Plácido Castro, nacionalista internacionalista

Plácido Castro, nacionalista internacionalista

Por Xosé Luis Franco Grande (A Nosa Terra, 18/09/2003)

A figura de Plácido Castro está sendo obxecto –e xa era hora– de curiosidade e, agardemos, dun mellor e fundado coñecemento. O IGADI, que Xulio Ríos creou, impulsou e vén dinamizando cada día con fe e con esforzo, está contribuíndo a que Plácido Castro sexa coñecido, a que sexa valorado e que sirva de exemplo e de guieiro –guieiro dun nacionalismo civilizado, dun nacionalismo internacionalista, como, segundo afirma o profesor Moulines, debe ser sempre o nacionalismo.

Porque Plácido Castro, despois da guerra civil, e por máis que volvese a Galicia, segue sendo un descoñecido, aínda para moitos que se teñen por nacionalistas. Ninguén ben nacido pode descoñecer, e non son poucos os que están nese caso, que contribuíu de maneira decisiva a que, en 1933, a Sociedade de Nacións recoñecese a Galicia a súa condición de nación. Incluso organismos oficiais galegos veñen demostrando tocante a isto certa distracción, por non dicir algo máis.

Plácido é un dos moitos exemplos sobranceiros que en Galicia temos de nacionalista internacionalista, ou sexa, o contrario do nacionalismo excluínte que con tanta irresponsabilidade como descoñecemento se nos apón dende a dereita gobernante e ás veces tamén dende a esquerda expectante –eses si excluíntes e ignaros. Podería referirme ó traductor, ó intelectual, ó seu labor de xornalista exemplar, ó inquedo artista que tamén foi e, ó cabo, á súa rica personalidade en xeral, aberto sempre á cultura e á compresión dos demais.

A min paréceme que o mellor que hoxe nos pode ensinar, entre outras moitas cousas, é o seu estilo, as súas maneiras e as súas conviccións de nacionalista internacionalista. Homes coma el abriron camiños que comunican a nosa realidade e a cultura europea á que pertencemos. Estou de acordo por enteiro con Xulio Ríos cando escribe que no renovado esforzo de adaptación a unha nova cultura internacionalista, a reivindicación dunha galeguidade universalista debe formar parte do noso acervo común. E, para iso, non vexo mellor nin máis certo guieiro ca Plácido Castro. Empecemos por coñece-la súa vida e a súa obra. É un acto de xustiza, con el e co país.

Xosé Luis Franco Grande