Intervención de Emma Lázare, ganadora do Premio

Intervención de Emma Lázare, ganadora do Premio

Corcubión, 24 de xaneiro de 2003.

Ante todo quero dar as gracias e manifestar a miña ledicia, primeiro pola calidade do xurado, segundo por ser o único premio de traducción en galego e por levar o nome de Plácido Castro e por último porque a traducción é unha actividade que me gusta moitísimo, pero que me leva horas e horas e, naturalmente, estou moi contenta con este recoñecemento.

E tamén quixera facer fincapé aquí, pola repercusión mediática que puidera ter, na importancia que ten a traducción para o afianzamento e a maioría de idade dunha lingua e dunha cultura. Sen traduccións das principais obras da literatura mundial, unha lingua non acada a súa consolidación, se ben o galego ten todas as condicións dunha verdadeira lingua, como a que máis, e en canto á creación literaria está á unha altura realmente excepcional.

Pero a traducción significa a verdadeira madurez dun idioma. A maioría de nós coñecimos as obras cumio da literatura universal a través da súa traducción ó español. Xa é hora de que os nosos fillos, os nosos alumnos cheguen a ese coñecemento a través da nosa propia lingua.

A todos nos gustaría que os nosos nenos leran, primeiro que leran, e despois que leran os seus contos desde pequenos en galego : A illa do tesouro, Moby Dick, Os tres Mosqueteiros, a Xulio Verne…

E o mesmo ocorre coas obras científicas, de economía, etc…

De momento contamos con algunhas dificultades adiccionais como a falta de diccionarios. Habitualmente damos o salto a través do español (eu, a miúdo a través dos diccionarios portugués-francés ou francés-portugués) Pero, en fin, eses son problemas solventables.

O principal é a falta de intención, sexa das editoriais ou dos responsables políticos. Por eso é absolutamente encomiable o labor da Biblioteca Virtual que ten, agora mesmo, colgada da súa páxina web unha lista de obras literarias traducidas moi superior á de calquera editorial de libro escrito, incluso das máis importantes como Xerais ou Galaxia.

Tamén é moi loable o traballo da Asociación de Traductores Galegos.

A todos eles os galegos deberiamos de estarlles agradecidos.

Eu síntome moi satisfeita de colaborar e de traballar pola lingua e pola cultura do noso povo.

Así que, parafraseando a Cunqueiro, só me queda dicir: “Cen mil primaveras máis para a traducción en galego”.