Máis Irlanda na axenda da Fundación Plácido Castro

Máis Irlanda na axenda da Fundación Plácido Castro

O Instituto Universitario de Investigación de Estudos Irlandeses, Amergin (UDC) e a Fundación Plácido Castro asinaron en Cambados un protocolo de colaboración co propósito de concretar entre ambas as dúas entidades unha axenda que contemple a realización de actividades de estudo e sensibilización arredor da relación Irlanda-Galicia tanto na perspectiva histórica como contemporánea, tanto no eido social como cultural, académico, investigador, etc.

O protocolo dispón a planificación de actos cívicos con especial atención ás diferentes manifestacións artísticas asociadas co mundo celta ou  a promoción dos intercambios que faciliten o coñecemento mutuo e a cooperación entre institucións e sociedades das dúas comunidades.

Na sinatura, Susi Castro, presidenta da Fundación, lembrou que esta ten promovido diferentes actividades para exaltar os vencellos con Irlanda: dende unha exposición relativa á viaxe efectuada por Plácido Castro en 1928 ata a edición bilingüe das crónicas desa viaxe ou a compilación de todos os artigos relacionados con Irlanda escritos ao longo da súa vida. Tamén as súas traducións de poetas irlandeses destacan no volume compilatorio Verbas Atlánticas. En 2020 realizáronse en Vilagarcía unhas xornadas de estudo sobre este tema e tamén téñense dedicado varias das súas conferencias anuais a Irlanda. Precisamente este ano, celebrada en Oleiros, versou sobre a importancia de Irlanda para o galeguismo e a significación de Plácido Castro na conformación do seu discurso.

Pola súa banda, David Clark, presidente do Instituto Universitario de Investigación de Estudos Irlandeses, Amergin (UDC), destacou as moitas semellanzas existentes entre Galicia e Irlanda e reiterou a vontade de facer máis e mellor a favor deste proxecto de conectividade entre as dúas sociedades e mesmo con outros pobos célticos, maximizando ese capital de talento que representa a figura de Plácido Castro.

Entre as propostas inmediatas baralladas figura o establecemento dun itinerario turístico-cultural que transcorra polos lugares que Plácido Castro visitou en 1928; recitais poéticos bilingües ou audicións de música celta.

No acto da sinatura estiveron tamén presentes os padroeiros da Fundación Tino Cordal e Xulio Ríos.

 

Arquivos anexos a descargar: