Plácido Castro regresa a Vigo

Plácido Castro regresa a Vigo

Por Xulio Ríos (Faro de Vigo, 13/09/2003)

Plácido Ramón Castro del Río (1902-1967), ilustre colaborador de Faro de Vigo nos anos sesenta, regresará a Vigo a próxima semana da man dunha iniciativa cívica que impulsa, co apoio da institución municipal e a colaboración de numerosas entidades sociais, diversos actos de recoñecemento público na súa memoria.

A ligazón de Plácido Castro con Vigo se inicia en 1927, cando comeza a colaborar co diario El Pueblo Gallego, coas súas fermosas “Crónicas desde Londres”, pero se desenvolve con especial intensidade na segunda etapa do seu periplo vital, despois da guerra civil. Nacido en Corcubión e formado no Reino Unido, cunha educación de elite que obrigaba aos seus coetáneos a extremar as súas referencias acentuando a inmensidade da súa cultura, sempre culto entre os cultos, Plácido abrazou a militancia no Partido Galeguista cunha ilusión e un entusiasmo desbordante. Esa orixinalidade condicionaría toda a súa traxectoria en diferentes eidos: na política, na cultura, no pensamento. Era o único dos grandes persoeiros do galeguismo que descubrira a súa vocación de compromiso con Galicia fóra dela, e nada menos que no Reino Unido. Foi aprendendo inglés que chegou a comprender a enorme importancia de conservar e promover o idioma propio.

A militancia política traduciuse na integración, a partir dos anos trinta, no núcleo de dirixentes principais do Partido Galeguista, no que chega a desempeñar varios cargos. Remata a guerra, ese compromiso foi o argumento para condenalo ao abono dunha cuantiosa multa, a 15 anos de inhabilitación absoluta e 8 anos e un día de desterro a máis de cen km de Muxía, onde fora detido.

Para vivir o seu desterro, Plácido escolleu Vigo como lugar de residencia, pasando a ser un habitual da tertulia do Derby ou da taberna de Eligio, residindo unha tempada na rúa Lepanto, outra, a maior, na rúa Reconquista, 11. En Coruxo, nunha humilde vivenda pasaba os veráns, en compaña dos Álvarez Blázquez ou de don Paco del Riego, mentres trataba de reorientar unha vida que, como en tantos outros casos, quedara truncada pola rebelión franquista.

Nesa época, Plácido Castro vira as súas enerxías para o mundo da traducción, especialmente a poética. Con anterioridade, xa demostrara as súas habelencias, traducindo ó inglés, Almas Brujas, de Linares Rivas que chegou a representarse en Londres, ou dous folk-dramas de Yeats, en colaboración cos irmáns Vilar Ponte e con licencia do propio autor. Os seus méritos foron recoñecidos pola Federación de Sociedades Galegas de Arxentina e hoxe o único premio de traducción que existe en Galicia leva o seu nome para evidenciar o elevadísimo nivel e cualificación das súas obras, moitas delas aínda sen dignificar adecuadamente.

Pero para quen vivira a ilusión da esperanza galeguista dos anos trinta e pasara boa parte da súa mocidade en colexios do Reino Unido, practicamente dende os seis anos, de Scarborough a Glasgow, o ambiente daquela época se facía irrespirable. A finais dos anos corenta, decide marchar a Portugal, onde vivía unha irmá, e logo volve a Londres, onde inicia as súas colaboracións coa BBC. Dende Londres, sen deixar a traducción das principais figuras da poesía irlandesa e inglesa, Plácido retoma o cultivo do xornalismo, colaborando co Jornal de Noticias de Porto no que pasa a contar cunha sección propia, ou con La Nación, de Bos Aires.

En 1956 regresa a Galicia e se instala en Cambados, de onde era natural a súa dona, Jesusa. Comeza a impartir clases de inglés no Instituto Laboral de Vilagarcía, labor que combina co seu aluvión xornalístico en diferentes medios (Diario de Pontevedra, La Noche, El Pueblo Gallego). A partir de 1960 comeza a colaborar con Faro de Vigo, especialmente no suplemento de “Artes y Letras”, e coa revista Grial, na que chegará a publicar a traducción de Os Rubáiyát de Omar Khayyám, poeta persa do século XI, a partir da versión inglesa de Edward Fitzgerald. E en Vigo se embarcará con Xaime Illa na fundación da editorial Sept.

Cando o proxecto europeo comeza a barballar e o réxime franquista iniciaba os seus primeiros tanteos con Bruxelas, a súa autoridade intelectual, recoñecida de xeito unánime, o levou a participar como representante español na V Conferencia de Ministros Europeos de Educación dedicada ao estudio “Da civilización do país da lingua que se ensina”, celebrada en Baden (Viena), en 1965. Pero a súa relación con Europa viña de moito atrás, de 1933, cando, en Berna, representou ao Partido Galeguista no IX Congreso de Nacionalidades Europeas. Naquel encontro, Galicia foi recoñecida, por primeira vez, como un país con atributos e dereitos. O aval explícito dese organismo, adxunto á Sociedade de Nacións, plasmaba a vocación universal daquel galeguismo que aspiraba a ser un nexo de unión co mundo. Plácido foi o protagonista daquel evento e tamén obtivo o recoñecemento dos seus compañeiros de viaxe: na Asemblea que a seguir celebrou o Partido Galeguista foi elixido secretario de relacións internacionais, obtendo, en votación secreta, 1.654 votos, sendo o mais votado para a Secretaría Executiva.

Son estes os bordos máis salientables de Plácido Castro: a traducción, o xornalismo, o compromiso político, facetas todas elas vertebradas por un profundo humanismo, case renacentista podiamos dicir. A pesar dos seus méritos, incomprensiblemente, caeu nun esquecemento que unha Galicia xenerosa e necesitada das súas reflexións, tan actuais aínda, non se pode permitir. Podemos e debemos corrixir tan lamentable anomalía.

Xulio Ríos é director do IGADI