Galicia, un país de Europa

Galicia, un país de Europa

Por Xulio Ríos (A Nosa Terra, 23/01/2003)

Con esta reflexión, que conducirá o xornalista Félix Soria, proseguiremos a cuarta edición da Conferencia Anual Plácido Castro. O tema elixido obedece ao feito de conmemorarmos este ano o 70 aniversario da proclamación de Galicia como nación no IX Congreso de Nacionalidades Europeas reunido en Berna en 1933. Plácido Castro foi o enviado de Galicia a aquel encontro que Castelao lembra no Sempre en Galiza como un feito transcendental da nosa historia contemporánea e que situou a nosa Terra nun nivel de recoñecemento internacional que nunca máis acadara. Aínda hoxe, a pesar, por exemplo, de contar cunha forza electoral e parlamentaria moito maior, estamos lonxe de igualar os pormenores daquela iniciativa. A resultas daquelo, Plácido, membro da executiva do Partido Galeguista dende os inicios, foi elixido secretario de relacións internacionais e obtería o maior número de votos dos seus colegas, máis que o propio Castelao, na III Asemblea do Partido. Había conciencia sincera e un gran respecto polo labor dun Plácido que de non ser por Antón Vilar Ponte probablemente conduciría a súa excelente formación británica ata o mundo dos negocios do seu pai, sólido empresario de minas.

Paradoxa e incomprensiblemente é un feito pouco investigado aínda, como tamén a persoalidade e actividades de Plácido Castro, e sobre todo pouco celebrado polo nacionalismo político de hoxe. O seu discurso, tan actual, debería ser a bandeira de enganche do nacionalismo co mundo. O seu europeísmo, o seu universalismo, sempre pasado polo tamiz irrenunciable da defensa da nosa identidade, progresando co exterior e no exterior pero medrando nel e con el como país, sen perderse. O seu pacifismo reivindicador do protagonismo cidadá, da esixencia de responsabilidades aos líderes que conducen aos pobos a canellas sen saída, a súa denuncia desa diplomacia que non resiste a presencia da verdade. É verdade que nos queda moito por saber do noso pasado e de innumerables persoas con méritos dabondo para ser recoñecidas, pero que saibamos tan pouco dun dos membros máis destacados do Partido Galeguista, simplemente pola súa ininterrumpida presencia na Executiva do Partido –por algo estaría–, non semella moi normal.

Claro que hai cousas máis graves. Rematamos o conxunto de actividades programadas para conmemorar o centenario de Plácido. Houbo especiais, monográficos, libros, conferencias, mesas redondas, exposicións fotobiográficas, publicación dalgunha escolma da súa obra… todo o que se puido aínda que quixeramos facer máis. Cambados e Vilagarcía acolleron a maior parte destas propostas, algunhas levadas tamén a outras vilas galegas. Curiosamente, donde non se celebrou nada foi en Corcubión, lugar donde naceu e donde é fillo predilecto –debeu ser un lapsus-. O primeiro desterro de Plácido foi dictado en vida polas autoridades franquistas. O segundo despois de morto polas autoridades nacionalistas de Corcubión. É incomprensible que este Concello (Rafa, ¿por qué?) non participe na Fundación Plácido Castro, donde si están Cambados –gobernado polo Partido Popular– ou Vilagarcía –gobernado polo PSOE–, con acordos unánimes das respectivas Corporacións, Bloque incluído. Tamén Vigo debería estar. Bos recordos o vencellan a esta cidade que elixiu para pasar os seus anos de exilio interior ata marchar a Lisboa e Londres. Pero sobre todo Corcubión, onde naceu, onde os continuadores do nacionalismo no que el militou gobernan sobrada e longamente dende hai anos. Corcubión debería liderar o recoñecemento de Galicia a esta figura, tan diferente no universo galeguista e cun sistema de ideas, tan estructurado e madurado como válido hoxe.

Non digo isto con ánimo belicoso, que no mundo sobra, senón sinceramente estupefacto ante o que considero alarmantes e inxustificables ausencias.

Xulio Ríos é director do IGADI