A vixésimo segunda Conferencia Anual Plácido Castro terá lugar o vindeiro sábado 17 de xullo en Fisterra, ás 20,00 horas, no salón de plenos do Concello.
Nesta ocasión, será impartida por Manuel Gago, quen é doutor en Ciencias da Información pola USC, universidade na que tamén imparte aulas. Dirixe o portal do Consello da Cultura Galega e é autor dunha recoñecida obra narrativa con volumes como “O anxo negro” (xerais, 2016) ou “Nus” (Xerais 2021). Tamén ten feito incursións no ensaio con “Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI” (2.0 editora). Igualmente, ten comisariado exposicións e desenvolvido actividades no eido da arqueoloxía.
O tema a abordar “Plácido Castro e o Camiño de Santiago” non pode ser mais oportuno neste Ano Xacobeo. O punto de arranque é un artigo que leva por título: ‘Roncesvalles y Compostela’, publicado no Faro de Vigo (25/07/1961) no que Plácido reivindica o papel de Galicia na dinamización do Camiño de Santiago. Daquela, case ninguén facía o camiño.
Habitualmente, esta conferencia organízase coincidindo co natalicio do autor de Corcubión (25 de xaneiro). Nesta ocasión, por mor da pandemia, debeuse desprazar ao 17 de xullo, aniversario do seu pasamento en 1967.
O Concello de Fisterra colabora activamente coa Fundación Plácido Castro e ademais da organización do acto, promoverá a edición posterior da conferencia.
A Fundación Plácido Castro creouse en 2001 a instancias do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). Nela participan tamén os concellos de Corcubión, Cambados e Vilagarcía de Arousa, ademais da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación. Ten por obxecto a reivindicación da vida, obra e pensamento de Plácido Ramón Castro del Río (1902-1967), atendendo á conservación e divulgación do seu fondo compromiso con Galicia e cunha visión universalista do mundo. Está presidida por Susi Castro e dirixida por Xulio Ríos.