Laureano Araujo gañador da XIXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Laureano Araujo gañador da XIXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución

Reunido en Cambados o 22 de xuño, o xurado da XIXª edición do Premio Plácido Castro de Tradución acordou por unanimidade premiar a tradución de Laureano Araujo da obra do escritor suízo Friedrich Glauser, “Schlumpf, Erwin: Homicidio”.

O xurado, integrado nesta edición por D.ª Olga López López (Xunta de Galicia), D. Gabriel Álvarez (Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación), D. Xosé María Gómez Clemente (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), D. Xavier Senín Fernández (Real Academia Galega), Constantino Cordal Rodríguez (Fundación Plácido Castro) e D. Xulio Ríos (Presidente de Honra do IGADI), quen actuou en calidade de secretario do xurado, con voz pero sen voto, destacou a moi elevada calidade desta tradución, que mostra unha gran fluidez e dominio tanto do alemán como do galego. Igualmente chama a atención sobre a dificultade de incorporación dos dialectalismos propios do cantón alemán de Suíza, así como o recurso ás notas a pe de páxina que axudan a contextualizar a obra. Supón a primeira tradución ao galego deste escritor.

Formado en Dereito e Ciencia Política, ademais de poeta, Laureano Araujo (Berna, 1964) exerce como profesor de alemán no ensino secundario e ten traducido a autores como Joseph Roth, Heinrich Böll, Thoman Mann ou Stefan Zweig.

A propósito de Friedrich Glauser, o propio Laureano Araujo ten sinalado que pasou á historia como un innovador do xénero policial, no cal introduciu a crítica social, e como o pai da novela negra en alemán. De feito, en Alemaña concédese anualmente o prestixioso Premio Friedrich Glauser, o galardón de literatura policial máis importante dos países xermanófonos. Glauser desmitifica a imaxe idílica de Suíza, iluminando as súas miserias e inxustizas ocultas, e é hoxe un dos escritores suízos máis emblemáticos, grazas, sobre todo, ao seu sarxento Studer, cuxa primeira aventura, Schlumpf, Erwin: Homicidio, se considera a mellor novela policial en lingua alemá. Jakob Studer é un funcionario da policía de aspecto robusto, carácter calmo e poucas palabras, como se corresponde coa súa condición de bernés testán e lento. A súa aparencia un tanto rústica, e mais o seu xeito de traballar pouco ortodoxo, adoitan facer que o subestimen. Studer é un detective humanizado, unha sorte de antítese de heroes como, por exemplo, o superdotado e frío Sherlock Holmes. Polas súas características, podería perfectamente ser un policía galego.

O premio consiste nun diploma acreditativo e unha peza escultórica deseñada expresamente para o concurso, obra de Xaquín Chaves. Así mesmo, estará dotado con 2.000 euros. A data e lugar da entrega do premio daranse a coñecer pola Fundación.

Arquivos anexos a descargar: