“Coma en Irlanda, coma en Irlanda….”

“Coma en Irlanda, coma en Irlanda….”

Por Xulio Ríos (Sermos Galiza, 18/05/2012)

Irlanda foi unha das claves vertebradoras do pensamento de  Plácido Castro. O corcubionés nacido en 1902 percorreu as terras daquel país en 1928, publicando en El Pueblo Gallego unhas deliciosas crónicas ilustradas. Dende entón, tanto no Plácido tradutor como no xornalista ou no Plácido político, Irlanda emerxe como unha clave inevitable, unha referencia argumental de primeira orde  para definir os rumbos da política galega e da acción dos galeguistas.

Igualmente, tamén se converteu nunha referencia esencial á hora de abordar cuestións políticas, culturais, socioeconómicas ou identitarias, que atopaban na experiencia irlandesa, tan convulsa como esperanzada naqueles anos, motivos de análise e descuberta. Para Galicia, Irlanda é o país máis interesante do mundo, dicía Plácido, nunha altura en que os galeguistas celebraban un novo episodio de eclosión das vellas nacións e das arelas de autogoberno.

Lendo as crónicas de Plácido dos anos vinte e trinta que agora compilou a Fundación que leva o seu nome e o IGADI, pódese acompañar o pulso de toda esa época, non só en Irlanda, tamén en Galicia, pois en numerosas ocasións o que Plácido levaba á actualidade das súas colaboracións eran aspectos da vida irlandesa que anunciaban a Galicia outras posibilidades de actuación de contar con mecanismos xenuínos para a súa aplicación.

Esa construción oblicua do discurso galeguista poñía énfase na importancia de dirixir a nosa mirada cara fóra, de alargar os horizontes dos nosos problemas, de valorar a transcendencia  do intercambio cos de máis alá das nosas fronteiras, presentando o galeguismo como o baluarte da modernidade non por snobismo senón porque cría sinceramente que é nesa riqueza ampla e plural onde se atopan os camiños que nos deben levar ao progreso e ao equilibrio sendo nós mesmos.

Non é por iso de estrañar que outorgara a Irlanda e ao celtismo un lugar sobranceiro na política exterior de Galicia, pero tamén na nosa opción teatral, no contacto coa poesía irlandesa que tanto traduciu, na defensa dun territorio e dunha sociedade que acumulaba grandes valores que reclamaban unha fonda modernización construtiva.

Ler hoxe as cavilacións de entón de Plácido Castro invita a reflexionar tamén sobre a capacidade integradora e harmonizadora dos grandes daquela xeración, grande por antonomasia, capaz de cooperar e establecer sinerxías por riba das diferenzas, disposta a situar sempre un pé dentro e outro fóra para camiñar a bo paso. Oxalá foramos quen hoxe de imitalos minimamente. A lectura pode axudarnos.