A Fundación Plácido Castro participa na xuntanza da asemblea fundacional da Asociación Religa

A Fundación Plácido Castro participa na xuntanza da asemblea fundacional da Asociación Religa

O pasado venres 19 de xullo, o secretario da Fundación Plácido Castro, Jacobo Domínguez, participou na asemblea fundacional da asociación de que acolle ás fundacións, casas e  museos de escritoras e escritores galegos. A creación da asociación vense traballando dende fai máis dun lustro acelerándose o proceso na última edición do Culturgal.

Na primeira reunión do Padroado da Fundación neste ano 2024 tomouse a decisión de adherirse a tan interesante iniciativa.

Son cerca de trinta entidades as que certificaron o seu ingreso ou están en camiño de facelo. Entre elas atópanse as de Rosalía de Catro, Curros Enríquez, Pondal, Otero Pedrayo, Castelao, Manuel María, Novoneyra,…Incluso está en proxecto que formen parte tamén da asociación algunhas institucións do norte de Portugal como a Casa Miguel Torga.

Coa unión da maior parte das fundacións e museos tentarase aproveitar sinerxías e recursos comúns para o ben de todas elas e para o ben da cultura galega. A Xunta de Galicia, da man do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García anunciou a total colaboración coa iniciativa e felicitou a tódalas entidades alí presentes.

Como temas importantes nesta primeira xuntanza destacan a activación dos recursos de comunicación da Asociación para dar a coñecer dunha forma directa e coordinada a actividade de cada un dos membros. Tamén establecéronse uns contactos con entidades portuguesas que probablemente continúen nunha visita á Cámara de Sabrosa ese outono.

A próxima reunión terá lugar en Outeiro de Rei no mes de outubro no que se establecerá unha xunta directiva e un plan de acción para os seguintes anos. Para dita reunión agárdase superar a trintena de fundacións, museos e espazos literarios galegos.

Padrón, 19 de xullo de 2024, Casa da Matanza, sede da fundación Rosalía de Castro

 

Arquivos anexos a descargar: