Asociación de Traductores Galegos), que actúa en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traduccións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual bivir publica periodicamente na súa páxina web www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a traslación dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade literaria da traducción galega, a relevancia para o noso sistema literario da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de traducción, o xurado, tras longas deliberacións, acorda:

Expresa-la súa satisfacción pola calidade literaria de tódalas traduccións concorrentes.

Outorgarlle por unanimidade o premio Plácido Castro 2003 a Xesús Riveiro Costa pola traducción de A busca do tempo perdido (I Pola banda de Swann) de Marcel Proust. O xurado considera que se trata dunha obra canónica da literatura universal e que a versión galega enriquece o noso sistema literario coa súa variedade de rexistros.

Establece-los seguintes finalistas: Alexandra Koss pola traducción de Contos de Antón Chéckov eEmma Lázare pola traducción de O cura de Tours de Honoré Balzac. O xurado subliña a calidade literaria das dúas traduccións e destaca a importancia de ter traducido ó galego obras orixinais rusas coas que nos separa unha grande distancia cultural e lingüística.

E para que así conste, asínase a presente en Baiona, a 18 de xaneiro de 2003.

Francisco Fernández Rei, Ana Luna Alonso, Xavier Senín Fernández, Xulián Maure Rivas, Valentín Arias López (non compareceu) e Alberto Álvarez Lugrís.