Discurso de Eva Almazán ao recibir o Premio Plácido Castro de Tradución

Discurso de Eva Almazán ao recibir o Premio Plácido Castro de Tradución

Quero empezar dándolle os parabéns ó profesor Parada por este premio tan merecido. Como xa sabe, para min é unha honra compartilo con el.

Tamén quero darlles as grazas, como non pode ser doutra forma, á Fundación Plácido Castro polo seu labor clave en prol da tradución literaria, á vila de Corcubión por acollernos neste espazo tan senlleiro e, por suposto, ós membros do xurado por premiar esta tradución miña de entre as moitas que consideraron. Aproveito este momento para confesar que aínda me fai máis ilusión recibir este premio ó saber que algúns membros do xurado foron os meus profesores de Tradución. Xa choveu daquela, pero aínda é hoxe o día que tento imaxinar que solución nos suxeriría tal profesora ou que estratexia nos recomendaría tal profesor cando topo cunha palabra dificultosa ou cunha frase revirada. O meu respecto e o meu agradecemento van sempre para quen me aprendeu a base deste oficio.

Dicía ó principio que é unha honra compartir este galardón co profesor Parada, e quero agora retomar este fío, porque a decisión do xurado de premiarnos ex aequo posúe un importante valor simbólico máis alá do laureamento destas dúas traducións en concreto. Hei tratar de explicalo.

Cando eu entrei no mundo editorial, hai agora vinte e cinco anos, a tradución literaria seguía a ser o que en distintos foros teño chamado un exercicio de militancia cultural galeguista. Existía unha intelligentsia, profundamente comprometida co proxecto normalizador, que investía o seu tempo, o seu talento e incluso os seus cartos en ir enchendo de traducións os baleiros andeis da biblioteca galega, e iso en paralelo á súa profesión principal. Era un labor encomiable e imprescindible, pero insuficiente, porque un sistema editorial que se prece non pode cimentarse exclusivamente no voluntarismo. Para que sexa normal –no senso sociolingüístico–, o sistema ten que apoiarse nun segundo piar: nun corpo de tradutores (e de editores, revisores, correctores, maquetadores…) profesionais. Ten que existir un gremio que día a día mova as engrenaxes, facendo o groso do traballo coma en calquera outro oficio; este é o gremio a que me honra pertencer. Só que a ese labor cotián ten que se lle sumar a achega preciosa e imprescindible de figuras sobranceiras provenientes doutros ámbitos: ese poeta que traduce outro poeta estranxeiro, esa especialista nunha escola filosófica que traduce a súa obra fundacional… ou ese singular experto en acadio que asina a monumental tradución dunha obra clave da historia do mundo, como é precisamente o caso do profesor Parada.

O exemplo por excelencia da convivencia harmoniosa e frutífera destas dúas formas de cultivar a tradución literaria témolo, como é ben sabido, en Rinoceronte, a editora dos dous textos premiados nesta edición. E coa concesión ex aequo deste premio a dous representantes dun e doutro modo de traducir, esa dualidade virtuosa de Rinoceronte en particular e do sistema en xeral queda referendada, visibilizada e celebrada polos estamentos representados no xurado: o profesional, o académico, o institucional e o artístico. Coa súa decisión, o xurado está dando fe de que, con todas as súas eivas e insuficiencias (que as hai, e non poucas, coma en todos os sistemas culturais), en apenas vinte e cinco anos a tradución literaria galega deu o paso definitivo cara á normalización.

Antes dicía que me pregunto decote como traduciría isto ou aquilo tal ou cal docente. Hoxe pregúntome tamén que pensaría Plácido Castro se vise o longo camiño que percorremos no mundo da tradución literaria en Galicia. Para min que estaría orgulloso, tanto coma min ó recibir este premio.

Grazas.

Arquivos anexos a descargar: