Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2004

Acta da reunión do xurado do Premio de Tradución Plácido Castro 2004

Baiona, 15 de xaneiro de 2005.

Reúnese na Casa do Concello da vila de Baiona o 15 de xaneiro de 2005 o xurado do Premio de Tradución Plácido Castro na súa cuarta convocatoria, correspondente ó ano 2004.

O xurado está composto polos seguintes membros: Rosario Álvarez Blanco (Real Academia Galega), Xulián Maure Rivas (Fundación Plácido Castro), Xavier Senín Fernández (Xunta de Galicia), Antón Palacio Sánchez (Asociación de Tradutores Galegos), Susana Cruces Colado (Universidade de Vigo) e Alberto Álvarez Lugrís (secretario da Asociación de Tradutores Galegos), que actúa en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto.

O obxectivo deste premio é destaca-la calidade das traducións dos clásicos da literatura universal que a Biblioteca Virtual BIVIR publica periodicamente na súa páxina web www.bivir.com nunha iniciativa que pretende a un tempo colaborar no proceso de normalización da lingua do país e contribuír a enriquece-lo universo literario galego mediante a versión dos autores consagrados que escribiron noutras linguas.

Sendo que as bases da convocatoria do premio indican que no fallo do xurado se terán en conta a calidade literaria da tradución galega, a relevancia para o noso sistema literario da obra traducida, as dificultades intrínsecas da lingua de partida e a súa distancia cultural e a envergadura do proxecto de tradución, o xurado, tras longas deliberacións, acorda:

1. Expresa-la súa satisfacción pola calidade literaria de tódalas traducións concorrentes.

2. Outorgarlles ex aequo o premio Plácido Castro 2004 a Xela Arias pola tradución de O Spleen de Paris de Baudelaire e a Moisés Rodríguez Barcia pola tradución de Do asasinato considerado como unha das belas artes de Thomas de Quincey.

E para que así conste, asínase a presente en Baiona, a 15 de xaneiro de 2005.

Rosario Álvarez Blanco, Susana Cruces Colado, Xavier Senín Fernández, Xulián Maure Rivas, Antón Palacio Sánchez, Alberto Álvarez Lugrís.