A segunda etapa británica (1949-1955)

A segunda etapa británica (1949-1955)

Aquel suceso supón para Plácido a confirmación de que o seu lugar está fora de Galicia. Non está disposto a mudar de conviccións e precisa a liberdade. Fuxindo daquela atmosfera asfixiante, coa muller e os seus catro fillos decide irse a Lisboa, onde vive a súa irmán Hermitas. En Estoril pasa varios meses ata que a comezos de 1.949, emprende novamente a viaxe a Londres. Aquí, durante seis anos exercerá como locutor-redactor na BBC, na sección dos programas en lingua galega, española e portuguesa, ademais de critico-teatral en lingua inglesa. Parellamente enviará algunhas colaboracións periodísticas a xornais de Portugal (o Jornal de Noticias de Porto, dirixido por M. Pacheco de Miranda, escribindo as súas crónicas directamente en portugués, reproducidas en primeira páxina) e de América (La Nación, de Buenos Aires).

Darío Alvarez Blazquez conta que, por aquel entón, un locutor da emisión galega preguntaba en antena a Plácido, que arte consideraba como a mais fermosa. A poesía, contestou Plácido sen dubidar. ¿E a cualidade máis digna da alma humana? A tolerancia, asentiu. Para Plácido Castro a poesía era a arte que mellor encarnaba o espírito dun pobo. El mesmo escribiu poesía que nunca publicou, algunhas certamente orixinais coma o poema “lunático” ¡Ouh Lúa inmerescida! no que, a unha grafía orixinal, une as reflexións sobre a rivalidade entre as superpotencias polo control das galaxias, do espacio interestelar. De valor mais intimo é o poemario “O Fillo”, tamén inédito, seica concibido diante do seu primeiro fillo, Pacho.

Os programas galegos da BBC funcionaron de 1947 a 1956. A lingua prohibida no país escoitábase en Galicia ó sintoniza-la BBC, asegura o profesor Antonio de Toro quen realizou unha ampla recopilación destas crónicas radiofónicas. Compre ter presente que naquela época a radio tiña unha importancia moi grande (non haberá televisión ata 1956 e a moitos fogares de Galicia chegará bastante máis tarde). Non había contidos políticos manifestos nos programas da BBC, pero o uso do idioma propio e a colaboración nel de moitas persoas, intelectuais e políticos, vencelladas ó nacionalismo de antes da guerra civil, molestaba ó réxime fascista. Tratábase sobre todo de exaltar, espallar e difundir a nosa fala e cultura.

O “Galician Programme” comezou a emitirse un 23 de xaneiro de 1947. A duración media era de sete ou oito minutos, chegando a dez e doce como moito. A emisión facíase os sábados na frecuencia horaria das 21.00 ás 21.45, e logo, repetiase catro días mais tarde, entre as 22.30 e as 24.00 h.

Era o primeiro programa estable en idioma galego no mundo da radiodifusión. O traballo de Plácido consistía en resumir e ler para os oíntes as informacións bibliográficas que desde o interior facíanse chegar á emisora. O encargado dos programas para a nosa Terra era Alejandro Raimúndez que habitualmente facía as veces tamén de presentador.

Dos 83 programas emitidos, Plácido colaborou en 11, abordando as mais diversas temáticas, crónicas humanas, fondas e sencillas, divertidas e tristes, artigos sempre equilibrados, con un estilo ameno, xeneroso en erudición e cultura, con emoción cando ven ó caso, e mesmo volvendo sobre o escrito en anos anteriores, enriquecendo e matizando cando procede. A crónica política non está ausente. Nestas colaboracións, mezcla de análise e de lección, advírtese un ton escasamente crítico e abondoso en loubanzas para o sistema político británico (España vivía baixo a bota franquista).

En 1950 publica no Boletín do Instituto Español de Londres o traballo titulado: “Un tema de Galicia: la saudade y la poesía”. Tamén envía algunha colaboración a “Galicia emigrante”, revista que comeza a súa andaína en 1954 na capital bonaerense.