“A propósito da viaxe de Plácido Castro ás Illas Blasket (Irlanda, 1928)”

“A propósito da viaxe de Plácido Castro ás Illas Blasket (Irlanda, 1928)”

Froito da colaboración entre o Instituto Galego de Historia e a Fundación Plácido Castro, xa se pode descargar de balde a edición, baixo o coidado de Uxío Breogán Diéguez Cequiel e Xulio Ríos, dos relatorios presentados no seminario sobre o tema celebrado en Vilagarcía de Arousa o 25 de xuño de 2019. Ademais dos editores, conta coa participación de David Clark, Keith Payne e Manuela Palacios.

Plácido Castro realizou en 1928 unha viaxe por Irlanda e as illas Blasket que recolleu en diferentes colaboracións en medios de comunicación de Galicia da época. Hoxe o seu testemuño, literario e gráfico, constitúe un documento de gran valor que quixésemos dar a coñecer ao gran público a través dunha exposición.

Como moitos dos seus coetáneos, Plácido Castro desenvolveu ao longo da súa vida unha gran admiración por Irlanda, a súa historia e a súa cultura, que coñecía en profundidade. Foron múltiples as súas colaboracións xornalísticas a propósito de Irlanda reproducidas en medios de Galicia, de Portugal ou tamén nos programas en galego e castelán da BBC, entre 1927 e 1966, revelándose como unha das grandes constantes da súa vida. Tamén é autor de excelentes traducións de poetas irlandeses como George Russell, William Allingham, Joseph Campbell, Seamus Cartan, Padraic Colum, Thomas Moore, Antoine Ó Raifteiri, Aogán Ó Rathaille, Padraig Pearse, James Stephens e, por suposto, o Nobel Yeats.

A xeración galeguista do tempo de Plácido Castro sentía unha fonda admiración por Irlanda; non obstante, de todos os grandes nomes que a integraron só Plácido chegou a pisala naqueles anos de tantas esperanzas.

A Fundación ten publicado varios volumes sobre a relación de Plácido Castro con Irlanda a través dos seus ensaios e colaboracións xornalísticas.

Os obxectivos da actividade foran:

  1. Divulgar o relato literario e fotográfico da viaxe de Plácido Castro á Irlanda de 1928 e, en especial, ás illas Blasket.
  2. Significar e promover a proximidade entre Galicia e Irlanda.

Foi tamén complemento da exposición das 45 fotografías que realizou Plácido Castro, agrupadas en catro seccións (Xentes, Vida, Patrimonio histórico, Paisaxes),  reproducidas en 14 paneis, e que xa visitou varios concellos de Galicia.

Nela colaboraron tamén a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Embaixada de Irlanda en Madrid participa na iniciativa.

Arquivos anexos a descargar: