As “Brincadeiras Poéticas” de Plácido Castro, por Xulio Ríos

As “Brincadeiras Poéticas” de Plácido Castro, por Xulio Ríos

Brincadeiras poéticas

Dí María do Cebreiro Rábade, estudosa da poesía de Plácido Castro, que entre tódalas vidas que viviu, se sentiu sempre intimamente vinculado á condición de poeta. E, certamente, podemos dicir que a poesía non só é parte inseparable do seu orbe afectivo senón tamén unha viga principal do Plácido intelectual.

Nos anos cincuenta, diante dos micrófonos da BBC, Plácido apuntaba á poesía como a arte máis fermosa. Sabía do que falaba pois a súa obra tradutora centrouse precisamente na poesía e daquela tiña xa moito camiño andado. “A inmortalidade gáñase mellor cunha ducia de poemas nunha antoloxía que con todos os efémeros trunfos dos potentados e todo o brillo da fortuna dos aventureiros das finanzas”, chegou a sinalar para destacar a alta estima en que tiña esa particular comunidade.

Plácido traducía ao galego porque consideraba que “á nosa lingua ningunha lle gana en cualidades e posibilidades poéticas”. Mesmo durante a ditadura, cando comparecía na prensa, se ben os artigos habían estar escritos en castelán, os fragmentos poéticos inseridos neles estarían recollidos en galego.

A novidade de “Brincadeiras poéticas” que ven de publicar a Fundación Plácido Castro é que engade a esa condición de tradutor-poeta de Plácido, a súa propia obra lírica. E faino con 19 poemas agrupados en dous segmentos claramente definidos. O primeiro, integrado por 12 composicións baixo a denominación de “O Fillo”, e outros 7 máis de diversa temática. Entusiasmo no primeiro caso ante a emoción suxerida pola paternidade, e escepticismo, caústico ás veces, con retranca sempre, no segundo.

Sabemos do Plácido político, xornalista, tradutor, esas vocacións que conformaron a súa vida como un referente indispensable do galeguismo. Outras vocacións tardías, como a docencia ou esta de poeta, abundan no cerne dun intelectual que converteu a identidade no valor esencial da nosa forma de estar no mundo.

As imaxes que acompañan esta edición, concibidas expresa e xenerosamente por outros tantos artistas galegos para a ocasión, acrecenta o valor da obra cun lirismo visual que fará as delicias dos lectores.

A excelencia da figura e obra de Plácido Castro ten neste volume unha mostra máis que engadir á persistente labor de recuperación e dignificación do seu firme compromiso con Galicia.

(Para Galicia Digital)