Da guerra ó exilio (1936-1948)

Da guerra ó exilio (1936-1948)

Plácido mantivo sempre un posicionamento moi claro en contra do fascismo e un coñecemento profundo da naturaleza dictatorial do nazismo. O nacionalismo galego é un nacionalismo de paz. Nada tiña que ver co nacionalismo de Hitler ou de Mussolini. Por riba de todo era un demócrata.

A guerra civil sorprendeuno na Coruña. Instalado en Muxía na casa duns familiares, foi detido, procesado e condenado polo “Tribunal Regional de Responsabilidades Políticas” a quince anos de inhabilitación absoluta, a oito anos e un día de desterro a máis de cen quilómetros de Muxía e ó abono dunha multa de 25.000 pts, cantidade moi elevada para a época. O Tribunal que o xulgou considerou probado que “se significó publicamente por la intensidad y la eficacia de su actuación” en favor dos intereses de Galicia, realizando “actos encaminados a fomentar la situación anárquica en que se encontraba España”. Inicialmente, para cumprir esta condena, elixiu Vigo (Coruxo en concreto) como lugar de residencia. Principiaba unha andadura chea de dificultades e contratempos que reforzaron o seu crecente escepticismo e introversión.

Ó pé da foz do Lagares, participaba nas tertulias colectivas que xiraban arredor dos Alvarez Blázquez, con Paco del Riego, Xaime Isla, Alvaro Cunqueiro, Otero Pedrayo e tantos outros. Tamén era frecuente atopalo na popular taberna de Eligio onde varias xeneracións de artistas e intelectuais galegos facían tertulia desde 1923. Tamén, mais avanzado o tempo, participaba nas tertulias celebradas na “taberna do Alameda”, en Santiago, organizadas para avaliar o contido de cada número de “La Noche” no que chegaría a publicar algunha colaboración. Aquela figura prominente, de tanto saber e compromiso, engrosaría paseniñamente a longa ringleira de tantos homes de fe galeguista, innominados e pouco a pouco englobados por outros nun brevísimo etcétera.

Voltado para as sesións de piano (era bo coñecedor da música), refuxiado nas súas lecturas de astronomía, unha ciencia que chegou a comprender profundamente, adicouse primordialmente a completar e ampliar as súas traduccións ó galego de poesías irlandesas, gaélicas e inglesas. Cando non andaba cos seus dedos golpeando a máquina de escribir, pasaba o tempo adicandose ó debuxo e a pintura de belas acuarelas, cargadas de brétema.

Non se integra a fondo no proxecto de reconstrucción do Partido Galeguista, auspiciada por Paco del Riego e Ramón Piñeiro, entre outros. En 1943, na reunión convocada en Coruxo a tal fin, non figura entre os asistentes citados por Paco del Riego nas súas memorias. Piñeiro visitouno en Cambados en varias ocasións, pero Plácido, segundo conta o propio del Riego, aínda que non se negou a colaborar, “alagabao un fondo pesimismo”.

En 1944 contraeu matrimonio no Señorío Feudal de Cambados, a vila do Cabanillas que tanto admiraba. Contaba con corenta e dous anos. Aquí residiría os últimos anos da súa vida. Dona Jesusa Sineiro Vidal, a súa dona, era unha muller que sempre soubo estar a carón del, consciente da súa valía, prestándolle todo o apoio necesario nos momentos de dificultades, e asumindo en solitario grandes cargas familiares. Tiveron oito fillos: Plácido, Hugo, Francisco, Carmen, Antonio, Ramón, Jesusa e Manuel. En 1945 trasladáronse a Vigo.

En 1946, a “Federación de Sociedades Gallegas”, patrocinadora dun certame literario convocado para conmemorar o 25 aniversario da súa fundación, premiou a obra “Poesía inglesa e francesa vertida ó galego”, da autoría de Lois Tobio, Florencio Delgado Gurriarán e Plácido R. Castro. A obra foi publicada en 1949 pola Editorial Alborada e nela faise unha defensa dos traductores e das traduccións, reivindicando o respecto e dignificación do seu labor. Plácido recopila nesta ocasión poemas de Christina Rossetti, de Yeats e de Masefield, entre outros, ata un total de dez autores.

Unha oportunidade de alivio brindaselle cando visita Galicia Mr. George Hills, fillo de española e director da sección en castelán da BBC (British Broadcasting Corporation). Plácido e Paco del Riego acompañanno durante a súa estadía. Ambolos dous, xunto con Paz Andrade, Carlos Maside, Emilio e Darío Alvarez Blázquez, ultiman as posibilidades de colaboración dos galeguistas do interior coa emisora británica. Para despedilo e expresarlle a súa gratitude deciden convidalo a cear nun coñecido restaurante vigués. Pero naquel tempo pouco pasaba desapercibido á policía do réxime franquista. Un funcionario da BPS (Brigada Político-Social) confiaralle a Darío que decidiran proceder á detención de tódolos asistentes a aquela reunión.