Plácido Castro, paixón pola universalización do galeguismo

Plácido Castro, paixón pola universalización do galeguismo

Por Xulio Ríos (Faro de Vigo, suplemento de Cultura, 6 de novembro de 2014

Plácido Castro (Corcubión 1902-Cambados 1967), foi unha figura moi singular no cosmos galeguista do pasado século e aínda hoxe unha personalidade por descubrir en moitas das súas facetas. Os seus vínculos con Vigo foron importantes, non só polas súas colaboracións con este xornal durante o período no que cultivou unha fonda amizade co seu director, Álvaro Cunqueiro, ou, con anterioridade, no primeiro tempo do Pueblo Gallego onde empezaría a escribir certeiras crónicas desde Londres con apenas 25 anos, senón polos momentos de “asilo” aquí vividos trala sentencia que o condenou, entre outros, a oito anos de desterro a cen km de Muxía, onde fora agochado tralo alzamento. Plácido pasou en Vigo anos doces nos veráns de Coruxo e nas tertulias do Derby. Precisamente, a Fundación que preside a súa filla Susi, ven de publicar un fermoso caderno no que os seus amigos danlle a despedida ante o inminente exilio en Londres, onde pasaría a colaborar coa BBC. Os poemas dos Álvarez Blázquez ou os debuxos de Prego ou Laxeiro, ilustran os camiños dos afectos daquela xeración. Na rúa Reconquista, un busto de Molares lembra a súa presenza entre nós.

Plácido foi unha rara avis. En realidade, fíxose galeguista estudando inglés no Reino Unido, onde se formou con parte da realeza británica. De familia acomodada e liberal, foi aí onde realmente chegou a comprender que a identidade, no plano individual e colectivo, debe partir do propio, do seu recoñecemento, dignificación e exaltación. Dende o profundo coñecemento da maneira de ser británica (nada de flegmáticos, dicía), foi quen de comprender que é na diferenza onde radica a forza do ser, pero sen que iso derive en forma algunha de confrontación. Para el, que consideraba o nacionalismo un credo moderno, o galeguismo era unha forma de estar no mundo, un mecanismo de unión cos outros baseado no respecto.

Esa concepción estivo sempre presente nas múltiples facetas da súa actividade, como xornalista, como tradutor, como político e ata como acuarelista ou simple erudito. Esa visión era produto dunha inmensa cultura pero igualmente do seu talante tolerante, xeneroso e fondamente humanista. Plácido, formulador da idea de saudade como instinto da vida, como recordaría o propio Castelao no Sempre en Galiza, reivindicou o valor do celtismo como un dos sinais de identidade de Galicia e formulou as bases dunha primeira política exterior para a nosa comunidade. Pero tamén alentou a universalización do noso teatro, da nosa poesía, do noso patrimonio e paisaxe, etc.

Fondo coñecedor da política británica e das singularidades das nacións que conforman o Reino Unido, seguiu moi de preto a epopea irlandesa, chegando ata os confíns das illas Blasket. Tamén se debruzou nas particularidades dos nacionalismos escocés e galés que tanto influirían non só a súa militancia galeguista senón igualmente a súa vocación de tradutor ao galego dos seus grandes poetas nacionais (Yeats, Burns, Hardy, Moore…)

Plácido entendía así o galeguismo: unha admiración profunda polas culturas alleas coa esperanza da normalización da propia, nunca menos considerada a sabendas de que só así Galicia podería estar en condicións de dialogar co resto do mundo.

Se ben hai un Plácido antes e despois da guerra civil, hai tamén un Plácido que permanece fiel ao país desde as súas militancias diversas, xa sexa representándonos no Congreso de Nacionalidades Europeas (Berna, 1933) ou impartindo aulas de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía, ao tempo que fondaba nas semellanzas entre Christina Rossetti e Rosalía de Castro. Para moitos que o trataron, descoñecedores dun compromiso e dun saber que nunca exhibiu con petulancia, “o inglés” era ante todo unha persoa afable, sensible e servicial. Como o seu galeguismo.

Xulio Ríos