A Fundación Plácido Castro dixitaliza boa parte do seu fondo documental

A Fundación Plácido Castro dixitaliza boa parte do seu fondo documental

Neste último cuarto de ano, a Fundación Plácido Castro vén de actualizar a catalogación dos seus fondos documentais que posúen un grande valor patrimonial e tamén de dixitalizar boa parte deles como froito da colaboración coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Dita acción forma parte dun convenio de colaboración asinado entre as dúas institucións a finais deste ano que permitiu, entre outras cousas, a dixitalización dos fondos documentais do padroado así como a realización doutras actividades coma o I Seminario Permanente de Tradución que tivo lugar o pasado mes de novembro.

O proxecto levado a cabo por unha empresa externa á asociación tivo por finalidade a dixitalización e tratamento documental do fondo para facilitar a súa consulta e difusión tanto para investigadores especializados na materia como para calquera cidadán interesado na figura de Plácido Castro ou noutros aspectos da cultura galega. A documentación a coa que se traballou atopábase na sede da Fundación Plácido Castro, sita en Cambados. O proxecto incluíu os medios físicos e técnicos necesarios para o correcto desenvolvemento do traballo.

A dixitalización do fondo acadou un volume de 13 caixas normalizadas de documentación variada en tamaño A4, e inferiores, e soporte papel cun total de máis de 3500 imaxes. Tamén foi dixitalizado o material de maior tamaño dunha carpeta de documentos en A3, con máis de 300 imaxes.

Entre a documentación destacan:
● Correspondencia persoal e profesional con diversas personalidades do mundo cultural galego do pasado século (Otero Pedrayo, os irmáns Álvarez Blázquez, Vilar Ponte, …)
● Manuscritos das súas traducións
● Orixinais dos guións da BBC en galego
● Manuais orixinais sobre a didáctica do inglés-galego
● Artigos xornalísticos
● Fotografías, entre elas as realizadas en Irlanda nos anos 1920.

A dixitalización permitirá unha mellor accesibilidade a toda esta documentación pois preténdese incorporar á propia web da fundación nunha segunda fase.