A Fundación Plácido Castro súmase, como en anteriores ocasións, á efeméride do Día das Letras Galegas, pois converxe plenamente cos seus obxectivos e demandas.
Como dicía Plácido: “O feito de ser unha creación do noso pobo é unha razón que abonda para que o galego sexa para nós a lingua máis importante do mundo”.
Nesta oportunidade temos, ademais, razóns adicionais para que a nosa achega e compromiso teña un significado especial. Dunha banda, Xela Arias recibiu en 2004, a título póstumo, o Premio Plácido Castro de Tradución pola súa tradución de O Spleen de París, de Baudelaire. Doutra, polo especial afecto e complicidade do seu pai, Valentín Arias, coas actividades da Fundación.
É por iso que ao tempo de expresar a nosa ledicia por este recoñecemento a Xela Arias, tamén tradutora, sinalamos expresamente que para a Fundación Plácido Castro este non é un ano máis.